A guerra en Irán dispara a inflación ao 4,8%, o máximo en tres anos e medio

Evolución recente do IPC en Galicia e España sobre unha imaxe de Donald Trump ante un petroleiro un día antes de iniciar os ataques contra Irán © Montaxe: Praza.gal Imaxe: The White House

O IPC interanual sobe sete décimas en relación ao mes de xullo e sitúase no seu nivel máis alto en Galicia dende febreiro de 2023

O pasado 28 de febreiro Estados Unidos e Israel iniciaron unha serie de ataques contra Irán que case sete meses despois seguen convertidos nunha guerra enquistada e con múltiples derivacións na rexión e no conxunto do planeta. O bloqueo do Estreito de Ormuz -primeiro a cargo de Irán e despois tamén por parte dos Estados Unidos-, e os ataques iranianos contra os aliados estadounidenses no Golfo Pérsico levan meses disparando o prezo do petróleo e, consecuentemente, dos carburantes e do índice de prezos de consumo en todo o mundo. 

O planeta vive instalado nunha crise de prezos que ameaza os petos e o poder adquisitivo de toda a poboación mentres o goberno de Donald Trump non dá mostras de querer camiñar cara a unha saída do conflito. Hai apenas uns días, os avances de Ansar Alá na Guerra en Iemen co control do tamén fundamental Estreito de Bab el-Mandeb e os exitosos ataques xiítas contra o oleoduto saudí Leste-Oeste engadiron un novo factor de desestabilización do comercio mundial, especialmente do de produtos enerxéticos.

Galicia rexistra o nivel de inflación máis alto de todo o Estado, por diante de Castela e León, Madrid e Castela-A Mancha (4,7%) e case un punto por riba de Asturias, Cataluña ou Andalucía

As consecuencias hai tempo que se veñen notando no día a día da cidadanía. Os prezos da gasolina roldan xa os dous euros por litro e a inflación disparouse en agosto ao seu nivel máis alto dende comezos de 2023, aínda nos primeiros meses da Guerra en Ucraína. O índice interanual de prezos de consumo situouse o mes pasado en Galicia no 4,8%, sete décimas máis que en xullo e medio punto por riba da media española (4,3%).

Galicia rexistra o nivel de inflación máis alto de todo o Estado, por diante de Castela e León, Madrid e Castela-A Mancha (4,7%) e case un punto por riba de Asturias, Cataluña ou Andalucía.

O gran detonante desta nova crise de prezos é o incremento do custo do petróleo, que este martes rolda os 108 dólares por barril, o nivel máis elevado dende maio e só un chisco por debaixo dos 115 dólares que chegou a acadar a comezos de marzo

O gran detonante desta nova crise de prezos é o incremento do custo do petróleo, que este martes rolda os 108 dólares por barril, o nivel máis elevado dende maio e só un chisco por debaixo dos 115 dólares que chegou a acadar a comezos de marzo, xusto despois do inicio dos ataques contra Irán.

Nos últimos meses o progresivo encarecemento do petróleo levou aos carburantes a aumentos dun 33% dende os niveis previos ao inicio dos ataques contra Irán. A Gasolina 95 pasou de custar 1,48 euros por litro en febreiro a ter un prezo medio na última semana de 1,93 euros por litro, por riba dos dous euros xa en moitas estacións de servizo. O Gasóleo A, que tamén chegara a roldar os dous euros por litro en marzo, atópase agora nos 1,9 euros por litro.

Os prezos, que o Goberno central conseguira conter coa redución temporal de impostos aplicados ás gasolinas e gasóleos, disparáronse de novo coa retirada de parte destas axudas e co renovado aumento do custo do petróleo.

Neste contexto as vendas de vehículos eléctricos están a dispararse en Galicia e xa superan as de turismos e todoterreos movidos con gasolina ou gasóleo.

Este novo encarecemento dos prezos dos carburantes aínda non se trasladou a outros capítulos de gasto, como por exemplo a alimentación

Este novo encarecemento dos prezos dos carburantes aínda non se trasladou a outros capítulos de gasto, como por exemplo a alimentación. O índice interanual de prezos dos alimentos, que chegou a superar o 16% a comezos de 2023, atópase no 2,7%. O mesmo sucede con outros grupos de gasto, coma o vestido e calzado, sanidade, ensino ou a restauración e aloxamento (+3,7%). 

Si soben con forza o transporte (+11% en relación a agosto de 2025), a calefacción, luz e auga (+11,6% debido sobre todo ao encarecemento do gas) e por suposto os carburantes (+22,7%).

É de esperar que nos vindeiros meses os produtos alimenticios e outros elementos de primeira necesidade si se encarezan debido ao aumento do prezo dos carburantes. 

De momento, a inflación subxacente -que non ten en conta produtos enerxéticos nin alimentos non procesados- mantense, máis contida, no 3,3% interanual, o nivel máis alto dende xuño do ano 2024. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.