As vendas de vehículos enchufables superan xa as de gasolina e diésel en Galicia

Recarga dun coche eléctrico en Galicia CC-BY-SA Xunta

Entre xaneiro e agosto as matriculacións de enchufables foron o 30% do total, un total de 6.356, mentres que as de vehículos de gasolina foron o 18% (3.797) e as de diésel o 3% (631)

Este mércores 9 de setembro celébrase o Día Mundial do Vehículo Eléctrico, unha iniciativa internacional creada hai uns anos por un grupo de empresas para promocionar a súa compra. A presenza deste tipo de vehículos aínda é minoritaria en Galicia: o pasado ano 2025 pechou con pouco máis de 15 mil turismos eléctricos no país, apenas o 0,43% do total de vehículos matriculados totais, unha proporción que no conxunto do Estado é o dobre.

Porén, as vendas deste tipo de vehículos están a dispararse nos últimos tempos, especialmente no que levamos de ano. Segundo os datos de ANFAC a partir das estatísticas oficiais de matriculacións da DGT, no que levamos de 2026 vendéronse en Galcia máis turismos e todoterreos enchufables -eléctricos puros e híbridos enchufables- que movidos por fontes tradicionais e altamente contaminantes como a gasolina e o diésel.

Tan só as matriculacións de eléctricos puros (3.741) practicamente igualan as de vehículos de gasolina (3.797) en Galicia

En concreto, as matriculacións de enchufables foron o 30% do total, un total de 6.356, mentres que as de vehículos de gasolina foron o 18% (3.797) e as de diésel o 3% (631). De feito, tan só as matriculacións de eléctricos puros (3.741) practicamente igualan as de vehículos de gasolina (3.797).

O groso de matriculacións corresponde aos vehículos híbridos, que representan case a metade de todas as vendas de turismos e todoterreos realizadas entre xaneiro e agosto en Galicia (o 49%), cunha cota de mercado que segue a medrar, aínda que se forma lenta (43% en 2024, 47% en 2025).

O groso de matriculacións corresponde aos vehículos híbridos, que representan case a metade de todas as vendas de turismos e todoterreos

2026 está a supor un cambio de paradigma no mercado do automóbil en España e tamén en Galicia. A pesar de que 2025 xa supuxera un incremento moi notable, a realidade é que as vendas de eléctricos se mantiñan en cifras cativas. No que levamos de ano as vendas de eléctricos puros están a aumentar o 89% en relación ao mesmo período do pasado ano. 

Medran tamén as de híbridos enchufables (+29%) e as de híbridos non enchufables (+26%). En cambio, descenden as de vehículos movidos por diésel (-32%), gasolina (-10%) e gas (-23%).

E isto, a pesar de que a infraestrutura de puntos de recarga dispoñibles para o público continúa a ser cativa en Galicia, especialmente comparada coa existente noutros territorios

E isto, a pesar de que a infraestrutura de puntos de recarga dispoñibles para o público continúa a ser cativa en Galicia, especialmente comparada coa existente noutros territorios. Aínda que está a medrar con rapidez -Galicia duplicou nos dous últimos anos os puntos de recarga-, segue a ser a segunda comunidade autónoma do Estado cun menor número destes elementos, segundo as análises do sector, só por diante de Andalucía.

A rede de puntos de recarga medrou nas zonas urbanas (nun ano pasou de 708 a 787, un 11% máis) pero sobre todo nas estradas interurbanas (de 1.002 a 1.276, un 27% máis). Porén, tan só 180 teñen unha potencia superior aos 150 kW.

No que levamos de ano as vendas de eléctricos puros están a aumentar o 89% en relación ao mesmo período do pasado ano

En todo caso, semella que o notable aforro económico que supón cargar a batería do coche -sobre todo para quen ten un cargador no seu garaxe- en relación a facelo con gasolina e diésel, está a animar a cada vez máis persoas a dar o paso ao vehículo eléctrico. De feito, no que levamos de ano o incremento das vendas de vehículos enchufables en Galicia (+58,2%) está sendo mesmo superior ao que se rexistra no conxunto do Estado (+34,8%). Tamén supoñen un importante impulso, dende logo, as axudas ofrecidas polo Goberno do Estado á cómpra de vehículos eléctricos, coma as incluídas no Programa Auto+.

O Tesla Model 3, o Tesla Model Y, o BYD Dolphin Surf, o KIA EV3, o Toyota C-HR+ e o BYD ATTO 2 son os modelos eléctricos máis vendidos en España no que levamos de ano.

Unha tendencia a medrar

Mentres que en xaneiro e febreiro as matriculacións de turismos eléctricos supuxeron preto do 10%, en marzo e abril acadaron xa o 16% e a partir de maio xa superaron os de gasolina, rozando o 20%

O incremento da cota de mercado en Galicia dos vehículos enchufables e, sobre todo, dos eléctricos puros está a acelerarse nos últimos meses, como se pode observar nos datos oficiais fornecidos pola DGT. Mentres que en xaneiro e febreiro as matriculacións de turismos eléctricos supuxeron preto do 10%, en marzo e abril acadaron xa o 16% e a partir de maio xa superaron os de gasolina, rozando o 20%.

En agosto, a suma das vendas de eléctricos (19,2%) e híbridos enchufables (12,8%) case que duplicou as de gasolina (17%).

Os indicadores galegos e españois seguen, con todo, moi lonxe dos que xa se están a rexistrar noutros países da UE

Os indicadores galegos e españois seguen, con todo, moi lonxe dos que xa se están a rexistrar noutros países da UE. Por suposto, en Noruega (onde os eléctricos hai tempo que superan o 90%) ou Dinamarca (86% en agosto), pero tamén en Francia (38% en agosto) ou Portugal (36%). Malia os avances dos últimos dous anos, España é aínda un dos países de Europa occidental cunha menor porcentaxe de matriculacións de vehículos eléctricos, superando unicamente a Italia entre os países principais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.