Un país na ITV: os coches de máis de 15 anos son maioría en case todos os concellos

Concellos cunha maior porcentaxe de coches de máis de 15 anos © Montaxe: Praza.gal Imaxe: Ayto. Valdemoro

O 57% dos turismos matriculados en Galicia teñen xa máis de 15 anos, unha porcentaxe de que non deixou de medrar nos últimos anos e que en 2015 era tan só do 35%

Os coches que circulan por Galicia son cada vez máis antigos. O parque de vehículos rexistrados ten unha antigüidade media de 16 anos e medio, tres anos máis que hai unha década. É unha tendencia común ao conxunto do Estado, pero Galicia supera amplamente a media española (15 anos) e é unha das comunidades autónomas con coches máis vellos, só por detrás dos datos de Castela e León e Castela-A Mancha.

O 57% dos turismos matriculados en Galicia teñen xa máis de 15 anos, unha porcentaxe de que non deixou de medrar nos últimos anos e que en 2015 era tan só do 35%. Trátase, hai que telo en conta, de datos sobre os vehículos rexistrados, non os que circulan realmente polas rúas, pero en todo caso o envellecemento do parque é evidente.

O envellecemento do parque automobilístico galego é común a case todo o territorio e en practicamente todos os concellos máis da metade dos turismos rexistrados teñen máis de 15 anos. As únicas excepcións son Palas de Rei, Oleiros, Ames, Portomarín, Bueu, Culleredo, Ribeira, Cambre e Santiago

Dende o 2015 a porcentaxe de coches de máis de 25 anos pasou do 10% ao 16% do total. E, en cambio, o peso dos coches con menos de 8 anos reduciuse do 25% ao 20%. É máis: os coches novos, con menos de 4 anos, pasaron de ser o 10% a significar unicamente o 7,5%.

O envellecemento do parque automobilístico galego é común a case todo o territorio e en practicamente todos os concellos máis da metade dos turismos rexistrados teñen máis de 15 anos. As únicas excepcións son Palas de Rei, Oleiros, Ames, Portomarín, Bueu, Culleredo, Ribeira, Cambre e Santiago de Compostela, onde este grupo de vehículos non chega ao 50%. Mesmo na cidade da Coruña o 51,4% dos turismos matriculados ten máis de 15 anos.

Palas de Rei é o concello con máis vehículos rexistrados nos últimos anos en relación ao seu número de habitantes

Palas de Rei leva anos encabezando estatísticas relacionadas coa automoción. Trátase dun dos concellos con máis vehículos rexistrados nos últimos anos en relación ao seu número de habitantes e o seu alcalde, Pablo Taboada, gábase de manter as taxas e impostos aplicados a eles no mínimo legal, o que pode atraer a persoas que non residen no concello pero si rexistran ali o seu vehículo.

O pasado ano Palas de Rei tiña, por exemplo, 1.474 turismos de menos de catro anos rexistrados no Concello. Todo nun concello de pouco máis de tres mil habitantes (3.245) e menos de dous mil condutores e condutoras (1.947), pero que suma máis de catro mil coches matriculados (4.164), máis de dous por cada condutor ou condutora e máis coches que persoas empadroadas.

Fenómenos semellantes -aínda que menos extremos- ocorren noutras localidades, como Portomarín ou A Pastoriza, tamén con máis coches que habitantes.  E tamén en Avión, A Teixeira, Carballedo, Guntín, Taboadela, Vilar de Barrio, Castro Caldelas, Padrenda, todos eles case con tantos vehículos como veciñanza.

En todo caso, alén de factores que distorisionan un chisco a estatística -como a matriculación de vehículos en concellos distintos ao de residencia-, o mapa amosa como as zonas rurais son as que rexistran unha maior porcentaxe de vehículos vellos, especialmente a provincia de Ourense, o leste e o sur da provincia de Lugo e o interior da provincia de Pontevedra.

Nos últimos anos o número de turismos matriculados en Galicia non deixou de medrar, pasando de 53,6 vehículos por cada 100 habitantes en 2015 a case 60 en 2025 (59,6). Pero os coches descenden nas cidades

Neste senso, Moeche, Baltar, Padrenda, Petín, Castrelo do Val, Ribeira de Piquín, Muras ou Cervantes son os concellos cunha maior porcentaxe de vehículos de máis de 25 anos, en todos os casos por riba do 70%. En San Xoán de Río, O Irixo, Castro Caldelas, A Teixeira, Boborás, Padrenda, Petín ou Avión máis do 30% dos turismos teñen máis de 25 anos.

No outro extremo, os concellos con maior porcentaxe de vehículos de menos de 8 anos son os xa devanditos casos de Palas de Rei, Portomarín e A Pastoriza, pero tamén localidades urbanas como Oleiros, Ames, Santiago, San Cibrao das Viñas, Culleredo, Teo ou A Coruña, o mesmo que Bueu ou Barreiros. En canto aos vehículos mercados nos últimos catro anos, a listaxe está encabezada por estes mesmos concellos.

7.500 coches menos nas cidades en catro anos

As matriculacións reducíronse na Coruña, Vigo, Ferrol e Ourense e aumentaron lixeiramente en Lugo, Santiago e Pontevedra. Porén, se poñemos o dato en relación coa poboación, en todas as cidades baixou o número de coches por habitante

Aquí entra unha cuestión significativa. Nas zonas urbanas dos países avanzados está a iniciarse un proceso polo cal comezan a estabilizarse e mesmo a descender as cifras de coches matriculados e tamén de condutores e condutoras, debido á vantaxe que nas grandes cidades supón o transporte público ou os vehículos de mobilidade persoal sobre o vehículo privado. 

Nos últimos anos o número de turismos matriculados en Galicia non deixou de medrar, pasando de 53,6 vehículos por cada 100 habitantes en 2015 a case 60 en 2025 (59,6). En cambio, nese tempo, por exemplo, na cidade da Coruña, a proporción reduciuse de 45,5 a 43,9, cun descenso iniciado realmente no 2021. Na Coruña baixa tamén o número de condutores e condutoras (de 46,3 por cada 100 habitantes en 2021 a 43,9 en 2025), mentres que no conxunto de Galicia a proporción se mantén estable.

Na Coruña é onde o descenso no número de vehículos matriculados foi máis importante nos últimos anos en termos proporcionais, pero en Vigo as cifras foron semellantes e no conxunto das sete cidades galegas hai neste momento 7.500 coches menos que en 2021. 

As matriculacións reducíronse na Coruña, Vigo, Ferrol e Ourense e aumentaron lixeiramente en Lugo, Santiago e Pontevedra. Porén, se poñemos o dato en relación coa poboación, que nestes catro anos se incrementou en case 15 mil persoas, en todas as cidades baixou o número de coches por habitante.

Iso si, na maior parte dos concellos que roden ás cidades o número de vehículos rexistrados segue a aumentar, polo que é probable que nas rúas céntricas das urbes non se notara o descenso de matriculacións, xa que unha parte importante do tráfico que sofren procede das localidades da contorna.

Pouco máis de 15 mil vehículos eléctricos en 2025

Apenas o 0,43% dos turismos son totalmente eléctricos, unha proporción que é o dobre no conxunto do Estado

No ano 2025 estaban matriculados en Galicia pouco máis de 15 mil vehículos. A cifra, que está a experimentar un importante ascenso nos primeiros meses deste 2026, segundo os datos da Asociación Española de Fabricantes de Automóbiles e Camións (Anfac), leva anos en ascenso e, por exemplo, duplicouse entre 2023 e 2025. Porén, o nivel é aínda moi baixo e a cantidade de turismos totalmente eléctricos é aínda moi minoritaria, apenas un 0,3%, algo superior nos turismos (0,43%). 

Galicia é unha das comunidades autónomas con menor penetración do vehículo eléctrico, que no conxunto do Estado supón un 0,89% dos turismos rexistrados, algo máis do dobre. Fronte aos 15 mil vehículos eléctricos, hai 1,3 millóns con motor diesel e 900 mil con motor de gasolina.

Por suposto, hai grandes diferenzas entre uns e outros concellos. Portomarín é a localidade na que os vehículos eléctricos teñen un maior peso (2,09%), xusto por diante de Abegondo e Palas de Rei. Nos primeiros lugares aparecen concellos das áreas metropolitanas das cidades, como Oleiros, Nigrán, San Cibrao das Viñas, Teo ou Bergondo. Tamén algunhas cidades, como Santiago, A Coruña ou Vigo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.