Un informe de TomTom sinala que a saturación do tráfico nas dúas cidades galegas máis poboadas empeorou en 2025
Os condutores que circulan polas cidades de Vigo e A Coruña tardan algo máis de vinte minutos en percorrer 10 quilómetros. É un dos datos que achega o informe que vén de publicar a popular aplicación TomTom e que analiza o tráfico nas principais cidades do planeta. Na información achegada por TomTom aparece como os distintos indicadores que buscan medir a conxestión da circulación empeoraron lixeiramente nas dúas cidades galegas dende o ano 2023.
O nivel medio de conxestión en Vigo sitúase no 31,4% e na Coruña no 29,4%, por debaixo dos datos de Valencia (41,6%), Barcelona (41,1%) e Madrid (38%), as tres peores cidades no Estado español, dentro das 25 analizadas. As dúas meirandes urbes galegas aparecen nos postos 12º (Vigo) e 17º (A Coruña), no medio da listaxe elaborada para este ano 2024. O indicador de conxestión refírese á media en que as situacións de tráfico saturado incrementan a duración dos desprazamentos en relación á duración desas viaxes sen tráfico.
A peor hora para circular nas dúas urbes son as seis da tarde, aínda que na Coruña os problemas mantéñense ás sete da tarde e aparecen tamén ás oito da mañá
O informe inclúe tamén datos como que o peor día para circular na cidade de Vigo durante o pasado ano 2025 foi o luns 22 de decembro, mentres que na Coruña foi o mércores 30 de abril. Así mesmo, amosa que a peor hora para circular nas dúas urbes son as seis da tarde, aínda que na Coruña os problemas mantéñense ás sete da tarde e aparecen tamén ás oito da mañá. De feito, polas mañás o nivel de conxestión é maior na Coruña que en Vigo. Ou, igualmente, sinálase que o tráfico empeora nos meses invernais, con días máis curtos, entre outubro e febreiro.
TomTom ofrece tamén información sobre a saturación do tráfico nas áreas metropolitanas de ambas as dúas cidades. Neste caso, o tráfico na área coruñesa aparece en peor situación (un nivel de conxestión do 38,7%) que a área viguesa (27,4%).
Máis de 800.000 vehículos circulan cada día polos principais accesos ás cidades galegas debido á deficiencia dos servizos de transporte metropolitano, coma o autobús ou o inexistente tren de proximidade
Máis de 800.000 vehículos circulan cada día polos principais accesos ás cidades galegas debido á deficiencia dos servizos de transporte metropolitano, coma o autobús ou o inexistente tren de proximidade. A Coruña é, con gran diferenza, a cidade na que entran e saen máis vehículos todos os días. Unha intensidade que se explica polo pequeno tamaño do seu termo municipal e as intensas relacións que mantén cos concellos que forman a súa área metropolitana (125 mil persoas viven só en Oleiros, Arteixo, Culleredo e Cambre, e moitas delas traballan na Coruña ou entran na cidade para actividade comerciais e de ocio).
A Coruña é, con gran diferenza, a cidade na que entran e saen máis vehículos todos os días
Máis de 200.000 coches empregan cada día as principais vías de acceso á cidade herculina, comezando pola AC-11 (Avenida de Alfonso Molina ou A Vedra), que supera os 100.000 vehículos diarios de media. Vigo e Santiago roldan os 150 mil e Ourense, Pontevedra e Ferrol achéganse aos 100 mil vehículos diarios, con cifras algo inferiores para Lugo. Os datos en todas as cidades amosan unha grande estabilidade nos últimos anos, pero si se comeza a advertir unha certa tendencia de descenso, notable do caso da Coruña.