Unha Galicia metropolitana e de proximidade: o 60% dos desprazamentos son de menos de 20 quilómetros

Vista de Vigo coas Cíes ao fondo e gráficos dos desprazamentos entre diversas localidades galegas CC-BY-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxe: pxhere

A Estratexia Galega de Mobilidade, que a Xunta puxo esta semana en exposición pública, parte dunha análise das actuais relacións de comunicación entre as distintas cidades e comarcas de Galicia e dos hábitos de mobilidade da cidadanía. Entre outros datos, esta análise parte dun estudo que dende o ano 2019 debullou os datos de posionamento dos teléfonos móbiles e que serve para ter unha visión de conxunto sobre os desprazamentos que os residentes en cada concello realizan habitualmente.

O 38% das viaxes teñen lugar no interior dos propios concellos e outro 54% cara a concellos da mesma provincia; apenas o 5,6% se dirixen a localidades doutra provincia galega e un 2,6% fóra de Galicia

A análise destes datos permitiu chegar a unha serie de conclusións sobre a mobilidade dos galegos e galegos que constitúe, ademais, unha foto fixa das relacións que se establecen entre uns e outros territorios. Cara a onde nos desprazamos? Imos moi lonxe? Que medio de transporte empregamos? En que medida unha e outra cidade ou unha e outra comarca están unidas por estas relacións (laboral, comercial, de ocio...)?

A propia Estratexia conclúe que a maior parte dos desprazamentos que galegos e galegas realizan a diario son curto, a maioría dentro do propio concello de residencia ou a concellos da mesma comarca ou área metropolitana. De feito, o 60% dos desprazamentos totais en Galicia son de distancia inferior a 20 quilómetros, superando os 50 quilómetros de distancia tan só un 10% dos desprazamentos totais.

Vigo é a que acumula un maior número de desprazamentos diarios, con máis de 668 mil viaxes, seguida da Coruña con 544 mil e Santiago con 427 mil. Lugo e Ourense roldan as 300 mil viaxes diarias e Pontevedra e Ferrol presentan cifras máis cativas

En concreto, o 38% das viaxes teñen lugar no interior dos propios concellos e outro 54% cara a concellos da mesma provincia; apenas o 5,6% se dirixen a localidades doutra provincia galega e un 2,6% fóra de Galicia. Por provincias, Lugo é o territorio onde os desprazamentos dentro da localidade de orixe teñen máis peso (en boa medida pola ausencia dunha área metropolitana na capital provincial).

A Estratexia, malia situar entre os seus obxectivos atender a esta comunicación metropolitana e, ademais, contribuír a reducir as emisións contaminantes apostando entre outras medidas polo fomento do transporte público, relega a promoción do tren de proximidade ou do transporte de ría, limitándose a recomendar a realización de estudos de viabilidade para algunhas melloras.

Por cidades, Vigo -como principal urbe de Galicia- é a que acumula un maior número de desprazamentos diarios, con máis de 668 mil viaxes (nun día laborable no inverno), seguida da Coruña con 544 mil e Santiago con 427 mil. Lugo e Ourense roldan as 300 mil viaxes diarias e Pontevedra e Ferrol presentan cifras máis cativas. 

Mentres que en Lugo o 62% dos desprazamentos teñen lugar no propio termo municipal e Vigo presenta unha porcentaxe tamén moi elevada, do 45%, no resto de urbes as cifras roldan o 30% cun mínimo na Coruña e Ferrol

Entre elas hai diferenzas importantes no alcance destas viaxes, pois mentres que en Lugo o 62% dos desprazamentos teñen lugar no propio termo municipal (moi extenso e sen área metropolitana) e Vigo presenta unha porcentaxe tamén moi elevada, do 45%, no resto de urbes as cifras roldan o 30% cun mínimo na Coruña e Ferrol, rodeados por concellos moi poboados (Oleiros, Cambre, Culleredo, Arteixo no caso coruñé e Narón no ferrolán) cos que manteñen unha relación moi intensa e continuada.

En calquera caso, a maior parte dos desprazamentos teñen como orixe ou destino a mesma provincia. Tan só Santiago presenta unha porcentaxe elevada (un 14%) de viaxes a outras provincias, un dato que tamén é elevado en Lugo e Ourense.

A Coruña mantén relacións moi estreitas con Oleiros, Arteixo e Culleredo (74 mil, 66 mil e 58 mil viaxes diarias) e, de feito, é a cidade que suma un maior número de desprazamentos cara a outros concellos ou dende eles (295.351)

Os datos do censo de 2021, coñecidos hai pouco máis dun mes, amosan que o 73% dos desprazamentos diarios ao lugar de traballo ou estudo seguen a realizarse no vehículo privado, unha porcentaxe que supera a media española (62%). Menos do 10% dos galegos e galegas empregan o tren ou o autobús para ir traballar ou estudar, fronte ao 16% do conxunto do Estado.

Segundo esta estatística, A Coruña, Ourense e Pontevedra son as urbes nas que menos se usa o vehículo privado (53%, 58% e 59%). A Coruña é igualmente onde máis se emprega o transporte público (20%), seguida por Vigo (13%) e Santiago (12%). Mentres, Ourense e Pontevedra son as cidades onde máis xente vai camiñando a traballar ou estudar, con porcentaxes que se achegan ao 30%; a proporción rolda o 25% na Coruña e Compostela 

A localidade coa que a cidade olívica mantén unha relación máis numerosa é Mos (44 mil viaxes diarias), seguida do Porriño, Redondela e Cangas

A Estratexia de Mobilidade debulla as relacións de comunicación que se establecen en cada unha das sete cidades, analizando as localidades ás que se realiza diariamente un maior número de desprazamentos de ida ou de volta e que se poden observar no seguinte gráfico. A Coruña mantén relacións moi estreitas con Oleiros, Arteixo e Culleredo (74 mil, 66 mil e 58 mil viaxes diarias) e, de feito, é a cidade que suma un maior número de desprazamentos cara a outros concellos ou dende eles (295.351), un dato coherente con outros que xa coñeciamos, como o do número de coches que a diario entran ou saen da cidade herculina.

Nos días laborables do inverno a cidade herculina supera a Vigo (255.253 desprazamentos). A localidade coa que a cidade olívica mantén unha relación máis numerosa é Mos (44 mil viaxes diarias), seguida do Porriño, Redondela e Cangas, que nos días non laborables do verán pasa a ser a primeira.

Nas restantes cidades, destaca a relación entre Ourense con Barbadás, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. E tamén a de Compostela con Teo e Ames. E a de Ferrol con Narón

Nas restantes cidades, destaca a relación entre Ourense con Barbadás, O Pereiro de Aguiar e San Cibrao das Viñas. E tamén a de Compostela con Teo e Ames, aínda que neste caso A Coruña aparece xa en terceiro lugar. No caso de Ferrol a relación con Narón é obvia, moi superior á que mantén con outros concellos da ría e coa propia cidade da Coruña (o terceiro concello con máis viaxes cruzadas coa cidade naval).

Pontevedra, a pesar dos numerosos desprazamentos a Marín e Poio, presenta máis viaxes diarias a Vigo que a calquera outro lugar. Finalmente, Lugo non ten municipios importantes na súa coroa como lle ocorre ao resto de cidades, polo que as relacións están máis distribuídas e non tan concentradas nos municipios da coroa metropolitana. Outeiro de Rei é a localidade coa que establece máis relacións, pero con cifras cativas.

As relacións entre as sete cidades son, polo tanto, importantes, pero adoitan ser menos frecuentes que as que cada urbe mantén cos concellos da súa contorna, coa excepción de Vigo e Pontevedra

As relacións entre as sete cidades son, polo tanto, importantes, pero adoitan ser menos frecuentes que as que cada urbe mantén cos concellos da súa contorna, coa excepción de Vigo e Pontevedra. No seguinte gráfico pódense observar os datos de desprazamentos cruzados entre as sete maiores urbes galegas, con cifras moi elevadas no caso de Vigo e Pontevedra (23.854 viaxes diarias), pero tamén entre Santiago e A Coruña (17.839), A Coruña e Ferrol (8.088) e mesmo Vigo-Santiago, Pontevedra-Santiago e A Coruña-Lugo, ao redor das cinco mil nos tres casos. 

A maior parte das comunicacións dentro de cada macrozona e tamén entre unhas e outras se realiza en vehículo privado (o 90% fanse en coche)

A Estratexia de Mobilidade da Xunta realizou unha clasificación ou agrupación das zonas de transporte 
con características comúns en áreas de maior tamaño denominadas “macrozonas”, que se corresponden con bisbarras tradicionais ou comarcas amplas, sumando un total de 20 en todo o país. A partir desta delimitación, debullou as relacións de mobilidade que se establecen no seu interior e tamén entre elas.

As macrozonas que no inverno presentan unha maior relación son Pontevedra e Vigo e A Coruña e Santiago, seguidas das que se establecen entre Pontevedra e O Salnés, A Coruña e Ferrol, Vigo e o Baixo Miño e Lugo e a Terra Chá.

As macrozonas con maior relación son Pontevedra e Vigo e A Coruña e Santiago, seguidas de Pontevedra e O Salnés, A Coruña e Ferrol, Vigo e o Baixo Miño e Lugo e a Terra Chá

Entre as conclusións está tamén o feito de que a maior parte das comunicacións dentro de cada macrozona e tamén entre unhas e outras se realizan en vehículos privados (o 90% fanse en coche) e que o uso do trasporte público para estes desprazamentos é moi reducido: o bus apenas supera o 2% e o tren -practicamente inexistente nas comunicacións internas das macrozonas, pola ausencia dun servizo de proximidade- acada o 1,5% nas comunicacións entre unhas e outras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.