Na primavera de hai dez anos Medio Ambiente asinaba o último trámite público para a definición das posibles liñas de transporte que sucesivos gobernos galegos viñan publicitando desde 2001
Na primavera de 2011, hai agora unha década, o departamento de avaliación ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas asinaba o último trámite público ata agora para a definición das posibles liñas de metro lixeiro que a Xunta viña estudando para as cidades de Vigo, A Coruña e Santiago. Un ano máis tarde o propio conselleiro, Agustín Hernández, argumentaba que a crise facía imposible aqueles proxectos de transporte que no caso de Vigo viñan sendo anunciados pola Xunta desde unha década antes. Promesas que mesmo aventuraban datas de remate, como fixo o daquela conselleiro Feijóo seis días antes das eleccións de 2005 que o apartarían do Goberno galego, cando nun acto institucional e non nun mitin prometeu xunto á alcaldesa popular de Vigo, Corina Porro, que habería unha liña de metro soterrado “en servizo no segundo semestre de 2009”.
En 2001, co metro do Porto en obras, Cuiña asinaba un acordo co Concello de Vigo para estudar un sistema similar para a cidade, da que o tranvía desaparecera tres décadas antes
As promesas máis firmes por parte da Xunta dun metro ou metro lixeiro formalizáronse por primeira vez hai agora dúas décadas, na primavera de 2001, cando o daquela conselleiro Xosé Cuiña e o tenente de alcalde vigués Carlos Príncipe asinaron un acordo para lanzar os estudos dun servizo en superficie. A idea, que coincidía no tempo coa construción en marcha do metro do Porto, aberto en 2003, chegaba 32 anos despois de que a corporación local franquista de 1968 decidise substituír por autobuses os tranvías que desde comezos daquel século circulaban pola cidade e a área metropolitana. [50 anos do cambio de tranvías por buses en Vigo cun suborno e con Rajoy e Conde-Pumpido como xuíz e fiscal].
A inestabilidade municipal en Vigo no comezo deste novo século propiciou que se sucedesen as ideas e promesas, retomadas desde a Xunta coa lanzada polo conselleiro Feijóo a poucos días das eleccións de 2005, cando puxo a data do segundo semestre de 2009 para a primeira liña soterrada. Manuel Fraga non logrou revalidar a presidencia da Xunta e o posterior goberno de coalición de PSdeG e BNG tamén realizaría os seus propios estudos e promesas de futuro, ampliando o ámbito xeográfico á Coruña. Estudos que cando o PP retornou á Xunta en 2009 aínda tardaría un ano en volver encargar para Vigo, A Coruña e tamén Santiago.
Os documentos ambientais iniciais dos estudos encargados en 2011 contiñan parágrafos idénticos a entradas da Wikipedia ou de estudos académicos colgados en internet sen citar as súas fontes
Non sería ata comezos de 2011 que se adxudicarían aqueles tres estudos de metros lixeiros para as tres cidades -por case medio millón de euros cada un e dous anos e medio de prazo de execución- que terían un desenvolvemento polémico ao tempo que as promesas políticas comezaban a esvaecer. Aínda en marzo de 2010, no debate sobre o estado da autonomía, o presidente Feijóo prometía no seu discurso a inminente licitación daqueles estudos. Pero un ano máis tarde, no mesmo debate do seguinte exercicio, cos estudos recentemente adxudicados, o metro lixeiro xa non figuraba no discurso do presidente. Dúas semanas despois Xornal de Galicia revelaba que os documentos iniciais para a avaliación ambiental dos estudos dos metros, encargados supostamente pola Xunta a empresas distintas, contiñan parágrafos idénticos entre eles e idénticos a entradas da Wikipedia ou de estudos académicos colgados en internet sen citar as súas fontes.
A partir daqueles documentos iniciais asumidos pola consellería nos que as consultoras esbozaban os posibles impactos dos futuros proxectos, o departamento de avaliación ambiental da Xunta ditou en maio de 2011 os denominados documentos de referencia para a avaliación ambiental dos estudos, nos que se fixaron os criterios a ter en conta para analizar os efectos positivos ou negativos das obras. Dese proceso de avaliación ambiental xa non se chegaron a facer públicos os resultados e un ano máis tarde o conselleiro anunciaba que a crise facía imposible atopar cartos para os metros: nin a Xunta tiña cartos nin sería posible atopar ningunha empresa que os adiantase.
O maior detalle que achegaron os tres documentos iniciais de 2011 foi, no caso de Santiago, a definición de varios eixos de transporte principais, entre eles ao aeroporto, a onde posteriormente o PP reclamou que sexa o ministerio quen leve o tren
Todo o máis que se chegou a detallar daqueles proxectos na primavera de 2011 foi no documento de inicio da avaliación ambiental do plan para Santiago, no que se chegaron a plasmar nun mapa seis eixos que sumaban 22 quilómetros. Pero o propio documento matizaba que non eran máis que “os principais eixos de transporte público, que poden ser servidos por distintos modos de transporte”. Entre eses eixos figuraba un que comunicaría co aeroporto de Lavacolla, enlace que hai agora dous anos o PP, xa fóra do Goberno de España e unha semana despois das eleccións locais que o mantiveron fóra da alcaldía da cidade, reclamou que sexa de tipo ferroviario e acometido polo ministerio. As promesas que desapareceron en 2011 retornaron como reclamacións.