En 2012 o daquela conselleiro e agora candidato en Santiago Agustín Hernández desbotara pola crise un proxecto cuxo estudo previo contiña parágrafos plaxiados
A finais de 2012 o daquela conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, descartaba que, coa crise económica, a Xunta puidese construír a curto ou medio prazo metros lixeiros nas cidades de Vigo, A Coruña e Santiago. Fora unha promesa electoral lanzada polo propio Feijóo como conselleiro en 2005 antes das autonómicas que quitarían a Fraga da Xunta e novamente como candidato nas eleccións de 2009 que o levarían a el á presidencia. En Santiago os estudos previos da Xunta contemplaban como "primordial" unha conexión da estación de tren co aeroporto de Lavacolla que quedou arrombada xunto co resto dos plans. Agora, sete anos máis tarde, o PP recupera aquela idea para esixirlle ao Goberno central do PSOE un estudo para “un novo acceso ferroviario que conecte a futura estacion intermodal de Santiago co aeroporto internacional de Lavacolla.
Os metros lixeiros foron unha promesa electoral lanzada polo propio Feijóo como conselleiro en 2005 antes das autonómicas que quitarían a Fraga da Xunta e novamente como candidato nas de 2009
Este luns, unha semana despois das eleccións municipais nas que o daquela conselleiro e agora candidato popular en Santiago non foi quen de acadar a alcaldía, o PP, por boca da deputada compostelá Paula Prado, reclamou o proxecto ao Goberno central. “Traeremos ao Parlamento as propostas que os nosos candidatos anunciaron durante as recentes campañas electorais”, dixo Prado. E salientou a necesidade desa conexión ferroviaria con Lavacolla, descartada hai sete anos a través dun metro lixeiro por Hernández como conselleiro, recuperada na campaña municipal do propio Hernández como candidato do PP e agora, perdidas esas eleccións, empregada como esixencia política ao Executivo central de cor socialista.
Tras seis anos e medio co PP á fronte de Fomento os populares din agora que ese ministerio debe estudar a conexión con Lavacolla
Prado considera agora que debe ser o Ministerio de Fomento, “como administrador titular das competencias en materia ferroviaria”, quen “inicie a redacción do estudo informativo dun novo acceso ferroviario que, desde a futura intermodal de Santiago, conecte o Eixo Atlántico co aeroporto da capital galega. Unha reclamación a Fomento que os populares galegos en ningún momento formularon durante os seis anos e medio que ese ministerio estivo en mans do PP.
Cando hai sete anos o propio Hernández, daquela conselleiro de Infraestruturas, desbotou a posibilidade de acometer os metros lixeiros pola crise, contaba no seu poder con varios estudos previos realizados ao longo das últimas décadas. No caso de Santiago, o último, encargado pola propia Xunta, apostaba por varios posibles corredores, entre eles un que conectase as estacións de tren e autobús co aeroporto.
A avaliación ambiental do estudo para o metro lixeiro de Santiago deixou en evidencia en 2011 que varios dos seus parágrafos estaban plaxiados
Na fase de avaliación ambiental daquel estudo, o documento deixou en evidencia, como revelou daquela Xornal de Galicia, que varios dos seus parágrafos foran plaxiados, copiados textualmente doutras fontes previas que se podían atopar en internet pero que o documento non citaba senón que se apropiaba como orixinais. Uns meses máis tarde aqueles estudos foron arquivados pola Xunta, que desbotou seguir adiante cos proxectos.