O PP de Santiago volve sinalar persoas sen fogar, ás que atribúe "sensación de inseguridade" e "risco sociosanitario"

Os concelleiros do PP Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente este mércores na praza de Cervantes denunciando a "sensación de inseguridade" que din que provocan as persoas sen fogar © PP de Santiago

Os populares visitan a praza de Cervantes para criticar o goberno local por un problema que "pensamos que se está incrementando", ao que o Concello replica lamentando que "atente contra os dereitos dunha persoa vulnerable por facer oposición"

Dous concelleiros do PP de Santiago, na oposición, deron este mércores unha rolda de prensa na praza de Cervantes para criticar o goberno local de BNG e Compostela Aberta pola presenza nese e noutros lugares da cidade de persoas sen fogar, o que os populares consideran un problema que "pensamos que se está incrementando". Os populares chegaron a sinalar que no caso da praza de Cervantes a situación "conleva unha especial alarma social, incluíndo risco sociosanitario", que non concretaron. 

Os concelleiros conservadores, Yolanda Otero e José Ramón de la Fuente, aseguraron que a presenza de persoas sen fogar nas rúas de Santiago, e en particular no caso da praza de Cervantes, "xera unha tensión crecente na convivencia, produce sensación de inseguridade, malestar entre os comerciantes e inquedanza e preocupación entre a veciñanza". "Os problemas de inseguridade e de falta de convivencia van en aumento dende os dous últimos anos", sentenciaron os populares.

A compostelá praza de Cervantes, antiga praza do Pan, nunha imaxe de arquivo © Concello de Santiago

O acto dos populares na praza de Cervantes foi contestado polo goberno local cun comunicado no que considera que o PP "traspasou todos os límites ao poñer o foco nunha persoa en situación de vulnerabilidade e utilizala como arma partidaria". O Concello sinalou que os populares son coñecedores de primeira man das diversas actuacións que se veñen realizando "en relación a esa persoa, tanto desde o Concello de Santiago como desde outras administracións e mesmo desde o ámbito xudicial". 

"O goberno local esixe respecto polas persoas, e ve con enorme preocupación que o PP de Borja Verea se achegue a un discurso máis propio da extrema dereita, vinculando senfogarismo e delincuencia como fixeron hoxe os concelleiros nunha convocatoria aos medios que consideramos absolutamente lamentable", concluíu o Concello.

O goberno local di que o PP "traspasou todos os límites ao poñer o foco nunha persoa en situación de vulnerabilidade" e vincular "senfogarismo e delincuencia"

Non é a primeira vez que os populares composteláns axitan casos particulares de persoas sen fogar para criticar gobernos locais de esquerdas. Un caso especialmente significativo rexistrouse en 2017, naquela ocasión con goberno local de Compostela Aberta e poñendo o foco noutra praza da cidade, no Toural. A daquela Valedora do Pobo, Milagros Otero, chegou a facerse eco no Parlamento do problema denunciado polos populares e mesmo divulgou datos privados de tres persoas sen fogar. Otero, elixida polo PP, acabou dimitindo dous anos despois por dar un posto de xeito ilegal a unha sobriña de Manuel Fraga e irmá do daquela portavoz parlamentario popular.

Aquela polémica polas persoas sen fogar en Santiago, axitada por PP e Valedora, levou a profesionais da saúde mental e do traballo e a educación social a pronunciarse pedindo non actuar pola forza contra persoas sen fogar e lembrar sempre que son persoas e non un problema abstracto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.