A esquerda domina na enquisa preelectoral do CIS en Galicia. Porén, os votantes socialistas semellan estar sobrerrepresentados na mostra na mesma medida en que os votantes do PP están infrarrepresentados. Nas restantes formacións non hai grandes diferenzas
Este xoves pola tarde publicouse a enquisa preelectoral do CIS para os comicios do vindeiro 29 de novembro. Trátase do traballo demoscópico máis completo de cantos se realizan no Estado, con máis de 45.000 entrevistas (a diferenza doutras sondaxes, que apenas inclúen mil ou dúas mil respostas).
Alén da estimación de voto e a asignación provincial de escanos, a enquisa achega un amplo conxunto de informacións sobre distintas cuestións, dende a maneira en que a cidadanía se informa sobre a política, valoración de candidatos e as súas calidades ou a preferencia por un sistema democrático. Iso si, a meirande parte do cruces que permiten afinar a análise (por sexo, idade, ocupación, autoubicación ideolóxica ou recordo de voto) non están dispoñibles para Galicia.
Os datos de voto+simpatía, sitúan o PSdeG claramente en primeira posición (38,5%), moi por diante do PP (29%), con VOX e BNG por riba do 10% nas preferencias e o resto de candidaturas en valores testemuñais
Os datos, que debullamos xa este xoves, apuntan en Galicia a un triunfo da esquerda, que no conxunto do Estado acadaría unha maioría suficiente para gobernar. Aínda que o CIS non ofrece unha estimación de voto para Galicia, si achega datos de voto+simpatía, que sitúan o PSdeG claramente en primeira posición (38,5%), moi por diante do PP (29%), con VOX e BNG por riba do 10% nas preferencias e o resto de candidaturas en valores testemuñais.
Pódense comparar estas cifras cos datos de voto+simpatía que ofrecía a enquisa preelectoral do CIS publicada antes das eleccións de xullo de 2023 e que nesa ocasión prognosticaban un empate entre socialistas e populares, un 15% de apoios para o BNG, un 12% para Sumar e un 5% para VOX. E tamén podemos poñer en relación isto co do voto real naqueles comicios, nos que que en Galicia o PP superou o PSdeG por case 14 puntos, o BNG ficou no 9% e Sumar e VOX axustáronse ao prognóstico.
Rufián é en Galicia (ao igual que no conxunto de España) o político máis valorado. Supera por pouco a Pedro Sánchez (4,84), que mellora en Galicia a valoración que acada no conxunto do Estado, o mesmo que Feijóo
Cómpre sinalar, igualmente a desproporción existente -que pode levar a posibles nesgos- entre o recordo de voto nas eleccións de 2023 expresado polos entrevistados e a votación real. Os votantes socialistas semellan estar sobrerrepresentados na mesma medida en que os votantes do PP están infrarrepresentados. Nas restantes formacións non hai grandes diferenzas, agás o BNG cunha leve sobrerrepresentación no recordo de voto.
O preelectoral do CIS non inclúe nesta ocasión datos sobre as opcións entre as que dubidan os indecisos, pero si podemos coñecer a súa valoración sobre diferentes candidatos. Gabriel Rufián é en Galicia (ao igual que no conxunto de España) o político máis valorado, o único que supera a valoración media de 5 puntos sobre 10. Supera por pouco a Pedro Sánchez (4,84), que mellora en Galicia a valoración que acada no conxunto do Estado. Ademais, o líder socialista é o candidato que obtén unha maior porcentaxe de respostas superiores aos seis puntos.
Tamén Núñez Feijóo acada en Galicia unha valoración media superior á que acada no conxunto de España. Pola contra, Abascal ten en Galicia unha valoración tres décimas inferior á do resto do Estado.
En Galicia, Sánchez é o preferido como presidente (38,5%) por riba de Núñez Feijóo (32,5%) e Abascal (9,4%), do mesmo xeito que unha maioría preferiría unha vitoria do PSOE (39,7%) sobre unha do PP (29,4%). Porén, son clara maioría as persoas que cren que o PP vai ser o gañador (54%), fronte a un 27% que opinan que vai gañar o PSOE.
Hai un 12,5% de persoas que non están de acordo coa afirmación "a democracia é preferible a calquera outra forma de goberno". O dato é lixeiramente inferior ao que se rexistra no conxuto do Estado. Entre a mocidade e os votantes de VOX o apoio á democracia descende de forma importante
No traballo do CIS vemos tamén como hai un 12,5% de persoas que non están de acordo coa afirmación "a democracia é preferible a calquera outra forma de goberno". Un 4,5% chega a afirmar que "nalgunhas circunstancias, un goberno autoritario é preferible a un sistema democrático" e outro 5% di que "para persoas coma min dá igual un goberno que outro".
Os datos son semellantes aos do conxunto do Estado, aínda que nos datos globais a porcentaxe de persoas que considera preferible a democracia baixa do 87,5% ao 84,4%. Entre os votantes de VOX en 2023 a porcentaxe baixa aínda máis, ata o 69,5%. E entre as persoas entre 18 e 24 anos ata o 74,9%.
Críticas ao CIS, nesgo en orixe e reestimacións
Os traballos do Centro de Investigacións Sociolóxicas son criticados dende algúns ámbitos polo nesgo favorable ás forzas de esquerda, principalmente ao PSOE, un nesgo que noutras enquisas tamén se dá en sentido contrario, beneficiando á dereita. Hai que dicir, en todo caso, que nas eleccións de xullo de 2023 a enquisa do CIS foi unha das que máis se achegou ao resultado final, xunto coas de Atlas Intel, Simple Lógica, 40 dB, IMOP e Sociométrica, aínda que sobreestimou os socialistas. En cambio, nas eleccións municipais e autonómicas celebradas dous meses antes o CIS errou de maneira moi importante.
Un dos aspectos máis criticados dos traballos publicados polo CIS é o nesgo existente na súa mostra en función do recordo de voto nas eleccións anteriores. Polo motivo que sexa -apúntase a que un gran número de votantes de dereitas se negan a responder as enquistas do organismo público- o peso dos votantes de esquerda na mostra é moi superior á súa proporción real na sociedade.
Por este motivo son moitos os expertos que nos días seguintes á publicación da enquisa do CIS levan a cabo unha reestimación dos valiosos microdatos da sondaxe (que se ofrecen en aberto) corrixindo ese nesgo procedente do recordo de voto. Estas reestimacións ofrecen un escenario moi diferente, outorgando unha axustada maioría absoluta a PP e VOX, con entre 185 e 188 escanos, dez por riba dos 176 necesarios para gobernar.