O CIS apunta a unha posible maioría da esquerda no Estado e á irrupción de Vox en Galicia

Vista dun pleno do Congreso e cores representativas de diversas forzas políticas CC-BY-NC-SA Foto: Congreso | Montaxe: Praza.gal

A esquerda podería manter o Goberno do Estado malia as numerosas enquisas que apuntan desde hai meses a unha vitoria clara da dereita o próximo 29N. É unha opción probable segundo os resultados da enquisa preelectoral que este xoves publica o Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS). O traballo demoscópico, composto de máis de 45.000 entrevistas realizadas entre o 7 e o 30 de outubro, sitúa o PSOE como primeira forza co 33,3% dos votos, seguido dun PP que perdería apoio minguado pola forte suba da ultradereita de Vox. 

A enquisa sitúa o PSOE como primeira forza con máis dun terzo dos votos (33,3%) e entre 134 e 143 escanos, fronte ao 25,5% do PP (98-196) e o 18,4% de Vox (57 e 65)

O PP, segundo a enquisa do CIS, quedaría co 25,5% dos votos (fronte ao 33,1% que obtivo nas últimas xerais) que se traducirían en entre 98 e 106 escanos, menos que os entre 134 e 143 que lle atribúe ao PSOE, que podería formar goberno co apoio dos partidos que xa apoiaran a investidura de Pedro Sánchez en 2023. 

A suma de populares e ultradereita non acadaría a maioría absoluta malia que Vox podería chegar ao entre 57 e 65 escanos e a un 18,4% de apoio, seis puntos máis que nos comicios de 2023. Pola esquerda, o PSOE apañaría moito voto útil en prexuízo da Fronte Ampla, coalición que agrupada arredor de Sumar e con Podemos dentro obtivera máis do 12% dos sufraxios e 31 deputados. Agora quedaría por baixo do 5%, con entre 7 e 11 representantes, aínda que incluíndo forzas como Compromís-Front Valencià, Ara Més-Front Ampli e UPC a cifra iría ata entre 14 e 23. 

Ademais, o resultado de ERC achegaríao a entre 10 e 14 escanos, mentres que EH Bildu situaríase entre 7 e 10 e o PNV baixaría a entre 2 e 4, ao igual que Junts. Adelante Andalucía estaría entre 3 e 4 e Podemos loita por acadar un. 

En Galicia, o PSOE superaría o PP, o BNG podería sumar tres escanos, con dous seguros por A Coruña e Pontevedra, e Vox aspira a chegar mesmo a tres

O BNG, pola súa banda, podería lograr entre 2 e 3 escanos (con dous xa seguros) segundo a enquisa do CIS, que prognostica  un escenario moi igualado entre dereita e esquerda en Galicia. pero cos ultras de Vox en auxe e unha lixeira vantaxe das forzas progresistas. Os populares obterían entre 8 e 11 escanos (en 2023 obtiveron 13) e os socialistas entre 9 e 13 (acadaron 7 hai catro anos). Fronte Ampla, cuxas forzas agás Podemos se uniron en Sumar, quedaría sen representación. 

Pola súa banda, o Bloque podería dobrar resultados e mesmo triplicalos, sumando dous escanos máis ao que tivo no Congreso esta pasada lexislatura, mentres que a ultradereita aspira, segundo o estudo, a acadar ata tres representantes, cunha variación que vai dos 0 que posúe actualmente por Galicia aos 3. 

O CIS dá esperanzas á esquerda no Estado ao igual que o publicado tamén pouco antes do comezo da campaña de 2023. Daquela augurou unha maioría que permitiría gobernar o PSOE con Sumar, tal e como aconteceu, aínda que sobrerrepresentou as forzas progresistas, apuntando un maior apoio do que finalmente tiveron, e calculou á baixa o alcanzado por Vox, que desta vez irrompería con forza, mesmo con posibilidades de varios escanos no país. Con todo, e segundo o estudo, a dereita estaría perto de alcanzar a maioría absoluta. 

En canto ás comunidades autónomas, na enquisa realizáronse 3.202 entrevistas en Galicia: 1.097 na Coruña, 945 en Pontevedra, 689 en Lugo e 471 en Ourense.

Os escanos galegos repartiríanse do seguinte xeito nas catro circunscricións provinciais. O PP sería a forza máis votada na Coruña, con 3-4 escanos (ten 4 na actualidade), por diante do PSdeG, que podería acadar entre 2 e 4. Velaquí a loita máis apertada, xa que o CIS apunta a que o BNG pode sumar 1 ou 2 e Vox ten opcións de entrar na provincia co seu primeiro escano por Galicia

En Pontevedra, o PSdeG  estaría entre 3 e 4 escanos e o PP entre 2 e 3, fronte aos tres que teñen agora cada unha das formacións. O BNG acadaría un representante do que actualmente carece e Sumar perdería a súa representación, desta vez con Fronte Ampla, ao igual que na Coruña. Ademais, segundo a enquisa do CIS, a ultradereita de Vox tamén aspira a obter un escano nesta provincia. 

O CIS non ofrece estimación de voto para Galicia, pero si datos de intención de voto e simpatía, uonde domina o PSOE (34,2% de apoios) sobre o PP (25,8%), BNG (11,9%) e Vox (10,2%)

En Lugo o PSdeG obtería entre 2 e 3 escanos (ten un) e o PP perdería o seu terceiro escano nesta provincia para sumar entre 1 e 2. O BNG non tería opcións de entrar por esta circunscrición, na que nunca conseguiu representación, pero si Vox, que aspira a un escano segundo o inquérito. 

Finalmente, en Ourense o PP baixaría dos tres escanos actuais a dous, mentres que o PSdeG sumaría un ao representante actual para quedar tamén en dous. Nin Bloque nin Vox terían opcións nesta circunscrición. 

O CIS non ofrece estimación de voto para Galicia, pero si datos de intención de voto e simpatía, un indicador no que domina lixeiramente o PSOE (34,2% de apoios) sobre o PP (25,8%). En terceira posición aparece o BNG (11,9%), por diante de Vox (10,2%) e Fronte Ampla (2,1%).

Rufián, o máis valorado

Na enquisa, o político máis valorado é Gabriel Rufían, de ERC, o único que aproba con 5,08 puntos sobre 10. Pedro Sánchez é o segundo (4,84), Emilio Delgado (4,63), Alberto Núñez Feijóo (4,33) ou Ada Colau (3,81). Santiago Abascal é o pero valorado cun 3,09.

O traballo do CIS asegura que o 85,3% dos galegos e galegas acudirán a votar "con toda seguridade".

Os datos pertencen a unha enquisa baseada en máis de 45.000 entrevistas realizadas en 4.190 concellos do Estado e en todas as provincias, un inquérito que, segundo o CIS, "permite obter unha imaxe rigorosa da opinión pública española ante os próximos comicios". O traballo de campo levouse a cabo entre o 7 e o 30 de outubro, polo que se puideron recoller algúns dos efectos tras o accidente de Urda, acontecido o día 28 do pasado mes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.