Dúas décadas despois de poñerse á fronte do PPdeG baixo cuxas siglas Fraga aglutinou a todas as dereitas, o ex-presidente preséntase como a principal oportunidade para que a extrema dereita acabe tendo poder real tamén en Galicia se o resultado do 29N deriva nun bipartito cos de Abascal
É coñecido que un dos principais éxitos políticos de Manuel Fraga na súa etapa democrática foi lograr agrupar a práctica totalidade do espectro da dereita de ámbito estatal baixo as siglas do Partido Popular. En 1989 refundou como PP a Alianza Popular que botara a andar poucos meses despois da morte de Franco como embarcación partidaria na que enrolar cargos da ditadura e achegados para a singradura da Transición.
Esa unión de toda a dereita foi especialmente exitosa para Fraga en Galicia. O seu desembarco no propio 1989 como candidato á Xunta fíxoo precisamente culminando a parcelaria nas dereitas mediante unha confluencia -que acabou sendo absorción- con Centristas de Galicia, o partido dos Baltar, que á súa vez se alimentara de, entre outros, escindidos de Coalición Galega. Fóra do PP apenas ficou expresión partidaria da dereita, alén de redutos locais, abranguendo dende a máis lindeira co centro e o galeguismo ata o extremo contrario.
A principios de 2006, medio ano despois de perder a Xunta, o legado fraguista en Galicia quedou nas mans de Alberto Núñez Feijóo. O discípulo político de José Manuel Romay Beccaría, o enviado de Aznar e Rajoy á Xunta en plena crise do Prestige para culminar a defenestración de Xosé Cuíña, gañou a presidencia do PPdeG nun congreso ao que chegou sen rivais e tres anos despois, o Goberno galego. Agora, con dúas décadas por riba, o mesmo Feijóo preséntase como a principal oportunidade para que unha organización das dereitas que non sexa o PP poida ter poder real en Galicia se acaba gobernando tras as eleccións xerais en bipartito con Vox.
"Facer ou non unha coalición de goberno non depende de min", sinala o candidato do PP en referencia aos posibles resultados das xerais. Se Vox acabase asumindo ministerios, o partido ultra tomaría decisións executivas obviamente tamén sobre Galicia sen ter, ata agora, máis ca unha concelleira en Avión por dous anos
Xa hai tempo que o propio Feijóo deixou en público de desbotar a posibilidade de formar Goberno cos de Santiago Abascal se a aritmética parlamentaria o require. Alén de reiterar o seu desexo dun Executivo do PP en solitario, este pasado domingo o ex-presidente volvíao manifestar nunha entrevista en El País: "Facer ou non unha coalición de Goberno [con Vox] non depende de min", afirmou en referencia ás posibles combinacións que dean lugar as urnas se a suma das dereitas permite unha investidura. El, asemade, non "renega" das coalicións que PP e o partido de extrema dereita xa teñen en marcha en varias autonomías.
Se así sucedese e cargos de Vox acabasen asumindo ministerios do Goberno de España, o partido ultra tomaría decisións executivas obviamente tamén sobre Galicia. E faríao nun contexto no que, ata agora, a única representación institucional que lograron obter foi unha única concelleira, Lilian Cerdeira, elixida nas municipais de 2023 no Concello de Avión e que dende 2025 exerce como edil non adscrita tras decidir abandonar Vox alegando motivos persoais.
Dende que comezou a presentarse en convocatorias electorais en Galicia, Vox chegou como moito a roldar o 8% dos votos no total galego. Nalgúns concellos, non obstante, chegou a superar o 9% nas últimas eleccións xerais, nas que outra volta non obtivo representación ningunha (nesa convocatoria non pasou do 5% en ningunha circunscrición). Cara ao 29N son moitas as voces na esquerda que advirten da necesidade de mobilización progresista para evitar que desta vez si haxa representación da extrema dereita por algunha das circunscricións de Galicia, dado un crecemento nas enquisas que tamén teme o PP.
Cara ao 29N son moitas as voces na esquerda que advirten da necesidade de mobilización progresista para evitar que desta vez si haxa representación da extrema dereita por algunha das circunscricións de Galicia, dado un crecemento nas enquisas que tamén teme o PP.
O temor dos populares vai alén da posibilidade de que un competidor electoral acabe tirando escanos que noutrora serían seus. Ten que ver, tamén -se cadra, sobre todo- con que o medre ultra lles reste votos, non se traduza en escanos e, por efecto do sistema electoral, acabe facilitando algún asento máis para a esquerda no Congreso.
Resta saber, asemade, cal será a influencia real do pacto bipartito que o PP asinou con Vox para concorrer ao Senado e que atinxe, como é sabido, á circunscrición de Pontevedra. Como noutras trece provincias, na pontevedresa Vox acordou cos populares presentar un só candidato no canto dos tres aos que ten dereito coa intención declarada de que o electorado da formación de extrema dereita seleccione outros dous nomes do PP