Feijóo culmina o seu segundo ascenso ao poder no PP sen primarias: do aval de Baltar en 2006 á defenestración de Casado

Miguel Tellado, 'número 2' do PPdeG, votando este luns a candidatura única de Feijóo © @Mtelladof

Tras a decisión dos baróns de aclamar o galego como novo presidente estatal, o partido celebra este luns votacións con el como único candidato e nas que en Galicia non participarán nove de cada dez militantes

Ao aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, gústalle dicir que el chegou á presidencia do PPdeG en substitución de Manuel Fraga en 2006 tras gañar unhas eleccións primarias internas no partido. E agora vai chegar á presidencia do PP estatal logo de escenificar unha campaña interna contra ningún contrincante tras a que este luns se celebran votacións en urna nas que é o único candidato e nas que non participarán a gran maioría dos militantes do partido

En Galicia, onde máis persoas se inscribiron para participar na votación, nove de cada dez militantes do partido non o farán. Os que finalmente si voten avalarán un proceso que malia a retórica das primarias volverá confirmar un novo ascenso de Feijóo no poder do PP grazas ás manobras dos baróns do partido.

Feijóo no seu mitin interno deste domingo en Mérida © PP

En 2006 o proceso para elixir a Manuel Fraga nin sequera foi presentado polo partido como unhas primarias. Os afiliados debían elixir en cada agrupación a 2.000 compromisarios que participarían nun congreso no que libremente votarían o nome do novo presidente do PP galego. Pero para participar nese proceso os posibles candidatos debían obter previamente o aval de 400 deses compromisarios.

En 2006 a decisión de Baltar de retirar o seu apoio a Cuiña e darllo a Feijóo decantou o congreso da sucesión de Fraga, que Feijóo teima en presentar como unhas primarias

Os catro nomes que se postularon naquela carreira -Feijóo, Xosé Cuíña, José Manuel Barreiro e Enrique López Veiga- foron descolgándose progresivamente a medida que os baróns provinciais do partido amosaron as súas predileccións á hora de que os compromisarios elixidos nas súas agrupacións apoiasen finalmente a un ou outro candidato no congreso. E a decisión do daquela presidente do PP e da Deputación de Ourense, José Luis Baltar, de deixar de apoiar a Cuíña e pasar a respaldar a Feijóo decantou o proceso e forzou a progresiva retirada do resto de candidatos. Feijóo sería finalmente elixido presidente do PP de Galicia nun congreso cun único candidato, el mesmo.

Os baróns do partido, desta volta a nivel estatal, tamén veñen de xogar un papel fundamental para a elección de Feijóo como presidente do PP. Foron os líderes rexionais do partido os que finalmente forzaron a Casado a dimitir e os que propuxeron por aclamación a Feijóo como novo presidente.

Mitin interno de Feijóo o sábado en Valladolid © PP

Foi tras un proceso no que o propio Feijóo contribuíu a socavar o liderado de Casado coas declaracións que fixo poucas horas despois de estourar a crise interna no partido a conta da suposta corrupción da presidenta madrileña, Isabel Díaz Ayuso. A dirección de Casado, dixo Feijóo, non debía provocar “ningún incendio” interno por moito que dubidase da actuación de Ayuso, pronunciamento ao que nas horas seguintes foron sumándose outro baróns nunha espiral que acabará co galego á fronte do partido.

Malia ser o candidato único, embarcouse nunha xira de actos que viraron en mitins contra o Goberno de Pedro Sánchez

A aclamación de Feijóo polos baróns do partido tramitouse formalmente como a convocatoria dun congreso extraordinario con primarias previas para que a decisión partise da militancia. Malia que Feijóo foi o único candidato, embarcouse nunha xira de actos que presentou como campaña interna pero que na práctica se converteron en mitins contra o Goberno de Pedro Sánchez.

Así chegou a votación deste luns. O PP asegura que en Galicia conta con arredor de cen mil militantes. En 2018, cando Pablo Casado foi elixido sucesor de Mariano Rajoy, o partido concretou que eran 101.100 persoas, cifra que desta volta non precisa. Si facilitou o dato de cantas desas persoas se inscribiron para votar este luns: 9.167. Un de cada dez. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.