David Reinero

Unha ducia de promesas e frases senlleiras de Feijóo

A semana pasada o presidente e candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, sorprendía a propios e estraños prometendo un parque acuático en Ourense. Repasamos algunhas das súas promesas e frases máis senlleiras.

  1. 01

    “Eu si me presentei a unhas primarias no PP” (15-1-2006)

    A frase de Feijóo é do 2 de xullo de 2014, nun curso de FAES en Guadarrama, pero refírese a aquel 15 de xaneiro de 2006 en que sucedeu a Manuel Fraga. Feijóo fala daquel proceso como unhas primarias ás que se presentaron catro candidatos. Porén, a lista máis votada en cada agrupación local polos militantes levábase todos os compromisarios desa agrupación, que logo non tiñan por que manter ese mesmo voto no congreso de delegados que acabou elixindo a Feijóo como única opción logo de retirarse os outros tres.

  2. 02

    "Anularei e deixarei sen efecto o concurso eólico por falta de seguridade xurídica" (27-12-2008)

    O 16 de febreiro de 2016 o TSXG considera que as valoracións do concurso eólico lanzado polo PP en lugar do anterior do bipartito “non se axustan a dereito”.

  3. 03

    "Faremos o AVE a Lugo e pasaremos a factura a Fomento" (10-1-2009)

    Hoxe o único treito en obras é, desde 2007 e aínda sen data de remate nove anos despois, a variante da Pobra de San Xiao, de tan só 7 quilómetros.

  4. 04

    "ENCE fóra da ría pero dentro da comarca de Pontevedra” (24-1-2009)

    A promesa verbalizouna Feijóo en varias ocasións e incluíuna por escrito nos seus programas electorais de 2009 e 2012. O 25 de xaneiro de 2016 ENCE informou de que o Goberno en funcións amplioulle a concesión 60 anos.

  5. 05

    “Combater o paro como máxima prioridade do Goberno” (11-2-2009)

    Feijóo nunca prometeu acabar co paro en 45 días, como lle bota en cara a oposición. Un día antes de iniciarse a campaña das autonómicas de 2009 asinou un "contrato con Galicia" no que, no primeiro dos seus 14 puntos, prometía “combater o paro como máxima prioridade do Goberno”, pero sen prazos. Nesa mesma campaña Feijóo prometeu presentar un plan de austeridade e un plan de choque contra a crise nos seus primeiros 45 días de goberno, pagar as facturas a provedores en 45 días e rebaixar a espera sanitaria a 45 días. Pero nunca prometeu acabar coa crise ou co paro en 45 días.

  6. 06

    “Eses mobles que insultan a dignidade dos cidadáns, sairán dos despachos da Administración” (27-2-2009)

    Na recta final da dura campaña que o levou á Xunta, Feijóo prometeu desfacerse dos coches e mobles de suposto luxo que lle atribuía ao bipartito. Os coches foinos mudando pouco a pouco, pero os mobles de San Caetano seguen a ser os mesmos.

  7. 07

    "Os incendios apáganos os brigadistas, non os políticos" (21-9-2010)

    A frase pronunciada en Boiro nun acto de balance da campaña contra incendios esquece a imaxe de Feijóo o 8 de agosto de 2006 en Meis botando auga cunha mangueira de xardín aos restos dun lume para criticar a inacción do bipartito.

  8. 08

    “Felicito aos máximos responsables das caixas galegas polo seu traballo e pola súa xenerosidade" (5-11-2010)

    Reunido na súa residencia oficial de Monte Pío cos directivos de Caixanova e Caixa Galicia, presenta a súa fusión como un feito histórico. A nova entidade resultou intervida polo Estado e logo privatizada e os directivos acusados de todo tipo de irregularidades.

  9. 09

    “Galicia case non ten competencias para loitar contra o paro” (9-1-2011)

    No Parlamento de Galicia e ante uns malos datos de desemprego, Feijóo restou capacidade de acción á Xunta. Cando os datos foron mellores, Feijóo gabou o traballo contra o paro do seu Goberno.

  10. 10

    "Todos somos conscientes das consecuencias de gobernar sobre a marcha ou o que é o mesmo, improvisar” (15-3-2011)

    A frase pronunciouna Feijóo no seu segundo debate sobre o estado da autonomía. Un ano e medio antes, o 26 de outubro de 2009, aos seis meses de chegar ao goberno, desvelárase a intención do Goberno galego de suprimir por "ilegal" o complemento das pensións non contributivas implantado polo bipartito e en dous días o propio Feijóo rectificaba e comprometíase a mantelo.

  11. 11

    Limitar os mandatos a oito anos é “un planteamento bastante razoable” (21-6-2015)

    A oposición di que ao presentarse a un terceiro mandato Feijóo está incumprindo a súa promesa de non estar no cargo máis de dous. Porén, Feijóo só dixo que sería razoable debater sobre a limitación xeral de mandatos políticos, pero non se autoimpuxo límites.

  12. 12

    “Ourense terá o gran parque acuático da provincia en colaboración coa Deputación” (7-9-2016)

    A promesa dun parque acuático en Ourense sorprendeu por recoller unha proposta lanzada hai uns anos por Democracia Ourensana.