Cando restan apenas cinco meses para cumprir catro anos de mandato como presidente do PP, despois protagonizar o peor resultado histórico do seu partido nas primeiras eleccións xerais de 2019 e remontar levemente tras as segundas, Pablo Casado marchará e deixará vía libre a Alberto Núñez Feijóo. Pero non será unha saída formal inmediata, senón que se producirá tras un mes de transición que desembocará nun congreso extraordinario, os vindeiros 2 e 3 de abril.
Pablo Casado marchará e deixará vía libre ao presidente da Xunta e do PP en Galicia, pero formalmente seguirá sendo líder do partido ata o congreso extraordinario dos vindeiros 2 e 3 de abril
Casado cede tras uns comicios en Castela e León nos que os populares remontaron ata a primeira posición, pero ficaron nas mans da extrema dereita de Vox. Pero, sobre todo, despois de que estourase de vez o enfrontamento coa presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e a súa contorna.
A pasada semana, Casado e o seu equipo optaron por que o tirapuxa coa líder madrileña, á que el mesmo designou en 2019 como candidata en Madrid propiciando a súa proxección estatal, deixase de ser soterrada e ficase a ceo aberto. Nun movemento inédito, o agora presidente saínte do PP acusou a Ayuso ás claras de incorrer en prácticas irregulares nunha venda de máscaras ao comezo da pandemia das que, asegurou, o seu irmán tirara máis de 200.000 euros en concepto de comisión. Ayuso e medios afíns, pola súa banda, puxeron o foco en que, supostamente, a dirección de Casado contratara un despacho de detectives para investigala.
Ao contrario do que acontecera noutras ocasións, Alberto Núñez Feijóo entrou de cheo no tirapuxa dende o inicio. Non para realizar unha chamada máis ou menos xenérica ao acougo, senón para situar a carga da culpa nunha das dúas partes, a de Casado, e instalo a "non provocar ningún incendio" no partido aínda que dubidase da honestidade de Ayuso.
Dende que o equipo de Casado deu en deixar a ceo aberto a pugna con Ayuso, evidenciando as acusacións de presunta corrupción, a presión sobre o agora presidente saínte non fixo máis que medrar
De aí en diante, as xornadas seguintes só serviron para incrementar a presión interna e mediática sobre Casado. Mentres, segundo publicaron xornais como El Periódico de España, comezaba a tecerse unha alianza entre Ayuso e Feijóo que implicaría a permanencia da presidenta de Madrid no seu feudo mentres o titular da Xunta desembarca no liderado estatal. Nesa liña, Feijóo deu a entender que xa non abondaba cunha solución intermedia, como podería ser o cesamento de Teodoro García Egea como secretario xeral, que acabou chegando o pasado martes. O PP, diagnosticou o pasado luns, entrara en situación de "colapso".
A presión subiu varios graos o propio martes, cando múltiples cargos comezaron a facer pública a súa adhesión á esixencia dun congreso extraordinario do partido para poñer fin á etapa de Casado. A esas voces engadíronse tamén dirixentes que ao comezo do conflito se aliñaran co ata agora presidente ou optaran polo silencio, caso dos deputados galegos no Congreso Jaime de Olano e Ana Vázquez Blanco, do líder do PP na Coruña e vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo, ou da ex-presidenta do Congreso Ana Pastor.
E de aí, ao cumio de Casado cos líderes territoriais do partido, convocado polo aínda presidente do PP na sede central do partido no serán do pasado xoves, encontro que se estendeu ata a madrugada e que deixa a que xa é unha das imaxes icónicas desta crise e do futuro inmediato do PP, tomada por un fotógrafo da axencia EFE: Feijóo, entre unha nube de cámaras, accedendo ao edificio da madrileña rúa de Génova antecedido por Mar Sánchez Sierra, secretaria xeral de Medios da Xunta e principal asesora do presidente da Xunta e dos populares galegos.
Tras o encontro con Casado e os líderes territoriais, que rematou de madrugada, Feijóo evitou confirmar a súa candidatura "ata que non se convoque" o congreso, avanzando o que pode ser o guión das vindeiras semanas
Tras o maratoniano encontro que propicia o que algunhas fontes deron en denominar como saída "digna" para Casado, Feijóo atendeu brevemente de madrugada á prensa. Todos os denominados baróns lle pediron que sexa a remuda de Casado, pero el asegura que non fará ningunha "valoracións obre ocupar unha vacante que non é tal" -formalmente- nin "sobre a presentación a un congreso que non está convocado", xa que "ata que non se convoque, sería moi sorprendente que veña un señor a dicir que se presenta", resumiu avanzando o que pode ser o guión das vindeiras semanas. Como informa Infolibre, o compromiso clave da xuntanza é que Feijóo poida concorrer ao congreso sen rivais ou sen opoñente ningún de peso. Por aclamación.
O comunicado oficial distribuído polo PP, xa datado neste xoves 24, sinala a convocatoria do Congreso como unha decisión do propio Casado, que "trasladou aos presidentes autonómicos (...) a súa decisión de non concorrer" como candidato á reelección. O partido atribúe á "unanimidade" dos presentes a continuidade de Casado no cargo -sen apenas poder efectivo- ata a celebración do conclave, que terá como presidente do comité organizador ao eurodeputado Esteban González Pons, dirixente considerado próximo a Feijóo.