O vicepresidente Alfonso Rueda xustifica a implicación de Feijóo na crise do seu partido fronte ás criticas de desatender a Xunta porque o que pasa no PP “é tanto como dicir o que pasa en España”
Durante os últimos anos sempre que se lle preguntou a algún cargo popular galego ou ao propio presidente Feijóo sobre a súa posible marcha a Madrid a resposta veu sendo que el estaba implicado co cargo de presidente da Xunta e que unha proba era o feito de recuncar tres veces nel, a última co lema “Galicia, Galicia, Galicia” e mesmo abeirando o partido ao que pertence. Porén, agora que a posibilidade de ser aclamado líder do PP estatal se abre ante el como nunca antes, o argumento comeza a mudar.
Este xoves o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, compareceu en rolda de prensa tras o Consello semanal do Goberno galego que presidiu ante a ausencia de Feijóo pola conferencia de presidentes autonómicos prevista en La Palma que despois sería cancelada pola guerra en Ucraína. Rueda foi preguntado expresamente pola crítica da oposición que acusa a Feijóo de desatender as súas obrigas na Xunta por implicarse na crise interna do PP. O vicepresidente asegurou que Feijóo mantivo a súa axenda oficial pero que “loxicamente estivo preocupado polo que pasaba no PP, que é tanto como dicir o que pasa en España”.
A resposta de Rueda supón introducir no debate público un argumento que fontes populares veñen manexando en privado hai días para xustificar que Feijóo non incumpriría o seu compromiso con Galicia senón que ao atender unha responsabilidade superior a nivel estatal estaría á súa vez cumprindo con Galicia.
Rueda foi preguntado tamén de xeito insistente pola súa propia dispoñibilidade a asumir a presidencia da Xunta ou do PPdeG, ao que rexeitou responder en todo momento argumentando que son posibilidades “futuribles” sobre as que non quería opinar. O partido asume así os tempos marcados por Feijóo para non anunciar a súa decisión de que quere a presidencia do PP estatal ata que formalmente a próxima semana sexa convocado o congreso que o nomearía oficialmente dentro dun mes.
O vicepresidente tamén respondeu ás críticas da oposición de que Feijóo está a desatender a Xunta lembrando que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ademais desas responsabilidade no seu partido é tamén alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña.
Pontón e Formoso insisten en que Feijóo debe escoller entre Galicia e o PP estatal
Este mesmo xoves o propio Formoso reiterou que “Galicia necesita un presidente a tempo completo e a Feijóo tócalle escoller, ou Galicia ou PP”. O socialista insistiu en que “un presidente da Xunta só debe ter un compromiso, que é co seu país, con Galicia”.
Nesa mesma liña se pronunciou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que este mércores insistiu en pedir explicacións a Feijóo sobre se vai dimitir “e abrir unha crise de goberno para intentar solucionar a crise do PP”. Xa este mércores, no seu cara a cara con Feijóo, Pontón reprochoulle que mudara o “Galicia, Galicia, Galicia” por un “Génova, Génova, Génova”, en referencia á rúa madrileña na que está a sede central do PP.