A elección de Casado en 2018: o desexado de Alfonso Rueda tras o fracaso da aposta de Feijóo por Cospedal

Cospedal e Feijóo durante a campaña da primeira para suceder a Rajoy, na que quedou en terceiro lugar malia o apoio velado de Feijóo Dominio Público @mdcospedal

Tras renunciar a competir pola sucesión de Rajoy, Feijóo foi mudando de postura para non comprometer o seu apoio explícito a ningún dos candidatos mentres o seu núcleo máis próximo se decantaba por quen agora é presionado a dimitir

O 19 de xullo de 2018, dous días antes de que Pablo Casado fose elixido presidente do PP estatal tras a dimisión de Mariano Rajoy, Alfonso Rueda, vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, desvelaba o seu apoio explícito a quen resultaría gañador e naquel momento competía coa ex-vicepresidenta do Goberno de España Soraya Sáenz de Santamaría. Tamén o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, outro dos homes de confianza de Feijóo, amosaba a súa aposta por Casado. Eses e outros pronunciamentos públicos do seu círculo de confianza foi o máis preto que estivo Casado de recibir un apoio directo de Feijóo.

Só un mes antes, o 18 de xuño, Feijóo renunciaba a competir el mesmo pola sucesión de Rajoy e iniciaba unha sucesión de declaracións coas que ao tempo que amosaba a súa predilección pola terceira competidora, a daquela número 2 do PP estatal, a secretaria xeral María Dolores de Cospedal, tentaba non comprometer o seu apoio explícito a ningunha das candidaturas. Un xeito de pronunciarse ambiguo moi habitual en Feijóo pero ao que agora vén de renunciar para dicirlle abertamente a Casado que o problema no partido é el e non as sospeitas de corrupción. Lembramos o que pasou naquela frenética transición da primavera ao verán de 2018.

Casado saúda ao público no congreso no que foi elixido presidente do PP, ante a ollada de Feijóo © PP

O 24 de maio de 2018 a Audiencia Nacional condenou o PP por corrupción no caso Gürtel. Só oito días máis tarde, o 1 de xuño, Mariano Rajoy perdía a moción de censura que facía a Pedro Sánchez novo presidente do Goberno de España e o popular anunciaba a súa retirada da política. Todas as miradas volvéronse cara a Feijóo e ata a número 2 do partido, a súa secretaria xeral María Dolores de Cospedal, amosou o seu desexo de que o galego fose a figura de consenso que liderase o partido. 

A espera pola decisión de Feijóo fixo que varios dos candidatos a suceder a Rajoy adiasen a súa propia presentación, pero finalmente o 18 de xuño o dos Peares anunciaba entre bágoas que non competiría. Nos días seguintes concretouse que finalmente serían seis (Casado, Santamaría, Cospedal, o ex-ministro Margallo e outros dous candidatos de menos peso) as persoas que participarían nun proceso interno que se celebraría cunha primeira votación en primarias por parte da militancia o xoves 5 de xullo e un posterior enfrontamento das dúas candidaturas máis apoiadas nun congreso con votos de compromisarios o sábado 21 de xullo.

Do apoio maioritario do PP galego a Cospedal distanciouse Baltar e a provincia de Ourense, que apostaron por Sáenz de Santamaría, á que vencería Casado grazas a confluír nel os apoios da primeira

Tras a renuncia de Feijóo, Cospedal deu o paso de presentarse e a ela dirixiu o galego durante os días seguintes os seus principais eloxios, salientando que non esquecía que ela lle ofrecera a el o seu apoio antes de dar un paso atrás. A boa parte do PP galego lle quedou claro que Cospedal era a candidata de Feijóo aínda que el non o dixese abertamente, o que non impediu que os populares ourensáns, co seu presidente Manuel Baltar á cabeza, se decantasen por Santamaría.

Esas preferencias máis ou menos abertas quedaron ratificadas cos resultados das primarias do 5 de xullo, nas que Cospedal resultou gañadora no conxunto de Galicia co 40% dos votos fronte ao 29% e 28% que conseguiron respectivamente Casado e Santamaría. Esta última foi a gañadora tanto a nivel estatal, co 37% dos votos, como en Ourense. Pero o resultado máis relevante desa votación foi que a terceira en liza, Cospedal, quedou apartada dunha carreira na que xa só continuaron Casado e Santamaría. E que boa parte dos apoios de Cospedal acabarían confluíndo en Casado nunha caste de pacto de perdedores que no congreso do 21 de xullo lle daría a presidencia do partido co voto a favor de 1.701 compromisarios fronte aos 1.250 de Sáenz de Santamaría.

Nas dúas semanas que pasaron entre as primarias e o congreso Feijóo, que defendera un pacto entre candidaturas, pasou a salientar que os compromisarios debían decidir o resultado

Nas dúas semanas que pasaron entre as primarias e o congreso Feijóo, que defendera previamente a necesidade dun pacto entre candidaturas que evitase chegar ao congreso sen un gañador claro, pasou a salientar que os compromisarios debían decidir o resultado. El mesmo gardou aínda máis hermetismo sobre as súas preferencias que cando na fase previa gababa a Cospedal. Pero o núcleo de dirixentes populares galegos máis próximo a el non foi tan discreto. 

Só dous días antes do congreso, o xoves 19 de xullo, ao tempo que Feijóo rexeitaba explicitar a súa postura, os presidentes das dúas agrupacións provinciais do PP máis importantes, A Coruña e Pontevedra, Diego Calvo e Alfonso Rueda, amosaban o seu apoio a Casado. Os dous acabarían entrando no novo Comité Executivo de Casado, e os dous gardaron nos últimos días un rechamante silencio ata que este martes, seis días despois de estourar a crise do PP, Calvo uniuse á nova corrente dominante no partido.

Campaña de Pablo Casado en Galicia Dominio Público @pablocasado_

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.