O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xogou a carta da neutralidade aparente na primeira votación para decidir a remuda de Mariano Rajoy á fronte do PP, se ben deuse por feito o seu apoio a María Dolores de Cospedal, aspirante máis votada en Galicia aínda que por unha marxe non especialmente folgada. Na contenda final, que esta fin de semana determinará se os conservadores pasan a estar liderados por Pablo Casado ou Soraya Sáenez de Santamaría, Feijóo di crer que sería unha "falta de respecto" utilizar a súa posición "preeminente" para orientar o voto da delegación galega e por iso se ía limitar a "escoitar" a opinión dos compromisarios a través das catro presidencias provinciais da formación.
Así e todo, escasas horas despois destas declaracións diversos membros do núcleo dirixente do PPdeG máis próximo ao xefe do Goberno galego comezaron a facer público a través das redes sociais o seu apoio a Pablo Casado. O primeiro en facelo foi o presidente do PP da Coruña, Diego Calvo, e pouco despois chegaron publicacións en termos semellantes doutros cargos como a voceira do partido no Concello coruñés, Rosa Gallego, ou a vicevoceira no Parlamento, Paula Prado. Outros dirixentes con actividade habitual nas redes, como o deputado no Congreso por Lugo Jaime de Olano, evidenciaron igualmente ese apoio e, xunto a eles, outros membros de órganos provinciais e locais da organización.
Poucas horas despois de que Feijóo considerase unha "falta de respecto" usar a súa posición "preeminente" no proceso, diversos dirixentes da contorna do presidente expresaron o seu apoio a Casado
Estes pronunciamentos, á espera de que chegue tamén o da dirección pontevedresa que encabeza Alfonso Rueda e de que suceda o propio en Lugo, evidenciaron o apoio a Casado da contorna de Feijóo e deixaron por escrito unha división no seo do PPdeG cara á sucesión de Rajoy que era patente dende hai semanas e que o PP de Ourense se encargou de ratificar en público co seu aberto apoio a Soraya Sáenz de Santamaría. Despois de que a ex-vicepresidenta do Goberno central xa fose a máis apoiada na primeira votación cara ao Congreso, José Manuel Baltar deixou claro o seu voto cara a Sáenz de Santamaría e tras el outros dirixentes do PP ourensán como Rosendo Fernández. Tamén o fixo a ex-senadora ourensá Edelmira Barreira, que fora unha das colaboradoras máis próximas a Sáenz de Santamaría no Goberno de España. Estes azos foron difundidos tamén pola conta oficial do PP de Ourense en Twitter.
O apoio a Sáenz de Santamaría por parte do baltarismo e de dirixentes próximos a Rajoy fai obvia a división da delegación galega no Congreso
O temor no seo do baltarismo a que unha vitoria de Casado faga retroceder o clima interno do partido aos tempos de José María Aznar dá lugar a que o voto de Baltar conflúa co doutra dirixente a priori afastada do PP de Ourense, pero moi próxima a Mariano Rajoy: Pilar Rojo, ex-presidenta do Parlamento e actual deputada no Congreso. Rojo, amiga do ex-titular do Goberno de España, xa manifestou a súa preferencia por Sáenz de Santamaría.
Neste contexto é xa obvio que os 279 compromisarios electos do PPdeG acudirán ao plenario do congreso do PP en Madrid co seu voto dividido e o mesmo sucederá cos votos dos 48 compromisarios natos -titulares de presidencias provinciais da formación, o presidente do Parlamento, o alcalde de Ourense, membros das Cortes ou integrantes do Comité Executivo do partido-. Ante a ausencia dunha concentración do voto galego nunha única candidatura xa non se desbota a posibilidade de que Feijóo dea en non revelar a súa postura persoal malia ás evidencias internas que o sitúan á beira de Casado, candidato que na recta final da campaña interna elevou o presidente da Xunta á categoría de "patrimonio nacional".