0 Gardados para despois

Feijóo necesita unha “coalición de perdedores” no PP

Anxo LugildeAnxo Lugilde | @anxoluxilde


Alberto Núñez Feijóo nunca recoñeceu a lexitimidade democrática do bipartito, malia que nas eleccións de 2005 a suma de PSdeG e BNG superara en 110.000 votos aos populares sen que houbese ningún votante destas formacións que non soubese que, se as contas daban, se ían a coligar, o que é natural nun sistema parlamentario como o previsto na Constitución española e no Estatuto de Autonomía de Galicia. Como moito nos seus anos da oposición o PP de Feijóo admitiu que houbo “una serie de electores” que votaron a PSOE e Bloque, cuxa conxunción adoita definir como “un pacto de perdedores”. Estigmatiza así a toda forza que non sexa a máis votada, á que segundo a visión deste licenciado en Dereito lle corresponde gobernar, con independencia dos apoios parlamentarios que teña e aínda no suposto de que haxa moitos máis votantes e deputados en contra de que o faga que a favor. Por mor dun máis que rechamante paradoxo do destino desde o pasado xoves o presidente da Xunta necesita que no PP haxa un acordo da caste que el chama “coalición de perdedores” para non vivir permanentemente co medo no corpo como sucedería se a súa inimiga Soraya Sáenz de Santamaría ocupa o despacho principal do número 13 da madrileña rúa Génova.

Aínda que de momento os indicios dispoñibles apunten a que, a menos que lles sexa imposible, Casado e Cospedal, con Feijóo detrás, sumarán as súas forzas contra a ex-vicepresidenta de Rajoy, o seu acordo ten máis problemas de lexitimidade que os derivados do discurso do PP contra todo o que non sexa o goberno da candidatura máis votada, intensificado ademais tras a moción de censura de Sánchez. Eses atrancos teñen que ver, por unha banda, co pouco lóxico sistema electoral popular, en dúas voltas con dous corpos distintos, o dos militantes inscritos ao efecto no caso das primarias e os compromisarios no do congreso, repartidos entre provincias segundo un censo de afiliados que está máis que en cuestión. Así Galicia, por exemplo, ten o 10% dos delegados, a pesar de que as persoas que se apuntaron para votar apenas representaban un 7% do total. Esa desviación conecta co mito dos 100.000 fillos de San Luis que se mantén desde que José Cuiña proclamou que había outros tantos militantes no PPdeG.

O presidente da Xunta necesita que no PP haxa un acordo da caste que el chama “coalición de perdedores” para non vivir permanentemente co medo no corpo como sucedería se a súa inimiga Soraya Sáenz de Santamaría ocupa o despacho principal do partido

Ás eivas do procedemento engádense as persoais de Pablo Casado, que está a ser investigado polas súas irregularidades académicas, logo de ter amosado unha maior habilidade para superar materias con métodos máxicos que a que tiña o Fabra de Castelló para que lle tocase a lotaría. En realidade non ten sentido que esta cuestión estea nos tribunais. Nas outras democracias da redonda este deputado por Ávila dimitiría cando estoupou o escándalo, sen que a xustiza se pronunciase. Mais en España, cando non se asumen responsabilidades políticas, os escándalos acaban nos xulgados. Casado é un dirixente político tan ben formado que, no mellor dos casos, non sabía que Companys foi fusilado polo réxime de Franco no castelo de Montjuic tras ser entregado pola Alemaña de Hitler.

Todo este panorama amosa que o resultado das primarias é para o PP cousa do demo. Se o xoves quedase de primeiro Casado, xa non habería discusión. A non ser que fose imputado antes do congreso, a súa designación estaría feita. No suposto de que Soraya Sáenz de Santamaría fose a máis votada e Cospedal a segunda, tampouco habería moitas dúbidas de que esta última gañaría o congreso, ao sumar os apoios de Casado. Con Casado de primeiro e Cospedal de segunda ou ao revés tampouco existiría o problema que se presenta agora, pola combinación entre a incoherencia cos principios do PP e o escándalo das titulacións do deputado abulense, ao que cómpre engadir a inquietante sombra de Aznar que se proxecta sobre o candidato que deu a sorpresa cun resultado máis que meritorio dadas as circunstancias, aínda que tamén haxa a dúbida de se son elas as que precisamente o converten en representativo dos cadros do partido que lle votaron.

Feijóo, con De Cospedal nun acto de partido / PP

Os só once puntos en porcentaxe que separan a candidata máis apoiada nas “primarias” do PP, Soraya Sáenz de Santamaría, da terceira, a súa inimiga María Dolores de Cospedal, reflicten a debilidade dos aspirantes e amosan que, efectivamente, se Feijóo se presentase, e non estoupase ningún novo escándalo durante a campaña interna, o máis probable que gañase con claridade. Mais o político dos Peares non puido dar o paso. Todo apunta a que, como dixo o xoves no faladoiro da Sexta unha xornalista de La Razón sen que ninguén lle retrucase, fíxoo para evitar que os seus rivais fixesen pública información comprometedora que puxese en risco a súa carreira política. Trátase dunha desas opinións que cando se ousan dicir na TVG, segundo a miña propia experiencia persoal, quen as emite ten a sensación de que lle pode caer un foco enriba, mentres no plató se fan polo baixo realistas brincadeiras sobre que “este non volve máis”, e os afíns ao PP descualifican en tromba ese parecer, sempre sen descartar que ao terminar a tertulia apareza algún directivo con algunha advertencia máis ou menos explícita.

O congreso do posmarianismo estase a converter en todo un calvario para o político dos Peares; as votacións reflectiron o ocaso do poderío do PP galego e Galicia foi irrelevante na noite electoral, onde ademais a estéril vitoria da Cospedal unxida por Feijóo non foi todo o esmagadora que noutro tempo se podería pensar

O congreso do posmarianismo estase a converter en todo un calvario para o político dos Peares. Tivo que renunciar entre bágoas ao seu soño madrileño, despois de que el mesmo alimentase que por fin o ía facer realidade, para deixar logo en evidencia ao seu aparato de propaganda cunha espiral de caneos a si mesmo, como o de que non descarta incumprir a súa palabra para recuncar no 2020 despois de dicir que non se vai a Madrid para cumprila e proclamar que esa coherencia é o que máis importa. Asemade, as votacións do xoves reflectiron o ocaso do poderío do PP galego, pois, co seu ínfimo número de inscritos nun contexto xa moi achicado, Galicia foi irrelevante na noite electoral interna, na que ademais a estéril vitoria da Cospedal unxida por Feijóo non foi todo o esmagadora que noutro tempo se podería pensar. E tratouse en calquera caso dunha aposta por un cabalo derrotado, que, malia o seu teórico control do aparato do partido, non foi quen nin de pasar á segunda volta.

Así que agora, precisamente ás portas dunhas municipais, Feijóo necesita un deses acordos de perdedores tan descualificados por el. Precísao para manter un papel destacado a escala española e, sobre todo, para blindarse ante o risco de que, unha vez consolidada na rúa Génova, Soraya teña a tentación de ir polo presidente da Xunta para que non lle faga como Susana Díaz con Pedro Sánchez entre 2014 e 2016. Na oposición galega, na que hai vida intelixente aínda que as veces se agoche nas sombras, había quen cun criterio máis que asisado sostiña que para o centro-esquerda o mellor é que gañase a ex-vicepresidenta de Rajoy. Para impedilo Feijóo necesita aquilo que leva 13 anos presentando como un pacto do diaño, primeiro na Xunta e logo nos concellos e ata mesmo nas deputacións, nas que nin hai perdedores nin gañadores, pois ninguén votou nunca os seus membros. Para poñerllo aínda máis difícil Casado, suponse que sen se decatar, está a tirar do argumentario do centro esquerda galega ao sumar as porcentaxes das candidaturas que non son a primeira de maneira que conclúe que xuntas teñen moitos máis apoios que Soraya. O seguinte sería ir de vacacións a Venezuela.

Baltar II seica fixo das "primarias" en Ourense outro episodio do seu adorado 'O Padriño'

A fascinación de Baltar II pola saga O Padriño e o reducido tamaño do corpo electoral, que daba marxe para argallar, convidan a tomar o resultado das "primarias" do PP na provincia de Ourense como un xesto do herdeiro do patriarca do trombón, un recordatorio de que a familia continúa a ir por libre. Cospedal, patrocinada abertamente por Feijóo nos seus actos en Galicia, por máis que a doutrina oficial fale da suposta neutralidade presidencial, gañou, non por moito, en todas as provincias galegas, agás en Ourense, o territorio natal dun presidente da Xunta que incluso a acompañou na cidade das Burgas, ademais de recibila, como a Soraya e Casado, na sede do lado da súa casa, nos cantóns coruñeses.


Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Así tragou o PSdeG coa Valedora do PP, coa suave protesta do BNG e a máis leve aínda de AGE

Toma de posesión de Milagros Otero como Valedora do Pobo en 2015 / Xunta

“Trátase dunha persoa (Milagros Otero Parga) da que a súa actividade pública que é coñecida é a na súa condición de profesora da USC e, a outra, na súa condición de tertuliana na radio pública galega, defendendo sempre as posición do Partido Popular. Por iso cremos que non é a mellor acreditación para sustentar tan alta representación e ser a alta comisionada deste Parlamento para defender os dereitos e liberdades dos cidadáns ante as administracións públicas”. A deputada do BNG Tereixa Paz Franco denunciou desta maneira o 30 de xuño de 2015 na comisión de Peticións do Parlamento de Galicia que se ía nomear Valedora do Pobo a unha muller do PP. Fíxoo dun xeito moi morno, porque só dedicou esta pequena parte ao final da súa intervención de algo máis de seis minutos á que era a cuestión esencial. E ademais falou en termos moi suaves, xa que a catedrática Milagros Otero Parga non era só que se caracterizase por defender a esa forza política cando interviña no programa A Crónica da Radio Galega, nos bos tempos nos que dirixía ese espazo Javier Ares, senón que se gababa abertamente de ser do PP.

O apoio do PSOE resultou esencial para que Otero fose nomeada cos pactos que incluían o renovado Consello da CRTVG e o Consello de Contas

Do Bloque cabería esperar moita máis forza na crítica ante o que supuña entregar directamente un contrapeso institucional como o Valedor do Pobo, que por algo se elixe con maioría cualificada, ao partido que tiña, e ten, a maioría absoluta na cámara lexislativa. Pero polo menos o BNG sinalou esa situación e amosou o seu rexeitamento. Fíxoo dunha maneira aínda máis feble a seguinte portavoz en intervir, Eva Solla, de Esquerda Unida, que o facía no nome da Alternativa Galega de Esquerda (AGE), o antecedente de En Marea. “Milagros Otero, coincidimos cos anterior voceira, sen cuestionar a súa capacidade profesional, entendemos pois que vai ser máis afín entre comiñas á posición do goberno. Non nos parece unha elección adecuada”, dixo Solla quen se perdeu aínda máis que Paz nas cuestións de procedemento, nas que adoitan a se enguedellar as forzas da oposición.

Aquel 30 de xuño de 2015 no nome do PSOE falou a deputada Patricia Vilán. “Desde o grupo parlamentario socialista non imos dicir nada especial respecto da proposta do Partido Popular na persoa de Milagros Otero Parga. Coñecemos que é unha especialista en Dereito e que ten a solvencia suficiente para acadar ese obxectivo nada fácil de dar a coñecer a institución do Valedor do Pobo aos cidadáns”, afirmou Vilán, quen se limitou a poñerlle algunhas tarefas, como a de ter en conta ás distintas sensibilidades que existen na sociedade galega, sen excluír a ninguén, algo que por outra parte é propio deste cargo.

Chovía sobre mollado, porque en 2007 o PSdeG xa aceptara, ao igual que o BNG, que o parlamento elixise o que era o Valedor de Feijóo

O apoio do PSOE resultou esencial para que Otero fose nomeada, xa que os 41 deputados do PP non chegan para acadar os 45 votos da maioría de tres quintos que se esixe para nomear o Valedor ou Valedora. A responsabilidade fundamental non foi nin moito menos de Patricia Vilán, quen executaba as directrices da dirección do PSdeG. Esta fixera uns acordos co PP para nomear senador o seu líder, José Ramón Gómez Besteiro, que acababa de deixar a Deputación de Lugo, ao tempo que se incluía no renovado consello da CRTVG a súa directora de comunicación e se cubrían os postos vacantes no Consello de Contas. A imputación de Besteiro no caso Garañón impediulle ir ao Senado, mais en agosto executouse finalmente a parte do pacto que atinxía a Valedora e CRTVG, con varias desercións de deputados socialistas, nunha votación que foi secreta, como é norma nestes casos.

A de Milagros Otero é unha cuestión explosiva politicamente porque María Puy Fraga é irmá do voceiro do PP, aínda que non se acreditase ningunha participación súa nun caso que volve poñer de actualidade as polémicas teses do tío de ambos sobre os "fillos de familias prominentes"

No caso do PSOE chovía sobre mollado, porque en 2007 xa aceptou, ao igual que o BNG, que o parlamento elixise o que era o Valedor de Feijóo, o seu antigo preparador das oposicións a xuíz, o maxistrado Benigno López, que tivo que dimitir en 2012, froito dos escándalos que xerou ao posicionarse incluso máis á dereita que os propios populares. A maior responsabilidade recaeu nos socialistas que foron os que, a través de Méndez Romeu, negociaron co PP. En 2015 o PSdeG repetiu o erro, nesa ocasión co nomeamento da Valedora do PP. Agora Milagros Otero non ten lexitimidade política para seguir no cargo, logo da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula o seu nomeamento como xefa do servizo de administración da institución á súa amiga María Puy Fraga, filla do mestre académico da Valedora, Francisco Puy Muñoz.

Trátase dunha cuestión explosiva politicamente porque María Puy Fraga é irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy Fraga, aínda que non se teña acreditado ningunha participación súa nun caso que volve a poñer de actualidade as polémicas teses do tío de ambos, Manuel Fraga Iribarne, de que os fillos das familias prominentes saen mellor preparados, que usou no seu día para xustificar os polémicos resultados das probas selectivas da Deputación de Ourense.