Antes un mitin en Cerdedo-Cotobade que salvar España, ou como Feijóo xa esqueceu a 'aldraxe de Soutomaior'

Feijóo e Rajoy nun inicio do curso político en 2014 en Soutomaior, onde os populares reclamaron poder seguir facendo actos políticos cando a Deputación era gobernada por PSdeG e BNG pero a onde non volverán este ano © PP

O 12 de agosto Feijóo advertiu dunha "urxencia nacional" pola que reunirá os seus baróns case un mes despois, o 6 de setembro, pero seis días antes celebrará o inicio do curso lonxe do castelo que hai un ano presentou como "símbolo" dos seus triunfos

Nin España rompe tan rápido como para que o PP non poida facer antes un mitin, nin era tan grave para a liberdade de expresión dos populares que durante oito anos a Deputación de Pontevedra daquela gobernada por PSdeG e BNG prohibise actos políticos no castelo de Soutomaior. Eses dous feitos someteranse a proba o vindeiro sábado 31 de agosto na carballeira de Cerdedo-Cotobade, onde o PP volverá celebrar o seu tradicional acto de inicio do curso político

Non será en Soutomaior, malia que agora o PP goberna a Deputación e xa pode volver celebrar actos alí. E será cinco días antes de que Feijóo se reúna cos seus baróns para analizar a "urxencia nacional" que considera que se está a vivir en España. 

Un dos actos de inicio do curso político do PP na carballeira de San Xusto, en Cotobade © PP Pontevedra

Foi o pasado 12 de agosto cando Feijóo asegurou nunha entrevista que as concesións do Goberno de España a Catalunya e a situación que se vivira alí coa investidura de quen gañou as eleccións autonómicas, o socialista Salvador Illa, supuñan unha "urxencia nacional". Fíxoo ao tempo que o portavoz parlamentario do PP, Miguel Tellado, o seu home de confianza xa nos últimos tempos no PPdeG, criticaba que o Goberno de España estivese de vacacións e non actuase.

O PP presentou como un ataque á súa liberdade de expresión que a Deputación gobernada por PSdeG e BNG prohibise actos políticos en Soutomaior, pero agora que volve estar en mans dos populares deciden manterse no 'exilio' de Cerdedo-Cotobade

Porén, a continuación Feijóo rebaixou as présas dos populares e remitiu ao mes de setembro para convocar un encontro cos presidentes autonómicos do PP no que analizar a situación. Ese encontro será finalmente o venres 6 de setembro, seis días despois de que o propio Feijóo presida o inicio do curso político do seu partido co tradicional mitin en Galicia. 

Ese inicio do curso político realizábao tradicionalmente o PPdeG con invitados destacados do PP estatal no castelo de Soutomaior, propiedade da Deputación de Pontevedra. Pero tras perder os populares a institución provincial en 2015 o novo goberno de coalición de PSdeG e BNG vetou que alí se puidesen celebrar actos políticos, o que foi considerado polo PP como un ataque á súa liberdade de expresión.

Feijóo e Rueda hai un ano no acto no o PP volveu ao castelo de Soutomaior, no que xa non repetirá este ano © PP

Durante os anos seguintes o acto anual dun PP que se considerou exiliado trasladouse a unha carballeira en Cerdedo-Cotobade, concello gobernado polos populares. Ata que nas municipais de 2023 o PP recuperou a presidencia da Deputación de Pontevedra. 

No inicio do curso político dese ano os populares volveron ao castelo de Soutomaior, que Feijóo presentou como "símbolo" para el "moi importante" do que cualificou como o "maior triunfo territorial" do PP en toda España, o que viña de obter nas municipais e autonómicas.

Logrado ese obxectivo de reconquistar Soutomaior, este ano o PP xa non considera tan indispensable o castelo como cando non lle deixaban facer alí os mitins e opta volver á carballeira de Cerdedo-Cotobade. Un lugar mesmo máis amplo e cómodo para ese tipo de actos que o castelo que convertera en exemplo do seu suposto silenciamento por parte de PSdeG e BNG.

Feijóo con Rueda e Rajoy no acto no castelo de Soutomaior o 27 de agosto de 2023 © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.