O portavoz popular pediu o venres a Sánchez que "dea a cara" con "urxencia" e este luns Feijóo fixou para o mes vindeiro unha reunión cos seus para "defender xuntos a igualdade de todos os españois"
Tras varias xornadas sen aparicións públicas e sen facer declaracións máis que a través das redes sociais, evitando así pronunciarse sobre importantes acontecementos recentes, este luns o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, convalecente dun desprendemento de retina, foi entrevistado na COPE. Alí, nunha conversa que xirou fundamentalmente arredor de Catalunya, o popular volveu tirar do seu habitual manual de asedio contra o Goberno presentando a situación política, económica e social do país como caótica e gravísima.
En ausencia de Feijóo os discursos máis críticos contra Sánchez e o Goberno de España correron nas últimas xornadas por conta do seu portavoz parlamentario e man dereita no PPdeG, Miguel Tellado. O pasado venres, día no que foi investido presidente da Generalitat o socialista Salvador Illa e no que o perseguido Carles Puigdemont se deixou ver en Barcelona pero non puido ser detido polos Mossos, Tellado criticou que "Sánchez está de vacacións tras a humillación ao Estado". O popular lamentaba que só o ministro de Presidencia, Bolaños, tivese axenda pública e pedía unha comparecencia no Congreso "de urxencia".
Este luns Feijóo incidiu na mensaxe da "urxencia nacional", pero rebaixou as presas e remitiu ao mes de setembro para convocar un encontro cos presidentes autonómicos do PP no que analizar a situación en Catalunya e as cesións do Goberno de España a cambio do goberno de Illa.
"Insisto, estamos ante unha urxencia nacional", asegura Feijóo
Nunha mesma resposta, con poucos segundos de diferenza, Feijóo asegurou na entrevista deste luns que "o que non vai facer o presidente, que é convocar aos presidentes autonómicos, non o fixo durante toda esta lexislatura, vouno facer eu no próximo mes de setembro". Será, engadiu, para "defender xuntos a igualdade de todos os españois" porque "insisto, estamos ante unha urxencia nacional".