Feijóo contempla un indulto a Puigdemont tras media campaña de Rueda contra as concesións a Catalunya

Feijóo nun mitin en Sarria este sábado © PP

A unha semana do 18F Feijóo fala en Lugo en privado con xornalistas de Madrid e varios publican que aceptaría unha vía de achegamento con condicións a Junts

"En Madrid publican todo o que se fala nos corrillos". A frase, en referencia ás reunións informais de políticos con xornalistas con micrófonos apagados, foi pronunciada ao máis alto nivel na contorna de Feijóo en varias ocasións, tanto antes como despois da súa marcha á capital estatal. É unha frase clave para entender o que sucedeu esta fin de semana, cando o líder popular, con varios actos de campaña en Lugo, convocou a diversos xornalistas de Madrid a unha conversa en privado. A continuación, estes foron os titulares dalgúns dos principais medios estatais:

  • El País: Feijóo, aberto a estudar un indulto condicionado a Puigdemont nun plan de "reconciliación" para Catalunya. "Segundo afirman fontes do PP ao máis alto nivel", dise no texto.
  • La Vanguardia: Feijóo amósase disposto a aceptar un indulto condicionado a Puigdemont. "Froito dun contacto informativo con xornalistas, fontes populares consideran que os poderían ser unha vía alternativa á controvertida lei de amnistía", sinala a información.
  • Cadena SER: Feijóo ábrese agora a indultar a Puigdemont "con condicións" dentro dun "plan de reconciliación para Catalunya". Unha información que se atribúe a "fontes do partido de toda solvencia".
  • Axencia EFE: Feijóo ábrese a conceder un indulto condicionado a Carles Puigdemont. O teletipo, asinado en Lugo, apunta a "fontes do PP".
  • El Independiente: O director deste dixital, Casimiro García-Abadillo, mesmo revela que foi o propio Feijóo quen contou aos xornalistas a súa postura.

Así que Feijóo decidiu dar esta fin de semana unha nova viraxe á campaña electoral de Alfonso Rueda para centrar a axenda mediática en Catalunya.

Rueda e o presidente andaluz, Moreno Bonilla, este sábado en Santiago © PPdeG

A precampaña e parte da campaña electoral para o 18F desenvolveunas Rueda lanzando mensaxes en clave estatal, tanto en entrevistas con medios de fóra de Galicia como nos seus mitins. Eran críticas a Sánchez e advertencias de que Galicia non estaría disposta a admitir concesións a Catalunya. Pero o PPdeG foi virando o foco e, a medida que as enquisas foron amosando un progresivo ascenso de Ana Pontón e o BNG, os discursos populares pasaron a centrarse no medo a un goberno nacionalista en Galicia. Rueda segue a apelar á igualdade entre comunidades, como fixo aínda este sábado nun mitin en Santiago acompañado polo presidente andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla. Pero o foco xa non é Catalunya senón o medo a un bipartito independentista en Galicia.

O PPdeG chegou a manifestarse en Madrid en 2021 contra os indultos en Catalunya, unha protesta á que non asistiu Feijóo

Neste contexto, a decisión de Feijóo, plasmada en plena campaña en Lugo e non en Madrid, de volver a poñer o foco en Catalunya, pero nun senso contrario ao que ata agora viña descorrendo o PP, supón unha nova viraxe á senda de mensaxes que viña transmitindo o PPdeG.

Como presidente da Xunta, Alfonso Rueda concluíu o 2023 cunha mensaxe de fin ano na que proclamou: "A igualdade entre os cidadáns, os lazos de fraternidade que nos unen e a credibilidade do marco legal que nos protexe non deberían estar xamais en negociación". Previamente chegara a pedir o cesamento de Yolanda Díaz por reunirse con Puigdemont. Pero agora Feijóo, pola contra, está disposto a negociar o indulto do político catalán.

Cargos do PPdeG, encabezados polo daquela 'número 2' do partido, Miguel Tellado, en 2021 nunha manifestación en Madrid contra os indultos a políticos cataláns © @Mtelladof

Un xiro político que deixa en evidencia a un PPdeG que en 2021 chegou a desprazar a súa cúpula e ducias de afiliados a Madrid para manifestarse alí contra os indultos xa outorgados a varios líderes independentistas cataláns. Naquela manifestación non estaba Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.