O 'número 2' dos populares galegos falou de "centos de milleiros de españois" os que saíron este domingo á rúa para "gritar que o noso país e a nosa democracia non está en venda"
Con Feijóo voando de Galicia a Roma vía Barajas xa este domingo pola mañá para ver o luns ao Papa, o PP galego estivo encabezado este mediodía polo seu número 2, Miguel Tellado, na manifestación contra os indultos aos líderes independentistas cataláns que volveu congregar na praza de Colón de Madrid a PP, Vox e Ciudadanos. Ao contrario que en 2019, cando o propio presidente Galego adiantara a volta dunha viaxe a Miami para poder asistir á concentración que deu alas a Vox, este domingo o partido tivo que conformarse coas declaracións e o vídeo que en días previos gravou Feijóo para amosar o seu apoio á protesta.
A presidenta da Comunidad de Madrid preguntouse "que vai facer o rei" e se vai asinar os indultos que aprobe o Goberno de España
Na súa intervención no acto, o líder estatal do PP, Pablo Casado, asegurou que se o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, confirma os indultos, posibilidade que vén defendendo como vía de mellora do conflito político en Catalunya, suporía vender “a soberanía nacional e a unidade dos españois por un puñado de votos”. Casado pediu ao presidente que explique aos españois “por que lles quere roubar unha parte da súa nación”.
A manifestación deste domingo foi convocada por unha plataforma denominada Unión 78 conformada por, entre outros, Rosa Díez, Paco Vázquez ou Roberto Blanco Valdés. Nela os populares deron protagonismo non só ao seu líder estatal, Pablo Casado, e ao seu portavoz, José Luis Martínez-Almeida, senón tamén á presidenta da Comunidad de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, quen cualificou a Sánchez de “cómplice” dunha ilegalidade e mesmo se preguntou "que vai facer o rei", en referencia a se o xefe de Estado vai asinar os indultos.
Desde o PP galego -no que Tellado non foi o único participante na marcha, xa que estivo acompañado entre outros polo líder de Novas Xeracións, Adrián Pardo, ou por cargos estatais do partido como a pontevedresa Ana Pastor ou o lucense Jaime de Olano- o secretario xeral asegurou que este domingo "centos de milleiros de españois saímos á rúa para gritar que o noso país e a nosa democracia non está en venda, que a Constitución e a lei non poden ser moedas de cambio para que Sánchez se manteña na Moncloa". Tellado tamén dixo que "o nacionalismo galego quere seguir a mesma folla de ruta que o independentismo catalán".
Nos días previos, cando se confirmou que Feijóo non asistiría á manifestación, Tellado quixo desbotar dúbidas e asegurou que o PP galego e Feijóo “estamos tan comprometidos como os demais” contra os indultos. “Non lle temos medo ás fotos”, dixo tamén Tellado, sobre o feito de volver compartir unha manifestación con VOX.