O PSC gaña as eleccións pero o independentismo aumenta a súa maioría, con catro escanos máis (de 70 a 74) e máis do 50% dos votos
O independentismo alarga a maioría no Parlament e o PSC gaña as eleccións en Catalunya. Nun resultado axustado nos primeiros postos, e con máis do 96% escrutado, os socialistas liderados por Salvador Illa convertéronse na forza máis votada tras un importante ascenso. Venceron en votos pero empataron en escanos con ERC, ambos partidos con 33 deputados e só un por riba de Junts per Catalunya (JxCat), con 32.
O PSC tirou do factor Illa como Ciudadanos tirara do factor Arrimadas en 2017. Aglutinou boa parte do voto do chamado constitucionalismo e seguiu o ronsel gañador do PSOE no Estado. Os socialistas aumentaron en 16 escanos ao tempo que o partido laranxa sufría un descenso histórico, ao pasar de primeira a sétima forza e perder 30 deputados e case un millón de votos.
A ultradereita de Vox irrompe con 11 escanos e obtén máis do dobre de votos que o PP; Ciudadanos sofre unha desfeita e perde 30 escanos
Con todo, a fortaleza do independentismo continúa intacta, mesmo con máis apoio. A suma de ERC, JxCat e CUP alcanza 74 escanos, fronte aos 70 de 2017. De engadir os máis de 60.000 sufraxios do PDeCAT, que non acadou finalmente representación parlamentaria, o soberanismo acada máis do 50% dos votos, fronte ao 47% de hai tres anos.
Todo nunhas eleccións afectadas pola pandemia e cunha moi baixa participación, de algo máis do 53% segundo o escrutinio provisional, fronte ao case 80% que rexistraran os comicios de 2017. Unha elevada abstención que muda moitas das interpretacións sobre os resultados.
A CUP aumenta 5 escanos e En Comú Podem mantén os 8 que tiña na anterior lexislatura
O Parlament, máis aló da división entre independentistas e non independentistas, será o que conte con maior forza da esquerda de toda a historia. PSC, ERC, CUP e En Comú Podem suman 83 escanos fronte aos 52 da dereita de JxCAT, Vox, Ciudadanos e PP.
Alén da forza estable de JxCAT, na dereita de implantación estatal Vox deu a gran sorpresa ao tempo que se confirmaba a desfeita de Ciudadanos e do PP. A ultradereita obtivo máis do dobre de votos que os populares e superou en máis de dous puntos á formación laranxa, que deixou no camiño 30 escanos e arredor dun millón de votos.
A caída do PP foi tal que, no caso de aplicarse en Catalunya a lei electoral galega, nin tan sequera tería entrado no Parlament ao non superar o 5% dos votos en ningunha circunscrición. Non chegou nin ao 4%.
A extrema dereita non só entra por primeira vez no Parlament, senón que o fai como cuarta forza, sendo a primeira en representación na dereita estatal e superando con claridade o Partido Popular, que empeora o seu xa pésimo resultado en Catalunya de hai tres anos.
Con este resultado, o de Galicia queda como un dos poucos parlamentos autonómicos onde Vox non ten representación no parlamento autonómico. Ademais, só en Galicia e en Navarra a ultradereita non ten ningunha representación institucional: nin nos concellos, nin no Congreso, nin no Senado, nin nas deputacións.
Pola banda da esquerda, a independentista da CUP mellora resultados, incrementa o seu apoio en máis de dous puntos e pasa dos 4 escanos que obtivera en 2017 aos 9 de agora. Ademais, En Comú Podem repite practicamente os mesmos resultados dos últimos comicios autonómicos, cos mesmos escanos (8) e case idéntica porcentaxe de votos (sobre o 7%).
Queda por ver agora o xogo de alianzas, pendente de se a aposta pasa por unha repetición dun goberno independentista, con ERC, JxCAT e o presumible apoio da CUP, ou unha vía pola esquerda como a explorada no Congreso, coa colaboración de PSC, Esquerra e En Comú Podem. Sexa como for, o bloque soberanista suma o mesmo que socialistas, comúns e republicanos: 74 escanos, seis por riba da maioría absoluta.