O TC declara constitucional a amnistía e amplíaa a delitos dos antisoberanistas

Papeleta do referendo sobre a independencia catalá, o 1 de outubro de 2017 CC-BY-SA ANC

Un ano longo despois da súa entrada en vigor, o Tribunal Constitucional declarou que a lei de amnistía, a norma que as formacións nacionalistas catalás impuxeron a Pedro Sánchez para apoiar a súa investidura como presidente do Goberno, ten encaixe na Constitución. O grupo progresista, conformado por seis maxistrados, fixo valer a súa maioría e confirmou, en contra do que sostivo o PP no seu recurso de inconstitucionalidade, que a norma fundamental admite as amnistías e que esta concreta, a que afecta a condenados e procesados por infraccións relacionadas co proceso soberanista catalán, ten encaixe nela. Como se esperaba, o Constitucional amplía o seu ámbito de aplicación aos delitos relacionados con ese proceso cometidos por persoas contrarias a el. Tamén delimita temporalmente os seus efectos para evitar que poida aplicarse a futuro. Nos procesos contables ante o Tribunal de Contas obriga, ademais, a escoitar a todas as partes e non só ao fiscal e á administración afectada, antes de pechar os procesos abertos.

A sentenza sae adiante cos votos da maioría progresista e os catro maxistrados conservadores anuncian votos particulares discrepantes

Foron catro días de deliberación sobre a lei nos que os maxistrados lograron frear todos os intentos do PP de dilatar a decisión. Tanto o partido que dirixe Alberto Núñez Feijóo como o Senado, no que esa formación ten maioría absoluta, tentaron que o Constitucional non se pronuncie ata que o faga o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) órgano que ten pendente de decidir catro cuestiones prexudiciais presentadas por xulgados e tribunais españois (Tribunal de Contas, Audiencia Nacional e Tribunal Superior de Xustiza de Cataluña, entre eles). O tribunal europeo ten previsto pronunciarse despois do verán, en setembro ou outubro, así que o seu criterio terá que terse en conta nas resolucións posteriores do Constitucional sobre o resto de recursos.

Membros do pleno do Tribunal Constitucional (2023) © Tribunal Constitucional

Porque, a amnistía, coa sentenza votada este xoves, non termina o seu percorrido no tribunal de garantías. Están pendentes as cuestións de constitucionalidade presentadas polos tribunais ordinarios, entre eles o Tribunal Supremo, que, nunha posición moi difícil de soster, se negeou a aplicar a lei ao delito de malversación polo que condenou os máximos responsables políticos do proceso independentista e cuestionou o encaixe na Constitución da amnistía do outro delito polo que os procesou e condenou, o de desobediencia. Os maxistrados do Constitucional terán que abordar, ademais, os recursos de amparo presentados polos procesados e condenados aos que os tribunais (o Supremo e outros) se negaron a aplicar o perdón. Coa constitucionalidade da lei avalada en abstracto, é máis que probable que o resto de recursos se resolvan nese mesmo sentido.

O órgano de garantías non abordará as cuestións de inconstitucionalidade e os recursos de amparo dos dirixentes do procés ata despois do verán

A sentenza será redactada pola relatora, a vicepresidenta Inmaculada Montalbán (progresista). Apóiana o presidente, Cándido Conde-Pumpido e o resto de maxistrados e maxistradas dese mesmo grupo: María Luisa Balaguer, Ramón Sáez Valcárcel, María Luisa Segoviano e Laura Díez Bueso. En contra pronunciáronse os catro conservadores: Ricardo Enríquez, Enrique Arnaldo, Concepción Espejel e César Tolosa, que anunciaron a formulación de votos particulares discrepantes nos que sosterán, previsiblemente, as teses defendidas polo PP, que a amnistía é inconstitucional. Do debate non formaron parte o progresista Juan Carlos Campo, que se abstivo ao pronunciarse sobre a constitucionalidade dunha amnistía mentres foi ministro de Xustiza, e o conservador José María Macías, que tivo que ser apartado por pronunciarse sobre a norma durante a súa etapa anterior como conselleiro do Poder Xudicial a proposta do PP.

No seu recurso de inconstitucionalidade, o PP sostiña que a amnistía non tiña encaixe na Constitución posto que a norma fundamental non habilita o Parlamento para aprobala. Esa formación tamén alegaba a prohibición de indultos xerais que si prevé no seu artigo 62, prohibición que, sostén o recurso, incluiría a amnistía. Defende tamén o PP que a amnistía é incompatible co Estado de dereito, en concreto con mandatos como a separación de poderes ou o principio de legalidade penal (ninguén pode ser condenado por accións ou omisións que no momento de producirse non constitúan delito segundo a lei).

Xuízo aos líderes independentistas cataláns no supremo CC-BY-SA Praza Pública

Para o Constitucional, con todo, a falta de habilitación expresa para amnistiar non impide que as Cortes Xerais poidan facer todo o que a Constitución non prohiba, e a norma fundamental non prohibe expresamente este tipo de medidas de graza. O texto tamén rexeita que a prohibición de indultos xerais afecte á amnistía porque indulto e amnistía, sostén, son institucións diferentes. O indulto supón eximir das penas, mentres que a amnistía supón unha excepción á aplicación da lei. Tamén son diferentes os órganos que os outorgan: o indulto corresponde ao Goberno mentres que a amnistía a aoriba o Parlamento cunha lei.

Para o Constitucional a falta de habilitación expresa para amnistiar non impide que as Cortes Xerais poidan facer todo o que a Constitución non prohiba, e a norma fundamental non prohibe expresamente este tipo de medidas de graza

Sobre a afectación a principios constitucionais básicos como o da separación de poderes, o borrador de sentenza elaborado por Inmaculada Montalbán négao. O relatorio lembra que corresponde en exclusiva aos xuíces aplicar as leis, pero que é o Poder Lexislativo, é dicir, o Parlamento, o que ten que aprobalas e "determinar que feitos han de considerarse punibles, a consecuencia represiva que a súa comisión leva, así como as excepcións que tales previsións poden ter".

Por último, respecto ao principio de legalidade, o que establece que ninguén pode ser condenado por unha conduta que a lei non considere como delito no momento da súa comisión, a maioría progresista sostén que unha amnistía "non derroga precepto penal ningún" senón que "se limita a suprimir os efectos xurídicos da aplicación dunhas normas cuxa validez e vixencia non cuestiona". É dicir, ao non establecer delitos, modificalos ou derrogalos, o principio de legalidade penal non sería aplicable a este tipo de medidas de perdón.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.