Os líderes independentistas cataláns, condenados por sedición e malversación con ata 13 anos de cárcere

Os líderes independentistas cataláns xulgados, no inicio do xuízo do Supremo o 12 de febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

O Tribunal Supremo condenou a 13 anos de prisión por sedición e malversación ao líder de ERC, Oriol Junqueras. Polos mesmos delitos, aínda que a penas de 12 anos, foron condenados os ex-consellers Raül Romeva, Jordi Turull e Dolors Bassa, mentres que para a ex-presidenta do Parlament Carme Forcadell a pena imposta polo tribunal  foi de 11 anos e medio de cárcere unicamente por sedición, único delito polo que tamén foron condenados os ex-consellers Joaquim Forn e Josep Rull a 10 anos e seis meses de cadea.

O Supremo condena a 13 anos de cadea a Junqueras; a 12 a Romeva, Turull e Bassa; a 11 e medio a Forcadell; a 10 e seis meses a Forn e Rull e a nove a Jordi Cuixart e Jordi Sánchez

Para o ex-líder da ANC Jordi Sànchez e o presidente de Òmium Cultural, Jordi Cuixart, a condena é a nove anos de prisión. 

Iso é o que ditamina a sentenza do xuízo do procés feita pública na mañá deste luns, tal e como se adiantara durante a fin de semana a través de numerosas filtracións a diferentes medios, e que acaba condenando os líderes independentistas por sedición, e non por rebelión, pero con elevadas penas de cadea para todos os líderes independentistas. 

Membros do tribunal que xulgou os líderes independentistas cataláns © Tribunal Supremo

O tribunal conclúe que os condenados idearon unha "estratexia concertada" con "repartición de papeis" para alcanzar a independencia. De Junqueras destaca o seu "liderado" no procés froito da súa dobre condición de vicepresidente do Govern e presidente de ERC. A "pertinaz desantención" de Junqueras ás ordes do Constitucional para que non impulsase o referendo, indica o tribunal, "despexa calquera dúbida sobre o seu control do proceso de creación lexislativa e regulamentaria que fixo posible a celebración do referendo declarado ilegal". O resto de ex-consellers foron os encargados de executar a "concertada actuación sediciosa" desde os seus respectivos departamentos. 

O tribunal conclúe que os condenados idearon unha "estratexia concertada" con "repartición de papeis" para alcanzar a independencia

A data clave para a condena por sedicion é o referendo do 1-O, cando os condenados, segundo di o Supremo, culminaron a súa estratexia de desobediencia ás leis estatais e chamaron á cidadanía a concentrarse nos centros para impedir a actuación policial. Para o tirubnal, Sànchez e Cuixart tiveron un papel clave para intentar "neutralizar calquera manifestación de poder emanada das autoridades xudiciais" mediante chamadas á mobilización". 

O tribunal detense en analizar a actitude dos Mossos d'Esquadra o 1-O e avala a crítica ao dispositivo da policía catalá que formulou o ex-alto cargo de Interior Diego Pérez de los Cobos e desdeña a do major Josep Lluís Trapero. Así, o Supremo resolve que a parella de mossos que acudiu a cada centro facilitou a votación no canto de impedila porque "supuxo unha neutralización da capacidade operativa dese corpo policial". 

"A coartada da insuficiencia de Mossos en cada un e en todos os centros para cumprir o mandato da Maxistrada do Tribunal Superior de Xustiza, mostrouse con cínica notoriedade", engaden os maxistrados. Respecto ao ex-titular de Interior Joaquim Forn asegúrase que logrou "a efectiva ordenación da actuación" dos Mossos d'Esquadra cos seus "obxectivos políticos".

O relato dos feitos probados sentenciado polo tribunal non abranque todo o proceso soberanista e comeza coa aprobación das leis de desconexión en setembro de 2017. Ambas as dúas normas, conclúe o tribunal, "formaban parte dunha estratexia concertada polos principais acusados". "Do que se trataba era de crear unha aparente cobertura xurídica que permitise facer crer á cidadanía que cando depositase o seu voto estaría contrubuíndo ao acto fundacional da República independente de Catalunya", engade a setnenza en referencia ao referendo.

A esta estratexia "concertada" entre os ex-consellers e Forcadell para impulsar a votación sumáronse os Jordis cunha "función relevante na mobilización dos cidadáns" para "lograr unha participación relevante na consulta presentada como a expresión do 'dereito a decidir". Òmnium e ANC, engade o tribunal, "foron postas polos seus dous principais dirixentes ao servizo da manobra de presión política que fora ideada de forma concertada co resto dos acusados". 

VIolencia pero non a suficiente

O tribunal considera probada a existencia de violencia pero non a suficiente para acreditar un delito de rebelión. Explica o ditame que debería terse dada dun xeito "instrumental, funcional, preordenada de forma directa, sen pasos intermedios, aos fins que animan á acción dos rebeldes" e que non fi así. Igualmente, a sentenza destaca que os feitos de violencia puntual que se deron tiveron "absoluta insuficiencia" para "impoñer de feito a efectiva independencia territorial e a derrogación da Constitución en territorio catalán". 

No plano "subxectivo", o Supremo considera acreditado que o obxectivo último e verdadeiro dos procesados non foi a independencia senón "crear un clima ou un escenario" no que se fixese máis viable unha ulterior negociación". Por tal motivo, considera que a violencia que se deu non encaixa no tipo penal da rebelión.  

"Baixo o imaxinario dereito de autodeterminación agochábase o desexo dos líderes políticos asociativos de presionar o Goberno da Nación para a negociación dunha consulta popular", engade. "Eran coñecedores de que o que se ofrecía á cidadanía catalá como o exercicio lexítimo do dereito a decidir non era senón o reclamo dunha mobilización que nunca desembocaría na creación dun Estado soberano", conclúe. 

A sentenza asegura que os líderes independentistas "eran coñecedores" de que nunca se acabaría coa "creación dun Estado soberano"

Tanto os que fuxiron como os que quedaron, di o Supremo, "eran conscientes da manifesta inviabilidade xurídica" do referendo do 1-O. Tamén eran coñecedores, engade, de que un referendo "sen a máis mínima garantía de lexitimidade e transparencia" para contabilizar o resultado "nunca sería homologado por observadores internacionais verdadeiramente imparciais"

Neste punto chega o reproche da utilización da cidadanía catalá que, a xuízo do Tribunal Supremo, levaron a cabo os condenados. "Eran conscientes de que a ruptura do Estado esixe algo máis que a obstinada repetición de consignas dirixidas a unha parte da cidadanía que confía inxenuamente no liderado dos seus representantes políticos", engade. E céntrase na declaración de independencia, que considera unha "insalvable contradición" de quen a proclamou e, a continuación, deixouna sen efecto para reclamar unha negociación co Estado "soberano".

"É violencia para lograr a secesión, non violencia para crear un clima ou un escenario no que se faga máis viable unha ulterior negociación", engade. O Supremo asegura que "abondou unha decisión do Tribunal Constitucional para despoxar de inmediata executividade aos instrumentos xurídicos que se pretendía facer efectivos polos acusados". O ditame recréase nese argumento ao engadir: "A conxura foi definitivamente abortada coa mera exhibición dunhas páxinas do BOE que publicaban a aplicación do artigo 155 e a Constitución na comunidade autónoma de Catalunya".

O tribunal considera probada a existencia de violencia pero non a suficiente para acreditar un delito de rebelión

Aquelas disposicións do Estado, autorizadas ao Goberno polo Senado, "aplicáronse con normalidade" e provocar nalgúns dos procesados a súa "repentina fuxida". Neste apartado, o ponente do ditame, Manuel Marchena, dedica unha frase a ámbitos extraxurídicos para reprendelos: "Resolver o xuízo de tipicidade respondendo cun monosílabo á pregunta de seu houbo ou non violencia supón incorrer nun reducionismo analítico que esta sala non pode subscribir". 

Respecto da actuación policial o 1-O, o Supremo conclúe que os axentes da Policía Nacional e da Garda Civil víronse "obrigados ao uso da forza legalmente prevista" aquel día debido á "oposición decidida" dos votantes a desaloxar os centros. 

O Supremo avala a actuación da policía e da Garda Civil o 1-O porque se viron "obrigados ao uso da forza" ante a resistencia "compactada" dos votantes

A resistencia "compactada" dos votantes nos centros, auspiciada polos líderes soberanistas, comportou "o uso da forza suficietne para neutralizar os axentes de policía que lexitimamente trataban de impedir a votación" en virtude da orde do Tribunal Superior de Xustiza de Catalunya (TSJC). 

O ditame remarca que foron os cidadáns concentrados nos centros os que "intentaban impedir a toda costa o cumprimento da resolución xudicial da que eran portaadores os axentes" para impedir a votación. 

Mobilización pola liberdade dos líderes independentistas cataláns © ANC

Penas máis altas das que pedía a Avogacía do Estado

As penas impostas polo tribunal aos líderes independentistas son un pouco máis altas das solicitadas pola Avogacía do Estado, a acusación que solicitaba a condena por sedición. Ademais, o ditame supón un pau para a Fiscalía, que atribuía aos acusados un delito de rebelión. 

As penas impostas polo tribunal son un pouco máis altas das solicitadas pola Avogacía do Estado, a acusación que solicitaba a condena por sedición. 

A Fiscalía pedía penas de até 25 anos de cárcere para Junqueras, 17 para os Jordis e Forcadell e 16 para o resto de ex-consellers por rebelión, mentres que a Avogacía do Estado cualificou os feitos do procés como un delito de sedición e rebaixou a petición de pena a 12 anos de cárcere para o líder de ERC, 11 e medio para o resto de ex-consellers en prisión preventiva e oito para a ex-presidenta do Parlament e os líderes civís soberanistas. A acusación popular do partido de extrema dereita Vox solicitaba até 72 anos de cárcere por rebelión e organización criminal.

Pleno do Parlament, con lazos amarelos a prol da liberdade dos dirixentes encarcerados Dominio Público Parlament de Catalunya

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.