Poucos minutos despois de que o Tribunal Supremo fixese pública a sentenza que condena a ata trece anos de prisión aos líderes independentistas cataláns, as principais forzas políticas de Catalunya e os colectivos soberanistas reaccionaron ao respecto. Unha das primeiras reaccións foi a do líder político que se enfronta á condena máis dura, Oriol Junqueras, a quen o Supremo impón trece anos de prisión e inhabilitación.
A través dunha carta divulgada por Esquerda Republicana de Catalunya, o presidente deste partido coida que este ditame xudicial pretende "acabar cunha xeración de cataláns que loita por conseguir a liberdade". "Con esta sentenza queren estragar vidas, descabezar partidos e liderados, frear e acabar cun movemento político e democrático e silenciar a todo un pobo que se quere expresar nas urnas". Pero, advirte, "volveremos máis fortes".
"A prisión, por dura e inxusta que sexa, só é unha etapa máis no camiño" ata lograr "a liberdade", di Oriol Junqueras
A xuízo de Junqueras, se algo "demostra" a sentenza do SUpremo é que "os cataláns non temos alternativa" que non pase pola independencia, "construír un novo estado para fuxir deste que persegue demócratas, prohibe votar e protestar e encarcera por ideas políticas". Así e todo, subliña, "a prisión, por dura e inxusta que sexa, só é unha etapa máis no camiño" ata lograr "a liberdade". "Esquezamos as vinganzas, enchámonos e esperanza e convertamos a inxustiza en enerxía en coraxe e en forza democrática"; "non teñamos ningunha dúbida, volveremos e gañaremos", reitera.
A través das redes sociais, as contas doutras das persoas condenadas tamén transmitiron as súas primeiras impresións sobre as condenas. Para Raül Romeva, condenado a 12 anos e medio de prisión, "hai meses que nos sentenciaron preventivamente" aos líderes en concreto e a "todo un movemento". Pero "ningunha sentenza cambiará as aspiracións políticas de millóns de cidadáns, nin esta nin a as que virán", sinala o ex-conselleiro. "En pé, combativos, dignos", sinala unha mensaxe divulgada tras a publicación da sentenza.
O presidente do Parlamento catalán chama a "dende a non violencia, defender os dereitos e liberdades fundamentais"
"Consumouse a inxustiza, o libre debate parlamentario non é un delito, é un dereito exercelo e defendelo", sinalou Carme Forcadell, ex-presidenta do Parlamento catalán, a quen o Supremo condena a 11 anos e medio de prisión e inhabilitación. "Se xulgasen os feitos, absolveríannos, pero como xulgaron as ideas, condénannos", agregou Josep Rull, a quen o tribunal impón 10 anos e medio.
Pola banda dos actuais dirixentes das institucións catalás, o presidente do Parlament, Roger Torrent, considera que "hoxe nos condenan a todos, non só a doce persoas", porque "esta sentenza é un ataque á democracia e aos dereitos de toda a cidadanía". "Convertamos a tristura en enerxía. Dende a non violencia, defendamos os dereitos e liberdades fundamentais. Como fixemos sempre, atopemos a forza e a intelixencia necesaria para resistirmos os peores embates e construírmos escenarios de futuro e esperanza", convida Torrent.
O Barça: "A prisión non é a solución"
De xeito paralelo ás primeiras reaccións políticas, nas rúas de vilas e cidades cataláns desenvólvense xa manifestacións e concentracións en rexeitamento da sentenza e chegan reacción dende máis alá das institucións e os partidos. Unha das primeiras e máis rechamantes foi a do Fútbol Club Barcelona, que nun comunicado público apela á súa historia "dende a defensa da liberdade de expresión e do dereito a decidir" para afirmar que "do mesmo xeito que a prisión preventiva non axudou a resolver o conflito, tampouco o fará a prisión ditada hoxe".
"O cárcere non é a solución", subliña o Barça, para cuxa directiva "a resolución do conflito que vive Catalunya pasa, exclusivamente, polo diálogo políto". "Por iso, agora máis ca nunca, o club pide a todos os responsables políticos que lideren un proceso de diálogo e negociación para resolver este conflito, que tamén debe permitir a liberación dos líderes cívicos e políticos condenados". O FC Barcelona conclúe manifestando "todo o apoio e solidariedade ás familias dos que son privados de liberdade".