O Constitucional ampara Puigdemont e o resto de encausados polo 'procés' e obriga o Supremo a amnistialos

Cándido Conde-Pumpido, presidente do Tribunal Constitucional © Tribunal Constitucional

O amparo á ex-conselleira Dolors Bassa, aprobado pola maioría progresista, contén a doutrina a aplicar a todos os condenados e procesados 

O Tribunal Constitucional acabou na mañá deste martes con tres anos de resistencia e activismo do Tribunal Supremo contra a aplicación da lei de amnistía a Carles Puigdemont e o resto de dirixentes independentistas condenados e procesados por malversación ao organizar o referendo de autodeterminación do 1 de outubro de 2017. A maioría progresista aprobou o relatorio redactado polo presidente do órgano de garantías, Cándido Conde-Pumpido, que considera que a máis alta instancia penal española vulnerou os dereitos fundamentais á tutela xudicial efectiva, a non ser castigado por algo non previsto como delito (dereito á legalidade penal) e ao acceso a cargos públicos da ex-conselleira de Traballo Dolors Bassa. 

O fallo, con todo, é aplicable ao resto de condenados e procesados e obriga expresamente ao Alto Tribunal a ditar unha nova resolución na que se aplique a amnistía aos delitos de todos eles "con carácter preferente e urxente". Os maxistrados do sector conservador anunciaron un voto particular discrepante. A sentenza producirá efecto en cando o seu texto e as opinións disidentes se publiquen no BOE, pero o instrutor do caso do procés, Pablo Llarena, preferiu non esperar e levantar inmediatamente as ordes de busca e captura contra o ex-president e o ex-conseller Toni Comín, que poderán regresar a España en calquera momento sen risco a ser encarcerados.

Carles Puigdemont cando era presidente da Generalitat © Rubén Moreno / Govern da Generalitat

O relatorio de Conde-Pumpido, agora convertido en sentenza, evitaba cualificar de "arbitrarias" as resolucións do tribunal do que formou parte ata 2017, a Sala Segunda (ou do Penal) do Tribunal Supremo. Os seus antigos compañeiros, cunha manobra contraria á finalidade da lei de amnistía e á intención do lexislador ao aprobala, denegaron en xullo de 2024 a súa aplicación aos dirixentes do procés condenados ou procesados por malversación. A sentenza aprobada hoxe, con todo, si recorre a adxectivos grosos –como "irracionais", "carecedores de sentido lóxico" ou "incongruentes"– para cualificar os argumentos expostos no seu día polo Alto Tribunal. 

A resolución que outorga o amparo refírese oo recurso de amparo de Dolors Bassa, pero os seus argumentos serán válidos desde que sexan previsiblemente acordados para o resto de procesados, entre eles, o expresidente da Generalitat Carles Puigdemont, que poderá volver a España. A decisión chega xusto cando o seu partido, Junts, deu a puntilla ao Goberno que a fixo posible.

O Supremo rexeitou aplicarlles a amnistía baseándose en dous argumentos. O primeiro supuxo retorcer o propio texto da lei, que impedía amnistiar os delitos que se tivese cometido cun propósito de enriquecemento. A Sala do Penal inventouse unha excepción en contra da finalidade da propia norma interpretando que na malversación á que foran condenados por dedicar fondos públicos ao proceso, enriquecéranse "en forma de aforro", é dicir, non utilizando diñeiro do seu propio peto. Tamén argumentou que esa malversación afectou os intereses financeiros da UE, xa que, de lograrse a secesión, a contribución española a Bruxelas reduciríase sensiblemente, algo que o Tribunal de Xustiza da UE xa rexeitou o pasado 16 de xullo.

Os líderes independentistas cataláns, no inicio do xuízo do Supremo o 12 de febreiro de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Segundo o criterio de Conde-Pumpido –apoiado pola vicepresidenta, Inmaculada Montalbán, María Luisa Balaguer, Ramón Sáez Valcárcel, María Luisa Segoviano, Juan Carlos Campo e Laura Díez Bueso– co argumento do presunto enriquecemento a Sala Segunda incorreu nunha "interpretación impredicible dos preceptos aplicables". "Ao apartarse da finalidade da lei de amnistía, non mantiveron o nexo de coherencia necesario entre a decisión adoptada, a norma que lle serve de fundamento e os fins que xustifican a institución da amnistía". A Sala atense a "un concepto de enriquecemento que non é o establecido" na lei, e faino para "expulsar do seu ámbito de aplicación supostos de malversación que están comprendidos no seu tenor literal e que son idóneos para realizar o seu fin último de pacificación do conflito social e institucional xerado polo proceso secesionista en Catalunya". "A interpretación da lei auspiciada pola Sala conduce a unha drástica contracción das posibilidades de aplicación da amnistía (...) manifestamente contraria ao espírito e finalidade da lei".

Respecto ao segundo argumento, o relativo á suposta afectación dos intereses financeiros da UE que xa descartou o Tribunal de Luxemburgo, a resolución aprecia unha "contradición flagrante e insoluble" que, ademais, "supón unha quebra na racionalidade inconciliable coa garantía" do dereito fundamental á tutela xudicial efectiva, de que "ninguén se vexa sometido a razoamentos que presenten de forma manifesta un carácter contraditorio, irrazonable e carecedor de sentido lóxico". 

Papeleta da consulta do 1-O de 2017 CC-BY-SA ANC

A maioría progresista ve esa contradición en que, mentres que na sentenza do procés o Alto Tribunal concluíu que os agora demandantes de amparo "eran conscientes da manifesta inviabilidade xurídica dun referendo de autodeterminación" e sabían que "non podería conducir a un espazo de soberanía", á hora de aplicar a amnistía, os seus membros entenderon o contrario: "Que houbo unha declaración institucional de independencia que puidese (...) conducir á separación de Catalunya se o daquela presidente da Generalitat non a tivese suspendido".

A sentenza lembra ademais que o Tribunal da UE estableceu o pasado xullo que "non pode apreciarse que os intereses financeiros da Unión se vexan afectados polo mero feito da diminución da Renda Nacional Básica", que segundo o Supremo xerase a secesión de Catalunya. Trátase de "unha interpretación auténtica da noción xurídica de afectación dos intereses financeiros da Unión Europea diametralmente oposta á auspiciada pola Sala do Penal do Tribunal Supremo que, por conseguinte, non pode ser considerada constitucionalmente aceptable", continúa o texto.

Os cinco membros da minoría conservadora subscribiron un voto particular discrepante. Nel, os maxistrados Ricardo Enríquez, Enrique Arnaldo, Concepción Espejel, César Tolosa e José María Macías sosteñen que o órgano de garantías extralimitouse ao impoñer ao Supremo unha interpretación concreta da lei ordinaria. "Parécenos absolutamente inxustificado que se prescriba ao Alto Tribunal como ten que axuizar a continuación do amparo, mostrando o que pode interpretarse como unha certa desconfianza cara ao que aquel puidese facer ulteriormente, unha vez emitida esta sentenza", sosteñen os maxistrados a proposta do PP, que consideran válida a pirueta argumentativa da Sala do Penal desmontada polo resto dos seus compañeiros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.