Alianza xornalística entre Praza.gal e infoLibre

Logotipos de Praza.gal e Infolibre CC-BY-NC-SA Praza.gal | Infolibre

Neste 2022, en Praza.gal estamos a celebrar o noso décimo aniversario. Dende o noso nacemento, apostamos pola colaboración, por tecer redes, por medrar apoiándonos en persoas, entidades e tamén noutros medios de comunicación cos que compartimos valores, estratexias ou visións da actualidade ou do xeito de traballar.

Un deses medios é infoLibre, un xornal nado hai nove anos co que compartimos un volume importante de audiencia e que, dende o seu nacemento, vén demostrando un xeito de facer moi semellante ao noso. Unha parte nada menor do seu equipo está, ademais, conformado por profesionais galegas e galegos.

O pasado xaneiro desenvolvemos unha primeira colaboración cos compañeiros de Infolibre cunha investigación sobre documentos internos clave para sacar á luz os movementos políticos por tras do accidente de Angrois. Ambos xornais quedamos moi satisfeitos dese traballo conxunto e, a partir del, decidimos formalizar a colaboración. 

A primeira investigación conxunta de Praza.gal e infoLibre sacou á luz documentos internos de Fomento sobre o accidente de Angrois CC-BY-NC-SA Praza.gal

O acordo, asinado recentemente en Santiago, contribuirá a fortalecer e complementar ambas cabeceiras sen que ningunha delas renuncie en nada a súa independencia nin estrutura. O obxectivo é colaborar dende unha maneira moi semellante de entendermos o xornalismo nun ecosistema ás veces hostil á liberdade de prensa, que fomenta máis a competición que as alianzas.

O obxectivo é colaborar dende unha maneira moi semellante de entendermos o xornalismo nun ecosistema ás veces hostil á liberdade de prensa, que fomenta máis a competición que as alianzas

De agora en diante, de cando en vez leredes en Praza.gal informacións e investigacións elaboradas conxuntamente ou con apoio da redacción de infoLibre -e viceversa-, que á súa vez tamén se apoiará en Praza.gal para algunhas das súas novas en clave galega. Trátase dunha colaboración estritamente xornalística, dende a absoluta independencia de ambas cabeceiras e tamén dende a convicción de que a suma de esforzos pode multiplicar o bo traballo.

"A redacción de Praza.gal e a Fundación Praza Pública, a nosa editora, vimos defendendo dende hai unha década a necesidade de termos máis arterias que fronteiras entre medios de comunicación que compartimos visións e maneiras de facer. O acordo con infoLibre responde a esa convicción e ao noso propósito de contarmos máis, mellor e sen cancelas", sinala o director de Praza, David Lombao. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.