Era 2012. A crise financeira internacional golpeaba con forza, Galicia transitaba pola segunda recesión económica nun trienio, a liña ascendente do paro semellaba non ter fin e cada semana coñeciamos novos recortes sociais que zoupaban no lombo dos de sempre.
Este era o panorama xeral da Galicia na que meses de ilusión e traballo -e, posiblemente, tamén un punto de ousadía e desexo- do grupo promotor da Fundación Praza Pública cristalizaron, aquel 1 de febreiro, no nacemento de Praza.com, que en 2014 viraría felizmente en Praza.gal. Un novo xornal en galego tras unha inédita vaga de peches. Un novo xornal dixital cando as incertezas no sector eran maiúsculas. Un novo xornal plural e de óptica progresista e galega en plena vaga conservadora en Galicia, no Estado, en Europa e boa parte do mundo.
E tamén, un novo xornal que puña parte da súa supervivencia e do seu futuro nas mans da súa audiencia, á que quixemos tratar de socias e socios. Ao mesmo tempo asomabámonos a un mercado mediático e publicitario galego inzado de obstáculos, uns máis comprensibles ca outros, e explicabamos canto nos ía custar manter unha redacción pequena, pero con condicións laborais dignas. Sobre o papel, as posibilidades de derrape na primeira curva non eran poucas.
De todo aquilo fanse agora dez anos. Polo camiño, todo un mundo. Polas páxinas de Praza.gal pasaron voces da política, dos movementos sociais e da creación artística, traxedias imprevistas, convulsións, cambios e continuidades gobernamentais e partidarias; ledicias culturais e deportivas e mesmo unha pandemia que seguimos procurando entender para podermos continuar explicándoa. Tamén cometemos erros -só faltaba- que tentamos corrixir e non repetir. E tamén tivemos a satisfacción de recollermos uns cantos premios, miramos de manter a maquinaria tecnolóxica ao día cun amplo redeseño e medramos co nacemento da revista VINTE, a nosa irmá máis creativa e moza.
Chegamos a este noso décimo aniversario e facémolo celebrando. Non celebrando a resistencia ou a supervivencia, senón a existencia e -sobre todo- o futuro
Todo, tentando estar o máis lonxe posible da última hora permanente que nos asola e mete o xornalismo nunha voráxine de emerxencia perpetua na que, a forza de virar todo en urxente e importantísimo, acaba diluíndo o importante nunha enxurradada de ruído tan estridente como intranscendente. Ás veces, sen dúbida, tamén nos achegamos a ese vieiro. Sempre que sucede, por suposto, tentamos corrixir o rumbo o antes posible.
Chegamos a este noso décimo aniversario e facémolo celebrando. Non celebrando a resistencia ou a supervivencia, senón a existencia e -sobre todo- o futuro. Celebramos que, grazas ao compromiso das socias e socios e mais ao apoio das empresas, institucións e entidades que confían no noso modelo xornalístico como anunciantes, consolidamos un novo posto na nosa redacción tras mantermos a estrutura base sen recortes durante a pandemia. Outro paso que nos permitirá contar máis e, tamén, seguir coidando as condicións laborais do xornalismo, porque diso, como dos cartos que custa, tamén hai que falar.
Celebramos tamén que ampliamos a nosa aposta multimedia cun novo podcast informativo, Fálase, que nace esta mesma semana. E que VINTE, que vén de festexar o seu terceiro aniversario, tamén vai medrar en contidos. Ou tamén que, dende este 1 de febreiro, tamén nos podedes atopar en Instagram.
Celebramos, ao cabo, que comeza o undécimo ano de Praza.gal. E, dende as grazas máis sinceras ás socias e socios, ás lectoras e lectores que nos acompañades dende o principio e a quen vos fostes incorporando durante o camiño, convidámosvos a seguir e tamén a que convidedes outras persoas a que se unan ao xornal da Galicia que vén.