🔴Última hora

  • Editorial
CC-BY-NC-SA Fundación Praza Pública

Cando, hai xa case oito anos, a Fundación Praza Pública botou a andar un novo xornal, partía da convicción da necesidade dun diario plural e en galego, que achegase contexto ao que sucede no país e no mundo alén das présas da última hora. Neste tempo o ecosistema mediático non fixo máis que avanzar cara ao imperio das présas, empurrado en boa medida por unhas redes sociais que, a moitos miles de quilómetros, impulsan a difusión da información, pero tamén a xerarquizan a partir de criterios que nada teñen que ver co xornalismo ou co interese cidadán.

 Se impera a última hora a extrema inmediatez e a retransmisión ao vivo permanente e sen contexto, o xornalismo cada vez será menos necesario.

A inmediatez sen contexto, a emerxencia permanente e a última hora sen reflexión condicionan o traballo xornalístico a nivel global e, si, tamén nós de cando en vez nos deixamos levar por tentarmos chegar primeiro a tal titular ou a cal declaración. Pero ese non é o camiño. Se imperan a última hora, a extrema inmediatez e a retransmisión ao vivo permanente e sen contexto, o xornalismo cada vez será menos necesario. Porque pouca diferenza haberá co labor que poida ofrecer un teléfono móbil ou unha cámara por si sós, producindo a granel para chegar primeiro nesa carreira cara á nada, a mesma que os xigantes publicitarios premian por riba de calquera outra cousa. Clics ao peso, con independencia do que haxa por tras.

É neste contexto no que, no noso caso, a comunidade de Praza.gal cobra aínda máis importancia. Dende hai case oito anos as socias e socios son base fundamental do noso traballo e peza clave no sostemento da nosa redacción. Canto menos dependamos da máquina publicitaria alimentada da última hora permanente e máis das achegas das socias e socios, máis posibilidades haberá de podermos ter máis persoas dedicadas a tempo completo a contar o que sucede sen présa, para contalo ben e sen cancelas. 

Canto menos dependamos da máquina publicitaria alimentada da última hora permanente e máis, das achegas das socias e socios, máis posibilidades haberá de podermos ter máis persoas dedicadas a tempo completo a contar o que sucede sen présa, para contalo ben e sen cancelas

Se te fas socia ou socio de Praza.gal será mais doado. Dende 5 euros ao mes ti ou a túa entidade ou empresa podedes ser de Praza . Se xa o es, podes aproveitar que están próximas as visitas do Apalpador ou dos Reis Magos e faceres socia á persoa que queiras: escríbenos a comunidade@praza.com co asunto "Agasallar Praza" e dirémosche como recibir un bono cun código co que a persoa elixida será socia de Praza.gal durante 6 meses por 30 euros. Se comezas 2020 sendo socia ou socio de Praza.gal recibirás os nosos adiantos informativos e, ademais, terás dende o primeiro número os dossieres informativos especiais Temas, que no novo ano nos servirán para profundar nos asuntos da actualidade que merezan unha atención máis demorada. 

Da vosa man contamos máis, mellor e sen cancelas. Grazas!

Faite de Praza, conecta con Praza

Posto da Fundación Praza Pública na Culturgal 2019 CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.