Ao fío do décimo aniversario de Praza.gal nace o primeiro podcast informativo producido polo xornal. Botando man do nome dunha das nosas seccións máis visitadas, Fálase nace coa vontade de explicar, contextualizar, darlle un novo percorrido ou resumir algunhas das informacións nas que está a traballar a redacción cada semana.
Conducido por David Lombao, director de Praza.gal, en cada episodio de Fálase imos tirar uns cantos temas de todo o contado nos días previos. Uns poucos fíos informativos que en ocasións quedarán nun resumo. Noutras, concretaranse nunha conversa co xornalista de Praza que levase o tema. Outras traerá consigo unha entrevista cunha persoa experta que nos achegue algo máis de contexto sobre o que xa contamos no xornal… E sempre, ou iso procuraremos, un momento dunha lixeira pausa fronte ao ruído. De contalo sen présa para contalo ben.
Ao fío do décimo aniversario de Praza, nace o primeiro podcast informativo producido polo xornal
Neste primeiro episodio do Fálase detémonos brevemente no aniversario de Praza.gal lembrando como foron aqueles días do inverno 2011-2012 nos que o equipo da Fundación Praza Pública impulsou definitivamente o proxecto. Axúdanos a facer memoria o actual presidente da Fundación, Carlos Amoedo.
En clave informativa, achegámonos a un dos asuntos que está a centrar a actualidade informativa nas últimas semanas, a vivenda, pero por dúas vías diferentes. Comezamos repasando o forte incremento dos prezos dos alugueiros nas cidades galegas, que se dispararon ata nun 25% en apenas cinco anos.
Por outra banda, detémonos no primeiro balance dun dos servizos en materia de vivenda postos en marcha pola Xunta no último ano, a liña de atención para persoas afectadas por ocupacións ilegais. Este servizo fora activado ante o que o Goberno galego presentara como un incremento desta problemática, pero o certo é que no seu primeiro ano de existencia recibiu apenas unha trintena de consultas.
En Fálase ímonos achegar tamén ao que se fala en VINTE, a revista de sociedade, cultura e tendencias irmá de Praza.gal e no primeiro capítulo repasámolo coa axuda da súa directora, María Yáñez. A enorme vaga expansiva en internet da participación das Tanxugueiras no Benidorm Fest, os ecos "da meirande" no inminente recompilatorio con versións de clásicos do pop galego revisitados por artistas actuais, que será editado por Deleite ou un repaso das últimas visitas que recibiu outro podcast da casa, Café Derby 21, centran este primeiro repaso.
Todos os episodios de Fálase chegarán en primeiro lugar ás socias e socios de Praza.gal e, ao día seguinte, estarán dispoñibles no xornal para o resto da audiencia. Poderás escoitalos tanto en Praza.gal como en Ivoox, en Google Podcast e mais en Podgalego.
- Música: Random Sequences - Fiftysounds.com