Aínda en precampaña, o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, abriuse a recortar o dereito ao aborto, cunha reflexión que evitou volver tocar nas seguintes semanas. Advertiu de que daría o debate sobre o "coñecemento" dos pais das menores de 16 anos que queiran interromper o embarazo ao considerar que "o correcto" é que unha rapaza desa idade "comparta con seus pais unha decisión vital transcendente e irreversible".
Feijóo puxo en dúbida que unha muller de 16 anos poida abortar sen consentimento dos pais; só o 3% dos casos en Galicia son de rapazas de 16 ou 17 anos e a inmensa maioría informan á familia
Feijóo facía referencia ao apartado da lei vixente que especifica que as mozas de 16 e 17 anos poden abortar de xeito totalmente libre sen necesidade do consentimento nin do permiso dos pais. É unha condición implementada para evitar a coacción ou conflito grave dentro de contornas familiares que poidan obrigar a continuar co embarazo en contra da vontade da muller, ademais de aliñarse coa maioría de idade sanitaria, que establece que aos 16 anos unha persoa xa ten capacidade legal para decidir sobre os seus tratamentos médicos.
Aludía o candidato do PP a unha posibilidade que abrangue arredor de unicamente o 3% do total de abortos en España e Galicia —os correspondentes a mulleres de 16 ou 17 anos—, segundo os datos do informe sobre a interrupción voluntaria do embarazo en 2025 publicado este martes polo Ministerio de Sanidade, que ofrece un detallado perfil sobre estas intervencións no Estado e por comunidades autónomas.
Malia debullar por idade, o estudo non especifica o número exacto de menores que abortan sen acompañamento nin coñecemento familiar (ao non ser obrigado acreditalo nin rexistralo desde que entrou en vigor a nova lei), pero os estudos máis actuais advertían de que pouco máis do 10% o fan sen consentimento dos proxenitores. Equivalería a arredor de 400 en España e 15 en Galicia; en ambos casos, menos do 0,4% do total de interrupcións voluntarias do embarazo (IVE).
Galicia, na pública
No conxunto de España, segundo o devandito estudo, notificáronse en 2025 107.824 IVE, un incremento do 1,6% respecto a 2024, mentres que en Galicia a cifra situouse nos 4.269, cun aumento de case o 17%. A cifra supón unha taxa de 10,35 por cada 1.000 mulleres galegas de entre 15 e 44 anos, por baixo dos 12,48 do conxunto de España.
O 80% das interrupcións voluntarias do embarazo en Galicia son con oito semanas ou menos de xestación
Galicia destaca por ser a segunda comunidade onde unha maior porcentaxe de abortos se levan a cabo en centros públicos, máis do 83% fronte ao 22% no conxunto do Estado ou ao 0,6% en Madrid.
Segundo datos ofrecidos pola Consellería de Sanidade hai poucas semanas, no primeiro semestre deste 2026 foron o 99% das IVE as que se realizaron no servizo de saúde público. Practicamente todos.
Ademais, segundo o informe ministerial, case o 44% das intervencións do pasado ano realizáronse nun centro hospitalario, mentres que o resto tivo lugar nun extrahospitalario, e o 73% das galegas que se someteron á IVE en 2025 foron informadas nun centro sanitario público.
En canto ás semanas de xestación, o 80% das interrupcións voluntarias do embarazo foron con oito semanas ou menos e máis do 16% entre as nove e as 14. Xa que logo, o 96% dentro do prazo por libre vontade da xestante ata esa semana 14.
O resto de casos abranguen patoloxías fetais ou risco para a saúde materna, co que se permite ata as 22 semanas, mentres que non houbo ningún máis aló, que nese caso sería por doenza incompatible coa vida ou extremadamente grave e incurable.
Ademais, os datos indican que practicamente o 80% dos abortos voluntarios en Galicia corresponden a mulleres de entre 20 e 39 anos e menos do 4% a menores de idade. Con todo, os abortos en mozas menores de 20 anos pasaron de 382 a 475, un incremento do 24%.
Menos do 4% dos abortos corresponden a menores de idade en Galicia; oito de cada dez son en mulleres de entre 20 e 39 anos
As interrupcións voluntarias do embarazo en menores de 20 anos representaron o pasado ano en Galicia o 11,4% do total, a porcentaxe máis elevada dende o ano 2010.
Segundo o mesmo informe, practicamente seis de cada dez casos correspondían a mulleres con estudos de Bacharelato ou superiores e máis de dous terzos non tiña fillos no momento de someterse á IVE. Só o 23% tivera un ou máis abortos voluntarios anteriormente.
O 95% dos abortos en Galicia foron a petición da muller e nun terzo de todos os casos estas aseguraron non utilizar métodos anticonceptivos, unha proporción case idéntica á do pasado ano. No caso das mulleres menores de 20 anos, a porcentaxe é de algo máis do 30%, case dous puntos máis que en 2024.
En canto a outros detalles, practicamente a metade dos abortos en Galicia abranguían mulleres que viven en cidades (localidades de máis de 50.000 habitantes) e máis do 80% ás residentes en vilas ou urbes. Só o 19% o facían en concellos de menos de 10.000 veciños.
Por último, de entre todas as mulleres que se someteron a unha IVE en Galicia, o 55% eran traballadoras por conta propia e o 15% estudantes. Ademais, o 80% teñen nacionalidade española e o 74% son nacidas no Estado.
En canto aos casos que abranguen só as menores de 20 anos, a inmensa maioría destas mulleres informáronse sobre o aborto voluntario nun centro sanitario público (o 77%) e máis do 80% sometéronse á interrupción voluntaria do embarazo con oito ou menos semanas de xestación. En só dez casos se superaron as dez semanas en Galicia.