O Goberno de España reforzou as "garantías para que todas as mulleres poidan exercer o seu dereito ao aborto na sanidade pública e de forma segura" no día previo ao 25N.
O Consello de Ministros aproba un decreto que regula a información previa ao consentimento na interrupción voluntaria do embarazo que reciben as mulleres
No último Consello de Ministros antes das eleccións, o executivo aprobou un novo regulamento para regular a información previa ao consentimento na interrupción voluntaria do embarazo que reciben as mulleres e garantir que esta sexa "veraz, clara, obxectiva, accesible e axeitada", con independencia do lugar de residencia. "De forma común e igualitaria en todo o territorio", aclarou a ministra de Igualdade, Ana Redondo.
Ademais, este decreto —que depende deste ministerio e mais do de Sanidade— servirá para regular tamén o comité clínico que intervén no suposto de aborto por causas médicas no proceso de aborto e dotalo de seguridade xurídica. Refírese aos casos na que interrupción voluntaria é por unha doenza grave e incurable do feto.
Deberá haber un comité clínico como mínimo por cada comunidade autónoma e ningún dos seus compoñentes poderá estar inscrito no rexistro de persoas obxectoras de conciencia nin telo estado nos tres anos anteriores á súa designación nese comité.
Ningún médico obxector de conciencia poderá formar parte dun comité clínico para os abortos por causas médicas
Respecto da información ás mulleres cando decidan abortar, deberá ser por escrito e tamén verbalmente se o pide, aclarando en que condicións pode facelo, os diferentes métodos sen preferencia por ningún, así como os riscos e consecuencias. Tamén, pero só se o pide de forma expresa, recibirá toda a información relativa ás axudas públicas vinculadas ao embarazo e a súa cobertura sanitaria, así como as destinadas á maternidade e paternidade.
Ademais, a información deberá estar adaptada para as mulleres menores de 16 anos para que sexa "axeitada á súa idade, grao de madurez e circunstancias persoais", así como para as mulleres estranxeiras que poderían estar "asistidas por unha persoa intérprete especializada no ámbito da sanidade".
Recurso á lei do "non nacido"
No paquete de medidas, o Goberno de España incluíu un recurso á lei do "non nacido" da Comunidad de Madrid entre as medidas para garantir o aborto. Esta lei autonómica permite que o embrión sexa un membro máis da familia a efectos administrativos e acceder a axudas nas que o criterio de renda de pende do número de integrantes, como as bolsas comedor ou para escolas infantís privadas.
En Galicia, a Xunta computa hai quince anos o "concibido non nacido" para axudas públicas, desde que o aprobou o goberno de Feijóo en 2011. Foi a través da lei de apoio á familia e á convivencia, que canda diversos aspectos da política social estableceu "asimilar a descendente o fillo ou filla concibido ou concibida" para obter a consideración de familia numerosa ou monoparental no acceso a axudas públicas. O PP leva unha medida semellante no programa electoral para o 29N.
No mesmo eido, o Ministerio de Sanidad publicou este martes a segunda edición do informe sobre a situación do aborto na sanidade pública, que analiza a evolución dos datos e as diferenzas territoriais no acceso a esta prestación.
En Galicia, máis do 83% dos abortos son nun centro público, fronte ao 22% no conxunto do Estado ou o 0,6% en Madrid
No conxunto de España, tan só o 22% dos abortos realizáronse en centros públicos no pasado ano 2025, fronte ao 14,3% de 2019. Galicia, co 83,2% de interrupcións voluntarias do embarazo en instalacións públicas, é a segunda comunidade cunha porcentaxe máis elevada, só por tras de Cantabria (87,8%) e por diante de La Rioja (81,9%) e Navarra (74,1%).
"Nas catro comunidades incrementouse de maneira significativa a participación da sanidade pública durante a última década, destaca o Ministerio, que sinala tamén que en Andalucía (0,37%) e a Comunidad de Madrid (0,57%) non se chega nin ao 1% de abortos no sistema público.
Por primeira vez, como destaca o Ministerio, en todas as comunidades e cidades autónomas se realizaron abortos en centros públicos.
Ademais, as comunidades con maior proporción de abortos realizados en centros públicos presentan tamén un uso máis elevado do método farmacolóxico. Así, en Cantabria representa o 85,1% das intervencións, en La Rioja o 80,4% e en Galicia o 77,9%.