A Xunta computa hai quince anos o "concibido non nacido" para axudas públicas

Feijóo, ante un panel da Red Madre nun acto como presidente da Xunta e fragmento da lei de familia de 2011, sobre unha imaxe dun acto recente do agora líder do PP estatal con Ayuso CC-BY-SA Praza.gal

A aprobación en Madrid dunha lei para "outorgar ao concibido non nacido a condición de membro da unidade familiar" para acceder a axudas públicas xera un amplo balbordo sinalando como novidade o que, en esencia, leva en vigor en Galicia dende que o aprobou o Goberno de Feijóo en 2011

O balbordo volveu ter, como adoito, o mesmo epicentro. A aprobación na Comunidade de Madrid dunha lei para "outorgar ao concibido non nacido a condición de membro da unidade familiar" para supostos como a "concesión de subvencións que utilizan como criterio a renda" ou expedir títulos de familias numerosas, na liña do que o PP madrileño prometera hai sete anos, desencadeou o debate sobre unha posible viraxe dos populares máis á dereita ou o seu seguimento de medidas en boga en territorios coma os EUA. Mesmo unha promesa de Alberto Núñez Feijóo de estender tal medida a todo o Estado se chega ao Goberno de España.

Unha parte relevante do balbordo obvia que a cerna destas medidas e promesas pode ter moitas implicacións, pero ningunha delas é unha completa novidade. Non en van, trátase dunha política que cumpre nestes días quince anos, os que xa transcorreron dende a aprobación polo PP galego no Parlamento da lei de apoio á familia e á convivencia, que canda diversos aspectos da política social estableceu "asimilar a descendente o fillo ou filla concibido ou concibida" para obter a consideración de familia numerosa ou monoparental no acceso a axudas públicas.

Feijóo, con quen era conselleira de Benestar no momento de aprobación da Lei de Apoio á Familia, Beatriz Mato, visitando unha escola infantil en Meira © Xoán Crespo

Para acollerse a esa lei cómpre obter o chamado "certificado de neno/a concibido non nado" a través da Consellería de Política Social. En 2019 o departamento que dirixe Fabiola García explicou, a preguntas de Praza.gal, que xa levaba expedidos "algo máis de 400 certificados" para que os "concibidos non nados" fosen "asimilados á categoría de descendentes". Este xornal trasladou á Consellería a mesma pregunta a respecto dos datos acumulados ata este 2026. No momento da publicación desta información aínda non obtivera resposta.

A norma de 2011 contempla tamén impulsar dende a Xunta campañas pola "protección do dereito á vida en formación"

Na actualidade, Política Social segue a destacar na súa información pública ao respecto que "Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en permitir á familia con fillos concibidos, pero aínda non nados, beneficiarse do que lles corresponderá tan pronto nazan". Este recoñecemento, non obstante, non é admisible en todos os ámbitos da propia Consellería, caso por exemplo da reserva de prazas en escolas infantís, tal e como vén de acreditar unha recente recomendación da Valedora do Pobo que este departamento do Executivo galego decidiu non admitir. As ordes de matrícula prohiben expresamente tramitar a solicitude de praza mentres a crianza non nace.

[Sen escola infantil por nacer a metade de ano: a Xunta rexeita a petición da Valedora de "evitar a discriminación"]

Orixes nunha organización antiabortista

Aquela lei de 2011 encabezaba o seu capítulo de "políticas públicas de apoio á maternidade" fixando como un dos seus "principios reitores" a "protección institucional do dereito á vida". E sinalaba como un dos seus ámbitos de actuación a "promoción" de "campañas de sensibilización" destinadas a, entre outros aspectos, "á protección do dereito á vida en formación". 

Referencias á consideración dos "non nados" como membros da unidade familiar en leis e plans da Xunta CC-BY-NC-SA Praza Pública

Estas liñas de actuación seguían un camiño político asumido polo PPdeG apenas dous anos antes, en 2009. Foi daquela cando, tras obteren a maioría absoluta que lles permitiu retornar á Xunta con Feijóo á fronte, aceleraron no Parlamento a aprobación da "lei pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada". Fora a tradución normativa dunha iniciativa lexislativa popular promovida dende a chamada Red Madre, unha organización impulsada dende o antiabortista Foro Español de la Familia que conseguiu así introducir na lexislación galega a protección do "dereito á vida en formación dende a concepción" e o cómputo de "membros adicionais" da familia para acceder a axudas "dende o momento da fecundación".

A normativa desenvolveu un camiño político iniciado polos populares en 2009 ao retornaren á Xunta coa aprobación da lei impulsada polo Foro Español de la Familia

Sobre estas bases os gobernos presididos por Feijóo aprobaron outras normas e plans. Foi o caso do Plan integral de apoio á muller embarazada 2012-2014. En desenvolvemento da lei da Red Madre, contemplaba a "valoración da vida en en formación (nasciturus) como un membro máis da unidade familiar aos efectos
das axudas previstas en materia social, familia e vivenda". 

Nunha liña practicamente idéntica, o VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2017-2020 anexou ás medidas para "potenciar os recursos de atención e apoio para garantir unha asistencia integral ás mulleres embarazadas" a "valoración da vida en formación (nasciturus) como un membro máis da unidade familiar a efectos de acceso a axudas e outros recursos públicos". 

Presentación da iniciativa lexislativa popular da Red Madre en 2007, no desaparecido Club Internacional de Prensa da Xunta en Santiago © Foro Español de la Familia - Memoria 2007

A seguinte edición do plan de igualdade, vixente dende 2022 e ata o vindeiro 2027, non inclúe esa mención. En calquera caso, o cómputo de fillas ou fillos "concibidos e non nacidos" como membros da unidade familiar segue figurando en ordes de axudas e outras medidas, caso por exemplo dos novos limiares de renda para o acceso a vivenda protexidas, aprobados polo Consello da Xunta o pasado maio, ou das subvencións para facer obras de "habitabilidade" en "infravivendas", convocadas a principios de ano.

O cómputo de "concibidos e non nacidos" segue presente en ordes de axudas e outras medidas da Xunta, que o evita en ámbitos como a reserva de prazas en escolas infantís. "Vén do anterior presidente e por suposto, mantivémolo", resalta Rueda

Aínda que con matices, este pasado luns o propio Feijóo referíase a estas medidas dos seus propios gobernos ao afirmar, durante unha entrevista en Antena 3, que se logra "responsabilidade de Goberno" no Estado, "farei unha lei nacional para que o concibido e non nacido teña repercusión dende o punto de vista económico e social na muller, na familia que o está esperando". "Fíxeno no ano 2011 en Galicia" e agora "a presidenta da Comunidade de Madrid reiterouno e ampliouno", especificou.

Preguntado ao respecto, o actual presidente da Xunta evidenciaba este luns que o que sinala como "vantaxes importantes" para "moitas mulleres, mesmo antes do nacemento" xa "existen en Galicia dende hai moitos anos". "Todas estas medidas veñen do anterior presidente da Xunta e nós, por suposto, mantivémolas", sinala Alfonso Rueda, quen matiza que se lle "escapa" se existen "condicionantes que a nivel estatal poden levar a facelo por lei", como suxire agora Feijóo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.