Sen escola infantil por nacer a metade de ano: a Xunta rexeita a petición da Valedora de "evitar a discriminación"

A conselleira de Política Social nunha visita a unha escola infantil pública CC-BY-SA Xunta

Os bebés aínda non nacidos cando se abre en primavera o prazo ordinario de matrícula teñen menos posibilidades de obter praza incluso en cursos sucesivos

Hai máis dunha década que a Xunta vén recoñecendo dereitos e prestacións a bebés aínda non nacidos. Pero non para obter praza nunha escola infantil. Para acceder ao centro que máis conveña a cada familia é mellor nacer antes de que se abra en primavera, entre marzo e abril, o prazo ordinario de solicitude, porque os que nacen despois quedan condicionados a que quede algunha praza libre aínda que as necesidades de conciliación sexan máis que as dos nacidos antes. A Valedora do Pobo vén pedindo á Xunta "evitar a discriminación derivada do mes de nacemento", que se mantén incluso en cursos sucesivos, e agora vén de deixar constancia de que a Consellería de Política Social "non acepta" a súa recomendación.

A normativa de adxudicación de prazas nas escolas infantís da Xunta establece que para cada curso que comeza en setembro as solicitudes deben realizarse nun período ordinario que se abre cada ano en primavera, entre marzo e abril. As peticións formuladas nese momento barémanse segundo distintos criterios como se traballan un ou dous proxenitores, a renda familiar ou se xa hai irmáns no centro. Pero non se pode pedir praza para un fillo aínda non nacido, e o que nace despois dese prazo debe formular unha petición extraordinaria condicionada a que aínda queden prazas.

Unha escola infantil autonómica © Xunta

A Valedora do Pobo vén recibindo diversas queixas sobre esta cuestión, e así o reflectiu no seu último informe anual, no que constatou que "a consecuencia práctica é que a data de nacemento é determinante na posibilidade de obter praza de novo acceso, pasando a un segundo plano as necesidades reais de conciliación dos proxenitores". Ademais, engadía, "penaliza aos nenos nacidos fóra do período ordinario de solicitude nas súas expectativas de acceso o seguinte curso, xa que nas aulas 1-2 [o segundo curso das escolas infantís tras o 0-1] dáse prioridade ás renovacións de matrícula dos nenos que xa están escolarizados e aos seus irmáns". 

Isto é, nacer en maio non só dificulta ter escola infantil cando comece o seguinte curso no mes de setembro senón que tamén condiciona para obter praza en cursos posteriores, porque terán preferencia os nenos que xa entraran nesa escola aínda que as necesidades de conciliación fosen menores. Ademais, como a idade mínima para comezar na escola infantil é de 3 meses, quen nacendo despois de primavera consegue praza de xeito extraordinario vese instado a ocupala canto antes para non perdela, o que leva a ter que levar o neno ao centro sendo moi pequeno aínda que os actuais permisos de paternidade duren máis meses.

A Xunta argumenta que reservar prazas para nenos non nacidos "prexudicaría a outras familias que xa cumpren os requisitos o que sería unha xestión inadecuada dun recurso público"

Tras recoller a preocupación das familias no seu último informe anual, agora a Valedora do Pobo vén de facer pública unha recomendación expresa que formulou á Consellería de Política Social tras recibir queixas de varias familias sobre esa cuestión. E deixa constancia de que a súa recomendación foi "non aceptada".

A resolución da Valedora detalla que tras recibir as queixas requiriu información á consellería, que explicou que "esta é unha cuestión singular desta etapa educativa non obrigatoria, que non se produce no resto do sistema educativo pero no que non hai marxe de previsión". Segundo a Xunta, "se se reservasen prazas para solicitudes de nenos non nacidos se estaría prexudicando a outras familias que xa cumpren os requisitos o que sería unha xestión inadecuada dun recurso público". 

Recomendación da Valedora do Pobo "non aceptada" pola Consellería de Política Social CC-BY-SA Praza Pública

Canto ao feito de que o mes de nacemento condicione tamén obter prazas en seguintes cursos, a resolución da Valedora recolle o argumento da Xunta de que "nas aulas 1-2, loxicamente dáse prioridade ás renovacións de matrícula" e que "o contrario suporía deixar fóra dunha escola infantil a unha familia que xa está escolarizada na mesma".

Esas explicacións da Xunta non acabaron de convencer á Valedora, que considera que "esta garantía de permanencia" dos nenos que xa están nun centro para anos posteriores aínda que queden fóra outros con máis necesidades "é específica da educación nos niveis obrigatorios pero debería revisarse a súa conveniencia na normativa das escolas infantís 0-3".

A Valedora recolle que "a xustificación de non admitir as solicitudes de persoas xestantes para os bebés non nacidos no período ordinario radica en optimizar o recurso e conceder as prazas ás persoas solicitantes que cumpren os requisitos". "Sen embargo", engade, "resulta preciso que a Administración adopte as medidas necesarias para evitar esta diferenza de trato nos casos de novo acceso nos que a data de nacemento do bebé determina unha exclusión" dos recursos de conciliación.

"As posibilidades son varias e deben ser analizadas no contexto do funcionamento das escolas partindo da base de que o feito de nacer nun determinado período do ano non pode supoñer vantaxes ou desvantaxes para acceder o segundo ano á escola infantil no nivel 1-2", conclúe a resolución da Valedora.

O problema da data de nacemento para acceder a unha praza nunha escola infantil pública prodúcese nun contexto de escaseza destas mentres a Xunta aposta pola subvención de prazas privadas

A recomendación final emitida tras todas as queixas recibidas foi que Política Social "adopte todas as medidas necesarias para evitar a discriminación dos nenos no acceso ás escolas infantís 0-3 derivada do mes do seu nacemento eliminando calquera circunstancia allea aos aspectos que son tidos en conta na baremación para acceder a este recurso público" e "que se estude eliminar a garantía de permanencia nesta etapa volvendo a baremar na etapa 1-2 todas as solicitudes para garantir o acceso preferente dos nenos nas familias en que ambos proxenitores traballen". Tras esa resolución, agora a Valedora deixa constancia de que a Xunta "non acepta" a súa recomendación.

Unha reformulación como a que pide a Valedora implicaría mudanzas complexas no sistema público de escolas infantís cando a política da Xunta para ese eido é a de potenciar os centros concertados, coa gratuidade dos privados vía subvención. Unha política de aposta polas prazas privadas subvencionadas que se ratificou coa renuncia da Xunta a 22 millóns de euros do Estado para crear novas prazas públicas.

Recomendación si aceptada para familias con discapacidade

A Xunta si aceptou, e xa aplica, outra recomendación da Valedora para puntuar igual a familias cun proxenitor con discapacidade que a familias cos dous proxenitores con traballo

Fronte a esta recomendación non aceptada, a Xunta si aceptou, e xa aplica, outra recomendación da Valedora referente á baremación de familias con incapacidade dun dos proxenitores. Como as escolas infantís están pensadas para a conciliación, a Xunta puntúa máis ás familias nas que os dous proxenitores traballan. Pero non tiña en conta que un dos proxenitores tivese unha discapacidade e polo tanto non puidese coidar do menor. Nese caso o que contaba era que un dos dous, o discapacitado, non traballaba, aínda que non puidese coidar do neno, e a puntuación recibida era menor. 

A Valedora recomendou á Xunta que "se outorgue a mesma puntuación que aos proxenitores que estean traballando a aquelas situacións de incapacidade permanente absoluta e gran invalidez, en todos os casos". Esa recomendación si foi aceptada pola Xunta e xa foi aplicada na convocatoria de prazas deste ano. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.