- Resolución para a matrícula nas escolas da Axencia Galega de Servizos Sociais
- Resolución para a matrícula nas escolas 'Galiña Azul', do Consorcio de Igualdade e Benestar
O prazo de matrícula nas escolas infantís de 0 a 3 anos da Xunta abriu este sábado con cambios nos baremos que premian os pais traballadores
A terceira non foi a vencida. O vindeiro curso (2024-2025) será xa o terceiro de gratuidade xeral nas escolas infantís galegas e, un ano máis, o acceso ás privadas subvencionadas continúa sendo por orde de chegada, sen criterios económicos ou sociais para a asignación das prazas malia ser un servizo pagado con fondos públicos. A asociación das escolas privadas asegura que xa están ultimando, xunto á Dirección Xeral de Familia, o texto das ordes de gratuidade para o seguinte curso, que, esta vez si, incluirá criterios de admisión.
Este sábado, 16 de marzo, comeza o prazo para matricular os nenos e nenas de 0 a 3 anos nas escolas infantís públicas autonómicas de Galicia. A matrícula pode facerse pola sede electrónica ou ben nos rexistros oficiais ata o 5 de abril. As prazas adxudícase seguindo uns baremos, que este ano a Xunta axustou para facilitar a conciliación subindo a puntuación para os fillos e fillas de pais que traballen.
Trátase dun procedemento sinxelo que se aplica nas escolas infantís da Xunta mais non nas privadas subvencionadas ao 100% desde hai tres anos. Neste caso as prazas, que son gratuítas, adxudícanse por orde de chegada e, un ano máis, houbo centros onde se rexistraron colas e madrugóns para entregar a solicitude e asegurar un lugar para deixar os cativos.
As prazas en escolas privadas, que son gratuítas, adxudícanse por orde de chegada
“As nosas prazas en realidade asimílase ás públicas”, explica Fernando Rolland, presidente da Asociación Galega de Escolas Infantís (Agadei) que aglutina 120 escolas privadas do país (das 175 que existen). Malia esta asimilación, a opacidade na adxudicación xera certo malestar e ata “suspicacias” nas familias que quedan fóra do centro escollido, indica.
Co obxectivo de evitar esa opacidade, a Agadei vén reclamando desde hai tempo á Dirección Xeral de Familia que introduza uns criterios para a adxudicación das prazas que, ao fin e ao cabo, están 100% subvencionadas pola Xunta (agás o servizo de comedor).
Agadei defende establecer un período ordenado de entrega de documentación e introducir criterios de admisión
Os representantes dos centros privados entenden que un primeiro axuste imprescindible e inaprazable é introducir datas comúns de matrícula. A partir de aí, defenden establecer un período ordenado de entrega de documentación e introducir criterios de admisión. “Queremos evitar as colas bochornosas que volvemos ver nalgunha escola de Vigo”, indica o presidente de Agadei.
Segundo explica Rolland, no próximo curso que comeza en setembro xa non deu tempo a introducir cambios, precisamente porque houbo centros que en xaneiro xa abriron o prazo de matrícula e outros non o fixeron ata marzo, pouco antes das públicas.
A nova orde de gratuidade incluirá uns baremos para o acceso as prazas como que os pais traballen ou a proximidade ao centro
A falta de coñecer o texto definitivo, que aínda se está a redactar, informan de que incluirá, por vez primeira uns criterios de puntuación para o caso de que existan máis solicitudes ca prazas. “Puntuarase que os pais traballen, a proximidade ao centro desde o domicilio ou o traballo e que xa tiveran ou teñan irmáns na escola”, explica o presidente de Agadei.
Rolland relata que desde a Dirección Xeral de Familia queren establecer tamén que prime a xornada completa sobre a media xornada –como xa se fai para as prazas públicas- mais niso de momento non hai acordo.
Novidades na convocatoria da Xunta
Este ano, dcara ao curso que comeza en setembro, a Xunta introduce unha novidade na convocatoria xa que axusta os baremos para que teñan máis puntos –e posibilidades de praza- os cativos cuxos proxenitores traballen. Segundo explican desde Política Social, se neste curso cada un deles recibía 7 puntos, no próximo curso recibirán 8, co que o total pasará de 14 a 16. O resto de baremación manterase como estaba, de forma que seguirán tendo prioridade as familias numerosas, as monoparentais e as en risco de exclusión social.
A Xunta destaca que a gratuidade nas escolas de 0 a 3 anos beneficia a máis de 31.000 familias galegas e que destinará este ano 60 millóns de euros a financiar esta medida que se aplica en todos os centros da Comunidade, tanto os públicos, como os privados e os de iniciativa social. O obxectivo, argumenta, é que Galicia continúe tendo unha das taxas de escolariedade en 0-3 máis elevadas de España, “obxectivo que se acadou no último curso rematado (2022-23) ao rexistrar Galicia a taxa de escolariedade máis alta de España neste ciclo, superando en máis de 10 puntos a media española”, explican nunha resposta a PRAZA.
Conflito nas Galiñas Azuis
En Galicia as escolas infantís públicas poden ser as propias da Xunta (25 centros que dependen da Axencia Galega de Servizos Sociais da Consellería de Política Social), ou as Galiñas Azuis, un total de 140 centros rexidos polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, ente participado tamén polos concellos. Estas últimas atópanse en plena negociación para mellorar a organización do seu traballo e evitar “unha catástrofe a nivel educativo”, segundo alertaba unha mestra hai catro semanas.
O conflito deriva da forma en que se aplicou a redución horaria –desde o 1 de febreiro pasaron de 37,5 horas semanais a 35- froito dun acordo entre a representación sindical e a Consellería de Política Social. As traballadoras alertan de que desde entón xa non teñen tempo previsto no seu horario laboral para facer titorías cos pais, reunirse coas compañeiras ou organizar os contidos das aulas.
As traballadoras das Galiñas Azuis están negociando co Consorcio a mellora das condicións laborais logo da redución horaria pactada
Logo da concentración feita en Santiago o 14 de febreiro, as representantes das traballadoras están negociando co Consorcio a mellora das condicións laborais e pendendes dunha reunión nos próximos días. “Trouxeron unha proposta a semana pasada pero non se aceptou porque non se tiña en conta o acordo das 35 horas”, explica Rebeca Quintillán, delegada da CIG na Consellería de Política Social e mestra.
Pola súa banda, desde as escolas infantís da Axencia Galega de Servizos Sociais denuncian a “precariedade histórica” que sofren no seu día a día. A falta de persoal , que se complica cando xorde algunha baixa ou permiso porque a cobertura é moi deficiente e poden estar días en condicións penosas para a atención da cativada, é unha das principais eivas que sinalan as traballadoras e que reclaman mellorar con urxencia.