- Aberto o prazo de inscrición nas escolas públicas do Consorcio e da Axencia de Servizos Sociais
A gratuidade na matrícula fixo que moitas familias se decidisen a inscribir os seus nenos e nenas nos xardíns de infancia e que outras aumentasen o número de horas contratadas ou engadisen o servizo de comedor
Sabido é que en Galicia cada vez nacen menos nenos e nenas. En 2022 houbo 14.556 nacementos, moi lonxo dos máis de 20 mil anuais que se rexistraran entre 2004 e 2012. Por iso chama máis a atención que moitas escolas infantís de distintas zonas do país teñan xa cubertas todas as súas prazas para o vindeiro curso, mesmo con lista de espera, e que en moitos lugares, especialmente nas zonas urbanas, moitas familias teñan dificultades para atopar unha gardaría preto das súas casas.
O importante aumento da demanda de prazas rexistrado para este curso e, sobre todo, nas matriculacións para o curso 2023-24 débese en boa medida á gratuidade da matrícula para os nenos e nenas de 0 e 3 anos, que a Xunta comezou a aplicar neste curso en todos os centros, sexan públicos ou privados. Foi unha medida pioneira no Estado, pois tan só A Rioxa ofrece tamén esta gratuidade, aínda que en Galicia abrangue oito horas de atención e na autonomía rioxana tan só cinco.
Moitos centros de primeiro ciclo de Infantil cubriron moi rapidamente todas as súas prazas para o vindeiro curso, algúns nunhas poucas horas, dando lugar mesmo a listas de espera
A súa aplicación fixo que moitas familias se decidisen a matricular os seus nenos e nenas nos xardíns de infancia e que outras aumentasen o número de horas contratadas ou engadisen o servizo de comedor. A consecuencia foi que moitos destes centros cubriron moi rapidamente todas as súas prazas para o vindeiro curso, algúns nunhas poucas horas, dando lugar mesmo a listas de espera.
Para moitas destas escolas a situación deu un xiro de 180 graos con respecto aos cursos anteriores, que especialmente nos anos 2020 e 2021 estiveron marcados pola pandemia de COVID, que limitou o número de inscricións de bebés nas gardarías, poñendo en risco nalgúns casos a viabilidade dalgún destes xardíns de infancia.
O incremento no número de inscricións revelou o insuficiente número de escolas infantís existentes en moitos lugares, provocando dificultades para atopar un centro preto do fogar
A parte negativa deste rápido aumento da demanda de prazas o están a sufrir moitas familias, especialmente nas zonas urbanas ou en comarcas moi poboadas coma o Barbanza. O incremento no número de inscricións revelou o insuficiente número de escolas infantís existentes en moitos lugares, provocando dificultades para atopar un centro preto do fogar.
María, unha nai da Coruña, comenta a este respecto para Praza.gal que despois de preguntar "en media ducia de escolas infantís, todas coas prazas cubertas" tivo que matricular á súa filla, de poucos meses, nunha gardaría relativamente lonxe da súa casa. Unha situación que, sobre todo, a sorprendeu notablemente, pois co seu anterior fillo, agora xa no segundo ciclo de Infantil, nunca tivera problemas para matriculalo no seu barrio. "De feito, na escola infantil que está ao lado da casa sempre había prazas de sobra, nunca se cubrían totalmente", di.
Menos solicitudes que prazas para o segundo ciclo de Infantil
A saturación dos centros de primeiro ciclo de infantil (de 0 e 3 anos) en moitos lugares de Galicia contrasta coa situación contraria que se está a dar nos segundo ciclo (de 3 a 6), no que neste ano o número de matrículas para o vindeiro curso 2023-24 está a diminuír de forma importante
A saturación dos centros de primeiro ciclo de infantil (de 0 e 3 anos) en moitos lugares de Galicia contrasta coa situación contraria que se está a dar nos segundo ciclo (de 3 a 6), no que neste ano o número de matrículas para o vindeiro curso 2023-24 está a diminuír de forma importante. En cidades como A Coruña ata agora moitas familias que querían incribir os seus fillos e fillas en centros fóra da súa área de influencia tiñan que confiar nas listas de espera para poder facelo, ao haber máis demanda que prazas dispoñibles. Isto está a cambiar este curso na cidade herculina, pois a maior parte dos centros recibiron un número de solicitudes inferior ao número de prazas existentes para iniciar o segundo ciclo de Infantil.
A explicación atopámola nos propios datos do padrón de habitantes, que amosan claramente como dende o pasado ano o número de nenos e nenas entre 3 e 4 anos (que inician o segundo ciclo de Infantil) diminuíu de forma importante. Isto foi consecuencia, principalmente da notable redución no número de nacementos, que se acelerou a partir do ano 2018. En 2017 naceran en Galicia 18.445 nenos e nenas, unha cifra que no 2018 se reduciu a 16.560, crianzas que na actualidade teñen entre 4 e 5 anos.
O 90% das escolas infantís de Galicia, con matrícula gratuíta
A gratuidade na matrícula chega ao 90% das escolas infantís de Galicia, tando as de iniciativa pública (as xestionadas directamente pola Xunta ou polos concellos), as de iniciativa social ou de iniciativa con ánimo de lucro
A Consellaría de Política Social e Xuventude informa de que a gratuidade na matrícula chega ao 90% das escolas infantís de Galicia, tando as de iniciativa pública (as xestionadas directamente pola Xunta ou polos concellos), as de iniciativa social ou de iniciativa con ánimo de lucro. Para poder ofrecer esta matrícula gratuíta, estes centros deben estar inscritos no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) da Consellaría e deben presentar a documentación que acredita que os nenos e nenas que asisten a ela seguen o calendario de vacinación infantil do Programa galego de vacinación.
Segundo os datos deste Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, en Galicia funcionan unhas 560 escolas infantís (sumando nesta cifra os Puntos de Atención á Infancia). 323 son públicos, 178 son privados con ánimo de lucro e 59 son de iniciativa social (privados sen ánimo de lucro). 228 sitúanse na provincia da Coruña, 184 na provincia de Pontevedra, 77 en Lugo e 71 en Ourense.