As escolas infantís da Coruña, gratuítas e co galego como lingua vehicular desde o vindeiro curso

Escola infantil municipal da Coruña © Concello da Coruña

As escolas infantís da Coruña serán de balde desde o vindeiro curso e terán o galego como lingua vehicular, rachando así co modelo lingüístico da Xunta que o goberno local do PP implantara tamén na rede municipal destes centros en 2014. 

O Concello destina case 480.000 euros ao financiamento do 100% das prazas para 830 pequenos de familias empadroadas na cidade

Así se confirma no novo proxecto de regulamento de organización e funcionamento das escolas infantís aprobado este mércores na Xunta de Goberno Local extraordinaria e urxente. A nova normativa substituirá á vixente desde hai máis de cinco anos en canto sexa aprobada en comisión e pleno logo do acordo ao que chegaron os grupos municipais do PSOE e da Marea Atlántica. 

O Concello da Coruña destina case 480.000 euros ao financiamento do 100% das prazas para 830 pequenos de familias empadroadas na cidade, que non terán que pagar nada polas seis horas diarias de atención educativa. Os servizos de comedor e merenda cobraranse integramente a todas as persoas usuarias e con idéntico importe en todos os centros, mentres que as non residentes no municipio e que renovasen praza deberán abonar o 100% do custo da praza escolar. 

Unha actividade da escola infantil municipal de Monte Alto, na Coruña © Concello da Coruña

Xa que logo, a educación de 0 a 3 anos será de balde nas nove escolas infantís que forman parte da rede municipal (Monte Alto, Carricanta, Os Cativos, Os Rosales, Agra do Orzán, Arela, A Caracola, Carmen Cervigón e Luís Seoane).

Os criterios de admisión nas escolas infantís terán en conta a renda e a conciliación laboral e familiar

Para o acceso ás escolas serán criterios relevantes a renda e a conciliación laboral e familiar, valorándose para o ingreso ordinario a "situación socioeconómica, sociofamiliar e sociolaboral" das familias, cunhas bases de admisión que serán detalladas na súa futura aprobación plenaria e que foron a principal discrepancia na negociación entre PSOE e a Marea Atlántica. 

Finalmente, segundo fontes desta negociación, as dúas formacións chegaron a un punto medio entre a posición socialista, que primaba a conciliación, e a da Marea, que priorizaba a inclusión. En todo caso, terán admisión preferente os fillos do persoal que traballa na escola, os que teñan un irmán escolarizado ou aqueles que sexan valorados como de "emerxencia social". 

A gratuidade nas escolas infantís municipais da Coruña únese á medida aplicada pola Xunta, que instaurou tamén a gratuidade para o segundo fillo e sucesivos, unha medida que será implantada, tanto nos centros públicos autonómicos como nos concertados ou nos privados e de iniciativa social que decidan acollerse. Desde o Executivo galego pediuse ao Goberno central financiamento para estender esta gratuidade a todos os pequenos. 

Na Coruña, o novo regulamento, ademais de priorizar o fomento da igualdade, da sustentabilidade ambiental ou da alimentación saudable como obxectivos da educación nestas escolas, unha das principais novidades é o establecemento do galego como "lingua vehicular ordinaria" nestes centros, adoptando "as medidas necesarias para que o alumnado adquira o coñecemento das linguas oficiais de Galicia consonte as capacidades do alumnado deste ciclo". 

Os centros terán o galego como lingua vehicular, rachando co modelo lingüístico da Xunta que o PP exportara ás escolas infantís da Coruña en 2014

O modelo lingüístico racha así co imposto polo goberno local popular de Carlos Negreira en 2014, cando no anterior regulamento abrazou a política lingüística da Xunta --baseada no seu polémico decreto do plurilingüismo-- ao establecer que o persoal da escola utilizaría na aula "a lingua materna predominante entre os seus menores, considerando a lingua dominante na contorna". 

Como naquel caso, o novo regulamento aposta polo inglés, "garantindo un achegamento" a esta lingua a través "dunha exposición directa ao idioma que se concretará no proxecto lingüístico" do centro. 

Celebración, de xeito telemático, da xunta de goberno local © Concello da Coruña

O documento pactado inclúe tamén a creación dun Consello de Participación, mediante o que as familias poderán implicarse máis nos centros. Ademais, fomenta a programación de actividades para promover a igualdade e e evitar os comportamentos e as actividades discriminatorias por razón de sexo. Tamén se advirte do "especial coidado" que as escolas porán en revisar os materiais e ilustracións e o uso da linguaxe para "adoptar expresións e formas non discriminatorias". 

A rede municipal prestará tamén "unha especial atención ao fomento da interculturalidade como instrumento de superación das desigualdades, inxustizas, prexuízos, xenofobia e racismo" e "terán en conta a diversidade de familias, de crenzas e de circunstancias persoais que existen na sociedade, para o que se procurará realizar actividades inclusivas e que potencien o recoñecemento da diversidade e incidan no carácter positivo da diferenza". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.