O galego, cada vez menos unha lingua de berce e máis unha lingua de elección

Alumnado dun colexio de Ames © Concello de Ames

Este martes 21 de febreiro celébrase o Día Internacional da Lingua Materna, en recoñecemento do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952, cando varios estudantes morreron a mans da policía paquistaní durante as protestas en defensa do idioma bengalí. A lingua materna (tamén chamada lingua de instalación, lingua natural, lingua de berce ou lingua nativa) é o primeiro idioma que aprende unha persoa.

A lingua materna máis habitual en Galicia segue a ser o galego. O 42,19% da poboación (segundo os datos do IGE do ano 2018) aprenderon a falar en galego, fronte a un 31,72% que o fixo en castelán e outro 23,68% que o fixo nos dous idiomas por igual. 

Con todo, hai grandes diferenzas por idade: entre as persoas de 65 anos e máis, máis do 65% aprederon a falar en galego e entre os 50 e 64 anos o galego segue a ser predominante (46,88% fronte a 30,74%). Porén, por debaixo dos 50 anos hai máis persoas que teñen o castelán como lingua materna, con porcentaxes moi igualadas entre os 30 e os 49 anos e cunha gran diferenza en favor do castelán nas xeracións máis novas. Entre os 5 e 14 anos, o 49,5% aprendeu a falar en castelán e só o 18,89% en galego. Unha quebra na transmisión xeracional do galego que certifica a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua.

Iso si, entre o ano 2013 e 2018 semella que a tendencia descendente do galego amorteceu e a porcentaxe de nenos e nenas que aprederon a falar en galego mesmo se incrementou nunhas décimas (de 18,35% a 18,89%). Está por ver se esta tendencia de estabilización, que tamén se rexistrou nos últimos datos de uso no ensino, se mantén nos vindeiros anos. Iso si, nas últimas cifras seguiu medrando a porcentaxe de nenos e nenas que aprenderon a falar unicamente en castelán (de 45,49% a 49,5%), mentres que baixou a proporción que aprendeu a falar "nas dúas linguas".

 

A transmisión de nais e pais ás súas fillas e fillos

Os datos fornecidos polo IGE amosan como nas últimas décadas a transmisión familiar (antes a vía primordial) cedeu unha parte da súa importancia en favor da escola, que gaña relevancia na aprendizaxe do galego e na fixación de usos lingüístico, e tamén en favor doutros espazos e procesos. Con todo, a lingua na que nais e pais falan ás súas fillas e fillos segue a ser clave na transmisión do galego. 

Os datos coñecidos hai uns meses, correspondentes a 2018, amosaron por primeira vez en varias décadas un aumento na porcentaxe de familias que lles falan aos seus nenos e nenas só en galego, pasando do 18,52% ao 22,87%. Iso si, a porcentaxe segue a ser moi inferior á das familias que lles falan aos seus fillos e fillas só en castelán (o 39,83%). Sumadas ás familias que lles falan máis en castelán que en galego, a porcentaxe rolda o 60%.

Nas sete cidades a proporción de residentes cuxa lingua materna é o galego cae por debaixo do 20%. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes a porcentaxe é de máis do 66%

No que atinxe á lingua materna ou á lingua na que as persoas aprenderon a falar hai enormes diferenzas entre unhas e outras zonas de Galicia. Nos concellos de menos de 10.000 habitantes a porcentaxe de persoas que aprendeu a falar en galego supera o 66%, unha porcentaxe que se move entre o 41% e o 44% nas vilas entre 10.000 e 50.000 habitantes. Nas sete grandes cidades a situación é moi distinta, baixando a proporción de residentes cuxa lingua materna é o galego por debaixo do 20%, fronte a un 51% que aprendeu a falar en castelán.

Se analizamos os datos por comarcas, vemos que na Costa da Morte ou o Barbanza a máis do 90% dos seus habitantes as súas nais e pais lles falaban en galego cando eran nenos/as. Pola contra, na comarca de Vigo a porcentaxe rolda o 35% e nas áreas da Coruña, Pontevedra ou Ferrolterra, as cifras se moven entre o 45% e o 50%.

A situación nas sete cidades, como indicabamos antes, é especialmente negativa para a transmisión familiar da lingua galega. As cidades de Lugo e Compostela, cun 38,72% e un 34,75%, son as que presentan unha porcentaxe maior de persoas que afirman que aprenderon a falar en galego. Ourense (21,68%) e Pontevedra (21,12%) están nun segundo nivel, nunha listaxe que pechan A Coruña (17,11%), Vigo (13,79%) e Ferrol (13,41%). 

Lugo é a única cidade na que o galego é a lingua materna máis habitual (38,72% de galego fronte a 32,77% de castelán)

Lugo é a única cidade na que o galego é a lingua materna máis habitual (38,72% de galego fronte a 32,77% de castelán), mentres que en Compostela as cifras están igualadas. No resto, o castelán é claramente predominante.

Os últimos datos do IGE, ademais, a pesar de que no conxunto do país amosaban un lixeiro incremento das persoas que aprenderon a falar en galego (do 40,86% ao 42,19%), nas sete cidades presentaban tendencias máis negativas. Entre 2013 e 2018 si aumentou en Ferrol e Pontevedra a porcentaxe de persoas que teñen o galego como lingua inicial, pero nas outras cinco urbes as cifras caeron, e fixérono de forma moi importante en Lugo e Ourense.

Ata hai unhas décadas o feito de que unha persoa falase en galego ou non dependía en boa medida de que fora criada nesta lingua. Porén, na actualidade semella que o futuro do idioma pasa polas súas actitudes ante a lingua propia de Galicia, do prestixio desta e da súa decisión de falar en galego, de que escollan e se decidan a facelo. Como escribiu hai uns anos O Leo no seu poemario Hai Cu (Xerais), "os neofalantes liberarán Matrix". Ou como dicía Pilar Ponte, impulsora do proxecto 21 días co galego: "O paso entre non ser galegofalante e selo é unha cuestión de actitude, non de coñecemento".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.