A Enquisa Estrutural de Fogares sobre o coñecemento e uso do galego publicada polo IGE inclúe unha gran cantidade de datos sobre o uso que se fai do galego nos centros de ensino, tanto nas aulas como nas relacións entre os distintos integrantes da comunidade educativa.
Un cambio na metodoloxía empregada impide a comparación dalgúns indicadores cos datos que se rexistraran hai cinco anos
A Enquisa do ano 2013, a primeira publicada dende a chegada de Alberto Núñez Feijóo ao goberno e a aprobación do Decreto de Plurilingüismo, xerara unha fundada preocupación, ao descender de forma abrupta os indicadores de uso do galego. Por exemplo, a porcentaxe de mozos e mozas que dicían recibir as súas clases na lingua do país pasaran do 61% ao 46%. E o mesmo sucedía á hora de preguntar pola lingua empregada polo alumnado para relacionarse con mestres, mestras e cos propios compañeiros.
Os últimos datos coñecidos, correspondentes ao ano 2018, son moi semellantes, pero a realidade é que frean a caída que se producira entre o ano 2003 e o 2013. Iso si, un cambio na metodoloxía empregada impide a comparación dalgúns indicadores cos datos que se rexistraran hai cinco anos.
Á hora de preguntar pola lingua na que os e as estudantes reciben as clases, responden aos exames ou escriben nas aulas anteriormente as opcións reducíanse a "só en castelán", "maioritariamente en castelán", "só en galego" e "maioritariamente en galego". Porén, na enquisa de 2018 introduciuse unha opción intermedia ("igual en galego ca castelán"), que divide as respostas que antes optaban por unha das dúas linguas.
No ano 2013 un 54% dicía recibir as clases maioritariamente en castelán e un 46% en galego. Agora estas porcentaxes pasaron a ser do 28% e do 13%
Así, agora seis de cada dez alumnos e alumnas di recibir as clases nos dous idiomas por igual. E o mesmo sucede á hora de preguntar pola lingua na que responden aos exames ou escriben nas clases, non porcentaxes semellantes. No ano 2013 un 54% dicía recibir as clases maioritariamente en castelán e un 46% en galego. Agora estas porcentaxes pasaron a ser do 28% e do 13%.
De igual xeito, no 2013 un 58% dicía responder os exames en castelán e un 42% en galego; agora as porcentaxes pasaron a ser do 30% e 13%. Á vista destes datos semella, en todo caso, que o galego continuou a perder peso nas aulas.
O 23% dos rapaces e rapazas falan cos seus mestres e mestras exclusivamente en castelán (tres puntos máis) e outro 45% faino de forma maioritaria
Os restantes indicadores, que si poden ser comparados aos de anos anteriores, non rexistran grandes cambios e amosan un estancamento, o que significa un freo ao proceso de desgaleguización da escola, pero que non implica recuperación ningunha.
O castelán segue a ser a lingua dominante na relación que o alumnado establece co profesorado e tamén cos seus propios compañeiros e compañeiras. Así, o 23% dos rapaces e rapazas falan cos seus mestres e mestras exclusivamente en castelán (tres puntos máis) e outro 45% faino de forma maioritaria. Apenas o 32% emprega o galego para falar con eles e elas, tres puntos menos que hai cinco anos.
O 34% di falar só en castelán cos seus compañeiros e outro 38% faino de forma maioritaria
Aínda máis elevada é a proporción de mozos e mozas que usa o castelán para relacionarse cos seus propios compañeiros e compañeiras, o que amplifica a capacidade da escola como modulador de usos lingüísticos máis aló das aulas e dos propios contidos lectivos. O 34% di falar só en castelán (case catro puntos máis) e outro 38% faino de forma maioritaria (tres puntos menos). Mentres, o 10% di falar só en galego (un punto máis) e outro 17% faino maioritariamente (un punto menos).
Iso si, os datos do IGE amosan grandes diferenzas entre os usos lingüísticos que se producen nos centros de ensino en función da lingua falada habitualmente polos e polas estudantes. Deste xeito, entre o alumnado galegofalante (aquel que fala só ou maioritariamente en galego), o 85% fala en galego cos seus compañeiros e compañeiras, fronte ao 80% de hai 5 anos. O dato actual é moi semellante ao que se daba hai unha década, no 2010. Entre os galegofalantes hai un 15% de mozos e mozas que mudan a súa lingua á hora de relacionarse cos demais alumnos.
Pola contra, o alumnado castelanfalante, máis dun 95% mantén esta lingua para falar cos seus compañeiros e compañeiras, tres puntos máis que hai cinco anos. Non chega ao 5% a porcentaxe de mozos e mozas que muda ao galego no patio da escola