No ano 2013 botou a andar a iniciativa 21 días co galego., grazas ao impulso da profesora Pilar Ponte. A proposta era tan sinxela como ambiciosa: que durante tres semanas os alumnos e alumnas do IES da Pobra do Caramiñal empregasen a lingua galega todo o tempo, dentro e fóra da aulas. Un ano despois a iniciativa estendeuse a todo o centro e aos comercios da vila. Tratábase de que os rapaces e rapazas (sobre todo aqueles e aquelas con menos hábito de facelo) se lanzasen a falar, convencéndose de que podían facelo. A iniciativa foi un éxito inmediato e repetiu nos cursos seguintes.
"O paso entre non ser galegofalante e selo é unha cuestión de actitude, non de coñecemento"
Tanto gustou que neste ano 2019 o proxecto se estende por catro centros máis de toda Galicia, da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e coordinado pola propia Pilar Ponte. Ademais do IES da Pobra do Caramiñal, este ano tamén participan o IES Pontepedriña de Santiago, o IES Daviña Rei de Monforte de Lemos, o IES Otero Pedrayo de Ourense e o IES Antón Alonso Ríos, de Tomiño, cuxo alumnado tamén falará en galego nestes 21 días, as 24 horas do día.
"Iso implica as casas, os patios, as redes sociais. Do que se trata é de sacar o galego das aulas, de levalo aos patios e á vida cotiá. Saír dese ritualismo que moitas veces existe", explica Pilar Ponte, que comenta que "en moitos casos, o que teñen os rapaces é unha falta de práctica, motivado porque no seu contexto familiar tampouco se fala galego". "O paso entre non ser galegofalante e selo é unha cuestión de actitude, non de coñecemento", resume.
"Se ti pos entusiasmo e acompañas a lingua de temas que lles interesan aos e ás adolescentes, eles e elas responden"
A iniciativa acompáñase de distintas actividades, proxectadas en cada centro, que buscan que os rapaces e rapazas "descubran que hai conexión entre os seus intereses e a lingua", di Pilar Ponte. "Aproveitamos esta actividade para facer visibles aspectos da cultura galega que para eles son totalmente alleos. Non falo da cultura tradicional, senón da actual: música, persoeiros..., xerando un entorno atractivo para a lingua. É importante introducir temas que lles interesen e non soen 'a vello'. Porque se fas algo que os aburre, o resultado é contraproducente e só consegues un rexeitamento", explica. "A lingua ten que ir acompañada de entusiasmo. Se ti pos entusiasmo e acompañas a lingua de temas que lles interesan aos e ás adolescentes, eles e elas responden", conclúe.
"Esta xeración non ten xa eses prexuízos que si existían noutras épocas, de que se é un idioma de paletos e demais. Agora pesan máis cuestión de hábito, de utilidade"
E como reaccionan os rapaces e rapazas á experiencia de falar 21 días seguidos en galego? "Hai casos de todo tipo, porque agora comeza a haber moitos fogares nos que non hai relación ningunha co galego, tamén hai máis poboación inmigrante, que antes non había", comenta a mestra. Destaca, así mesmo, que "hai casas nas que son os adultos os que teñen prexuízos contra o galego, pero non os rapaces, aínda que non o falen". "Esta xeración non ten xa eses prexuízos que si existían noutras épocas, de que se é un idioma de paletos e demais. Agora pesan máis cuestión de hábito, de utilidade...", engade.
Un blog irá dando conta das actividades desenvolvidas en cada centro, que tamén se compartirán en Facebook, Twitter e, sobre todo, en Instagram. O proxecto pecharase de forma lúdica, cun encontro na Cidade da Cultura, o derradeiro venres de maio, ao que asistirán 50 alumnos e alumnas de cada centro. Con todo, Ponte lembra que este ano a iniciativa chámase '21 días co galego e máis' pois "o obxectivo non é ficar nos 21 días, senón que os 21 días sexan un convite e unha plataforma para abrirlle as portas da túa vida ao galego".