No ano 2012, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal puxo en marcha o proxecto 21 días co galego, unha iniciativa que busca conseguir unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que buscan "levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moito do noso alumnado e profesorado".
O proxecto '21 días co galego' foi posto en marcha no IES da Pobra do Caramiñal hai xa seis anos
Sen ser nada extraordinario para persoas galegofalantes ou co galego como lingua habitual, si o é para que non está afeito a usar a lingua propia de Galicia acotío. Así, durante tres semanas os alumnos e alumnos dos catro cursos de ESO e os dous de Bacharelato falan o idioma en todo e para todo. En todas as aulas, na casa e mesmo nos comercios, en colaboración cos comercios da vila e máis dos supermercados. Ao tempo, gravan cada día un vídeo ou audio sobre a lingua.
Pilar Ponte, docente impulsora da iniciativa, explicoulles aos 75 alumnos procedente de catro continentes en que consiste o proxecto
A exitosa iniciativa foi impulsada pola profesora Pilar Ponte e destaca, como lembra a Real Academia Galega (RAG), por "actuar a prol do idioma nun tramo de idade vital para o seu futuro e no que o proceso de substitución lingüística polo castelán se acelerou notablemente nos últimos anos". Neste martes, a docente explicou o proxecto ao alumnado de galego procedente de países de Europa, América, África e Asia.
Os 75 estudantes que participan en Compostela nos cursos de Lingua e Cultura galegas para persoas de fóra de Galicia (Galego sen fronteiras) puideron así atender ao relatorio de Ponte Patiño, desenvolvido no marco do programa de palestras da 31ª edición destes cursos organizados pola RAG e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago.
A docente explicou tamén como creou 21 días co galego co obxectivo de que o alumnado da Pobra do Caramiñal acadase "unha maior competencia na lingua do país e unha mellor conciencia lingüística a través de actividades variadas, sempre concibidas para levar o idioma sobre todo a aqueles eidos onde nunca estivera na vida dunha parte importante dos e das adolescentes". Desde 2014 o proxecto implica xa todo o alumnado de ESO e Bacharelato. Ademais, en 2015 recibiu o Premio á Innovación Educativa en normalización lingüística. Nese mesmo ano, Praza.gal colaborou co proxecto a través dun vídeo remitido polo seu director, David Lombao.
Precisamente, a comunidade educativa do IES da Pobra do Caramiñal protagonizou o pasado 8 de maio o primeiro encontro da RAG coa xente nova, da man do Colexio Fogar de Santa Margarida da Coruña, que adaptou o proxecto a unha contorna fortemente castelanizado baixo a coordinación do profesor Carlos Medrano.