21 días co galego... e todo o ano

Praza foi este mércores a 'web do día' no proxecto de '21 días co galego' Dominio Público http://21diascogalego.blogspot.com.es/

Dende hai tres anos o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal pon en marcha o proxecto 21 Días co galego, unha iniciativa que busca conseguir unha maior competencia en galego e unha mellor conciencia lingüística a través de diferentes actividades que pretenden "levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moito do noso alumnado e profesorado". Este luns 23 de febreiro iniciouse a terceira edición do proxecto, centrado neste ano na presenza do galego na rede, e que se desenvolverá ata o vindeiro 15 de marzo.

O obxectivo é "levar a lingua alí onde nunca estivo na vida de moito do noso alumnado e profesorado"

Trátase de que durante tres semanas os alumnos e alumnas dos catro cursos de ESO e os dous de Bacharelato falen en galego. Por suposto nas clases de Lingua e Literatura galegas, pero tamén no resto das aulas, grazas á colaboración dos restantes departamentos, grazas á colaboración de 30 profesoras e profesores dos departamentos de Educación Física, Economía, Música, Inglés, Filosofía, Física e Química, Relixión, Orientación, Matemáticas, Lingua Castelá e Literatura, Ciencias Sociais, Sanitaria, Linguas Clásicas, Tecnoloxía, Ciencias Naturais e Francés. Na iniciativa tamén participan nais e pais de alumnos, unha serie de establecementos comerciais e o propio concello da Pobra do Caramiñal. O obxectivo: estender a experiencia de falar en galego durante 21 días, tamén fóra do centro de ensino.

Ademais, tamén colaboran na iniciativa persoas completamente alleas ao centro e á mesma Pobra, persoeiros do mundo da cultura, da literatura, da música ou do audiovisual, que tamén gravan un pequeno vídeo falando de diversos temas, uns vídeos que son vistos polos alumnos na clase e que cada día se van subindo á rede. Este ano Praza Pública participa a través dun vídeo remitido polo seu director, David Lombao, que destaca que "a lingua galega é a miña ferramenta de traballo; todos os días enfróntome á actualidade, a contar o que pasa en Galicia e no mundo e fágoo en galego". Lombao tamén subliña que "Praza parte da convicción de que o mundo se pode contar en galego sen ningún tipo de límite" e lembra a utilidade do galego para o acceso á lusofonía, para o acceso á cultura producida por moitos países ou para o acceso ao mercado de traballo. "Sería unha mágoa desprezar a ferramenta que temos máis preto", conclúe.

Este ano Praza participa a través dun vídeo remitido por David Lombao, que destaca que "a lingua galega é a miña ferramenta de traballo; todos os días enfróntome á actualidade, a contar o que pasa en Galicia e no mundo e fágoo en galego"

Praza é, ademais, a web do día (nos dous primeiros foron Disquecool e GZMúsica e nas vindeiras xornadas serán outras) e dende o Equipo de Dinamización propóñense unha serie de actividades para que as alumnas e alumnos participen e debatan. Neste caso, pídeselles que busquen "tres noticias recentes relacionadas co galego" e logo valoren "se son positivas ou negativas para o desenvolvemento da nosa lingua".

Pilar Ponte destacaba o positiva que fora a experiencia, pois mesmo o alumnado máis remiso "rachaba" a falar galego

O pasado ano Pilar Ponte, docente no centro e unha das promotoras da iniciativa, destacaba en entrevista con Praza o positiva que fora a experiencia, pois mesmo o alumnado máis remiso "rachaba" a falar galego. Sinalaba o proxecto como "moi necesario", pola "desgaleguización total que temos no ensino medio, polo menos na Pobra" e subliñaba que o éxito nacía do interese que espertaba nos alumnos e alumnas: "É unha actividade na que é imprescindible provocar o entusiasmo da descuberta, que os alumnos sintan que se lles ofrece unha aventura". "É fundamental moverse no terreo deles. Educativamente falando, creo que non se pode partir de que eles veñan a nós, somos nós os que temos que mover ficha e apropiarnos dos seus ámbitos de uso para educar. Hai que ir ao Tuenti e ao Twitter, hai que estar aí porque aí é onde se fala", concluía

Praza foi este mércores a 'web do día' no proxecto de '21 días co galego' Dominio Público http://21diascogalego.blogspot.com.es/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.