PSdeG e Marea Atlántica pactan activar a gratuidade das escolas infantís da Coruña para aplicala no vindeiro curso

José Manuel Lage Tuñas (PSdeG) e María García (Marea Atlántica), na sinatura dos acordos da primeira comisión de seguimento do pacto entre ambas forzas © Concello da Coruña

O pasado xullo A Coruña viviu un escenario político pouco habitual. A forza que viña de lograr a alcaldía, o PSdeG, pechaba un pacto coa que a viña de perder, a Marea Atlántica, composto por varias liñas políticas para o primeiro ano e medio do mandato. En virtude dese acordo os votos da Marea, que foran esenciais para a investidura da alcaldesa Inés Rey, xuntaríanse aos dos socialistas para diversos plans sociais e urbanísticos, varios deles coincidentes cos acordados polo PSdeG co BNG, no seu caso para todo o mandato.

Na primeira xuntanza de seguimento do pacto político para o inicio do mandato ambas forzas comprometéronse a iniciar xa a modificación do regulamento das escolas para que poidan ser de balde no curso 2020-21

Transcorridos os primeiros cen días do novo período municipal ambas forzas xuntáronse este martes para constituíren a "comisión de seguimento dos acordos" que contemplaba o devandito primeiro pacto. José Manuel Lage, voceiro do Grupo Socialista e do goberno; e María García, voceira da Marea, rubricaron na xuntanza un novo documento cunha ducia de prioridades entre as que destaca a activación da reforma para que  a rede de escolas infantís municipais, composta na actualidade por nove centros, sexa gratuíta para a veciñanza no vindeiro curso, o 2020-21.

Nomeadamente, ambas forzas comprométense a que "no mes de outubro se impulsará a modificación do regulamento das escolas infantís municipais" para concluíla "antes de febreiro de 2020". Esta reforma, xa apuntada no primeiro acordo, "suporá a gratuidade do ensino de 0 a 3 anos a partir do curso escolar 2020/2021", indica o documento, que contempla que "os orzamentos sucesivos conten coa partida económica necesaria" para sufragar a medida.

Unha actividade da escola infantil municipal de Monte Alto, na Coruña © Concello da Coruña

Tamén en materia social o acordo contempla que, igualmente no mes de outubro, se constitúa "un grupo de traballo bilateral para a concreción das bonificacións no billete do autobús urbano para menores de 25 anos e maiores de 65 sen custo engadido para o Concello". O prazo para a entrada en vigor destes descontos sería "o primeiro semestre de 2020".

No ámbito urbanístico e territorial PSdeG e Marea comprométense a activar no mesmo mes de outono o proceso de constitución da Área Metropolitana da Coruña. Así, o pleno do 3 de outubro dará luz verde ao inicio deste proceso, que implicará a comunicación do mesmo á Xunta e a fixación dun horizonte temporal para a aprobación do texto do "anteproxecto de lei, previsto para o primeiro semestre de 2020", no que se basearía a nova área.

Socialistas e Marea acordan tamén a posta en marcha do proceso para constituír a Área Metropolitana e a empresa municipal de enerxía 

Igualmente, na liña do pactado en xullo PSdeG e Marea prevén que "entre outubro e novembro" o consello de administración da empresa municipal de augas "defina as liñas básicas do proxecto de constitución dun operador enerxético 100% municipal", ao xeito do creado en Barcelona no pasado mandato. Ao tempo, o mesmo horizonte do outono é o fixado para poñer en marcha a comisión sobre os terreos portuarios.

Tanto José Manuel Lage como María García congratuláronse, nunha comparecencia conxunta ante os medios, congratuláronse da continuidade do diálogo entre as forzas da esquerda municipal e da súa concreción en medidas "progresistas". Neste sentido, ambas forzas admiten continuar abertas a unha eventual entrada da Marea no goberno municipal cara á segunda metade do mandato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.