O escenario urbano galego mudou moi notablemente tras as eleccións municipais do pasado 26M tanto pola rapidez nas negociacións nas cidades onde se formaron gobernos de coalición entre PSdeG e BNG -Lugo e Pontevedra-, polo bipartito do PP con Democracia Ourensana e tamén polas fórmulas de entendemento nas urbes con maioría de esquerdas pero sen goberno compartido. Neste último caso é no que se atopa Ferrol e tamén A Coruña, onde PSdeG e Marea Atlántica veñen de pechar un "principio de acordo programático para os anos 2019 e 2020".
O pacto de PSdeG e Marea Atlántica para 2019 e 2020 contempla a creación dunha "comisión especial" que "revise" os convenios de 2004 sobre o futuro dos terreos portuarios e a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos
Unha vez desbotada a posibilidade da entrada da Marea no goberno de Inés Rey, os equipos negociadores de ambas forzas continuaron as conversas sobre aspectos concretos do mandato partindo da base de que "o 26 de maio a cidadanía da Coruña votou claramente" por "un goberno progresista". Por iso, din, acordan "sumar esforzos para construír unha maioría suficiente de carácter progresista" nun acordo que a Rede da Marea -órgano de decisión ordinaria da formación municipalista coruñesa- tivo este xoves sobre a mesa para a súa votación con 13 puntos entre os que destacan as medidas sociais e urbanísticas. O voto deste órgano foi favorable.
O documento referendado na mesa negociadora aborda o que todas as forzas da corporación asumen como gran tarefa do mandato, o redeseño do bordo litoral e o futuro dos terreos portuarios. Neste ámbito o pacto asume a "aprobación definitiva" nun máximo de tres meses da modificación puntual que "blinda a natureza pública dos terreos da Solana" e tamén a "creación dunha comisión especial" que "traballe na revisión dos convenios de 2004", os que daban por bo o uso privado de boa parte dos terreos do actual porto.
No eido social a primeira medida acordada é a "gratuidade" da escolas municipais de 0 a 3 anos "antes de que remate 2019". Para facelo, ambas forzas asumen a reforma do regulamento que rexe estas escolas para que a medida poida entrar en vigor no vindeiro curso. "tamén se dotará coa partida económica necesaria o cambio de modelo para facer viable a gratuidade" e para isto, "incluirase nos orzamentos do ano 2020", especifican.
Os orzamentos, precisamente, son outra das bases do acordo. PSdeG e Marea din concordar en que a cidade precisa orzamentos "este mesmo ano" e por iso abren dúas liñas de negociación: a da aprobación das contas de 2019 ou de "modificacións de crédito necesarias" e a do inicio das conversas para 2020 "no mes de setembro" a través "dunha comisión bilateral". Entre as prioridades orzamentarias que fixa o pacto figuran obras como o polideportivo do Castrillón, a glorieta de San Diego, reurbanizacións na Cidade Vella ou o campo de fútbol de Eirís, así como medidas como a Renda Social Municipal ou os orzamentos participativos.
O "principio de acordo programático" entre o goberno de Inés Rey e a Marea inclúe manter medidas como a Renda Social, aprobar definitivamente a ordenanza de igualdade e crear unha bolsa municipal de vivendas de aluguer
A demolición do viaduto da Ronda de Nelle, reformas de varios mercados, a "aprobación definitiva no ano 2019 da ordenanza de igualdade" ou a "aprobación e posta en marcha dun programa de bolsa de vivenda en réxime de aluguer" para que estea en vigor en 2020 son outros dos puntos dun pacto que contempla tamén "iniciar" este ano os trámites para que a través de EMALCSA, a empresa municipal de augas, o Concello da Coruña poida "poñer en marcha un operador enerxético 100% público". Como no acordo pechado entre PSdeG e BNG na cidade, este primeiro pacto dos socialistas coa Marea Atlántica será avaliado nunha comisión de seguimento con membros de ambas forzas.
Alén do pacto para iniciar o mandato, Marea Atlántica e PSdeG si discrepan nos novos salarios da corporación. A proposta de organización defendida polo goberno local contempla un salario anual bruto duns 69.000 euros para a alcaldesa -uns 30.000 máis que o anterior rexedor, Xulio Ferreiro, e na contorna dos 7.000 menos con relación ao que percibía o popular Carlos Negreira- e 59.582 para os edís con dedicación completa. Marea Atlántica avanzou a través da súa voceira, María García, que a formación gobernante no anterior mandato defenderá o tope do "salario base de 35.000 euros anuais" con actualizacións segundo a inflación.