Todas as candidaturas da Coruña asumen o futuro da fachada marítima como gran tarefa do próximo goberno

Vista aérea do porto da Coruña © Porto da Coruña

O futuro do porto e da fachada marítima marca un dos máis importantes debates da campaña municipal na Coruña. O traslado das empresas que operan nos peiraos interiores cara á Lagosteira abrirán a cidade ao mar pola parte da península oposta ao paseo marítimo e outorgará milleiros de metros cadrados de usos aínda por determinar. Os polémicos convenios asinados en 2004 entre a Xunta, os Concellos de Arteixo e da Coruña e Fomento xa non son a referencia

Naqueles documentos, coa sinatura de Francisco Vázquez e do daquela conselleiro de Política Territorial, Alberto Núñez Feijóo, e o apoio entusiasta do goberno de Aznar, trazábase o plan para baleirar de petroleiros, mercantes e descargas perigosas os peiraos urbanos da Coruña, atravesada no seu subsolo por un oleoduto que une o porto coa refinería. Ao abeiro do Plan Galicia e das consecuencias da marea negra do Prestige, deseñouse unha operación urbanística que financiaría o traslado á terminal exterior de punta Lagosteira, a 15 quilómetros do centro. 

O convenio de 2004, agora rexeitado e asinado por Feijóo e Francisco Vázquez, prevía sufragar o porto exterior coa privatización dos terreos portuarios para unha gran operación inmobiliaria

A mudanza e construción do porto exterior sería sufragada maioritariamente coa venda do solo dos peiraos á iniciativa privada para construír pisos e centros comerciais. A burbulla inmobiliaria estoupou, a crise chegou e aqueles plans caeron. A Autoridade Portuaria da Coruña quedou cunha débeda que supera os 300 millóns, pero nin tan sequera o PP ve viable nin asumible tapiar a que será nova fachada marítima da Coruña con máis edificios e nunha cidade cunha alta densidade de poboación e necesitada de espazos verdes e de uso e lecer público.

Peirao de Calvo Sotelo, no Porto da Coruña CC-BY-SA Praza Pública

A cuestión é agora que facer cos case medio millón de metros cadrados que quedarían liberados pero tamén como pagar os centos de millóns de euros que se deben por unha obra envolta en polémicas que o Tribunal de Cuentas axuizará por irregularidades e sobrecustos do 27%. O goberno da Marea Atlántica gábase de ter posto no debate o asunto e de que a “recuperación” do porto sexa un desexo compartido pola gran maioría da cidade, mesmo por todos os partidos, aínda que en diferentes medidas. 

O futuro da fachada marítima é o gran reto do futuro goberno local; ningún dos candidatos reivindica xa os acordos de 2004

O futuro da fachada marítima é o gran reto que o novo goberno local terá que afrontar e sábeno todos os candidatos. Ningún reivindica os acordos de 2004 xa. O alcalde e candidato da Marea, Xulio Ferreiro, abriu precisamente a campaña ante a entrada principal do porto e instou á “forza dunha nova vitoria” para “por fin abrir todas as portas que fan falta”. “Entre elas, estas que temos detrás, as portas do noso porto”, dixo. 

De feito, a forza municipalista reclama a “apertura inmediata á cidade” dos peiraos de Calvo Sotelo e Batería, os máis achegados ao centro, para “dedicalos á cultura, o lecer, a práctica deportiva e a conciliación familiar e laboral, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez”. “Poderíase facer xa mesmo”, advirte. 

O BNG aposta neste espazo por que, ademais, o edificio da lonxa torne en estación intermodal para transporte de buses, ferroviario e náutico; o PP avoga tamén por unha aposta pola mobilidade e zonas verdes, mentres que o PSOE engade ao transporte na ría a posibilidade dunha dársena para ferris que contacten coas Illas Británicas.

E o resto do espazo que quedará liberado, case 400.000 metros cadrados? Aí está o principal debate. Porque Xunta e Fomento, cando aínda o PP tiña o poder no Goberno central e de costas ao Concello, abriron a porta á privatización do 80% dos terreos portuarios: propiedade pública dos de Batería e Calvo Sotelo, ademais da Solana, (uns 90.000 metros cadrados) e privatización do espazo de San Diego (máis de 375.000). 

Xunta e Goberno de Rajoy abriron a porta á privatización do 80% dos terreos portuarios nun convenio de costas ao Concello

A Marea Atlántica aposta pola revisión dos convenios de 2004 e do PXOM para impulsar a recuperación do resto dos terreos portuarios apostando por espazos públicos, infraestrutura verde e mobilidade sustentable. Solo público 100% e a opción de vivendas unicamente “en situacións puntuais de integración coa trama urbana”. Para logralo, insiste na “condonación ou alivio equivalente da débeda, titularidade pública do solo e iniciativa pública na súa transformación, mediante a constitución dun consorcio ou sociedade participada por todas as administracións”, ademais de manter os “usos produtivos limpos e innovadores ligados, en particular, á economía azul”. 

Peirao de San Diego, dende o mar CC-BY-SA Praza Pública

PP, PSOE e BNG están de acordo tamén, con matices, na creación dese consorcio. No Bloque apóstase polo proxecto Distrito do Mar para San Diego, coa instalación de espazos hospitalarios e de investigación ou unha lonxa de mariscadoras. Tamén solo 100% público e sen vivendas, agás casos excepcionais, sempre protexidas ou aquelas que formen parte do complexo sanitario. 

Marea, PP, PSOE e BNG apostan por un consorcio para definir o futuro. A candidatura municipalista e o Bloque queren solo público 100% en San Diego; populares e socialistas, "usos mixtos"

Pola contra, tanto PP como PSOE apostan por “usos mixtos”. Os socialistas consideran que o espazo é dabondo como para que poida haber espazos verdes e deportivos, industria ou actividades portuarias, ademais de vivenda, privada e pública. “Parece que cando un di que se van facer vivendas hai detrás especuladores, cobiza ou que todos os promotores son delincuentes e vaise dar un pelotazo urbanístico ou facer un skyline... Pois non. Trátase de urbanizar e construír vivenda pública a prezo asequible e iso non é especular”, dixo a súa candidata, Inés Rey, durante a campaña.

O PP cre que tamén hai sitio para zonas de ocio e restauración, vivendas ou edificios singulares, ademais de actividade pesqueira e industrial. 

O PP aposta agora pola condonación da débeda, como en Valencia; o PSOE local, tras a chegada de Sánchez ao poder, rexeita reclamar a quita

Pero queda por pagar a débeda da Autoridade Portuaria e, malia o pacto entre Xunta e Fomento e a compra por parte da Administración galega dunha parte dos terreos, o futuro dos peiraos segue vinculado aos convenios de 2004. Nin se mudaron os usos autorizados nin se impide que se permitan as concesións privadas. 

Agora, Marea Atlántica, PP e BNG defenden que o Goberno central condone esa débeda ao igual que fixo coa que mantiña do Porto de Valencia. Pero o PSOE local prefire non enfrontarse a Madrid. As reviravoltas de populares e socialistas respecto da xestión e financiamento foron constantes.

Os representantes de Puertos del Estado, Xunta, Ministerio de Fomento e Autoridade Portuaria, amosan o protocolo que asinaron © Xunta

O PSOE, por exemplo, votou a favor da condonación da débeda no Parlamento galego e na Deputación da Coruña, pero en contra no Congreso e no pleno municipal. Neste último, en setembro pasado, reclamouse que se condonase a débeda e se garantise a titularidade pública dos terreos tras aprobarse unha moción do goberno local, cos votos a favor da Marea e do PP

Os socialistas votaron en contra ao rexeitar incluír a quita no texto, un documento que foi tamén unha constatación da viraxe escenificada polo PP tras perder o Goberno central. Así, insta o Executivo central á devandita compensación económica e revisión dos convenios de 2004 xunto coa constitución do "ente público" de xestión conxunta. Isto é, todo o que os conservadores rexeitaban só uns meses meses. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.