O Tribunal de Cuentas, máximo órgano fiscalizador das contas públicas no Estado, vai axuizar as presuntas "irregularidades" reflectidas no seu amplo informe que, a mediados de 2017, pintou un cadro marcado polo descontrol contable, as previsións erradas e sobrecustos de ata un 27% nas obras do porto exterior da Coruña. Unha vez completados todos os seus trámites, entre eles o visto e prace do Congreso dos Deputados, o Tribunal ditou o pasado 23 de abril un edicto no que confirma que ten en marcha un "procedemento de reintegro por alcance por presuntas irregularidades contables en materia de contratación postas de manifesto" nese informe, que pon o foco nos exercicios dos anos 2012, 2013 e 2014.
O órgano fiscalizador confirma que ten en marcha un "procedemento de reintegro por alcance por presuntas irregularidades contables" en contratos do porto exterior reflectidos nas súas contas de 2012, 2013 e 2014
O Boletín Oficial do Estado, o pasado 27 de abril, e o Boletín Oficial da Provincia da Coruña, este 13 de maio, publicaron xa un aviso do que este martes informa La Opinión e que ten como finalidade que a Autoridade Portuaria da Coruña, órgano dependente do Goberno de España pero cuxa presidencia é elixida pola Xunta, poida comparecer formalmente no proceso. Unha vez feito, terá que poñer sobre a mesa os argumentos que teña para opoñerse á "responsabilidade contable" que aprecia o Tribunal e que pode desembocar nunha condena a devolver fondos públicos que Cuentas considera que non foron xestionados de maneira adecuada.
Como informou Praza.gal, os desequilibrios contables do porto exterior, proxecto nado en plena vaga de promesas posteriores ao naufraxio do Prestige, teñen a súa orixe nas previsións en que se sustentou. As autoridades da época chegaran á "conclusión" de que "o porto da Coruña tiña capacidade suficiente para xerar os fondos necesarios para a construción das novas instalacións" mediante a venda dos terreos do porto interior e outras operacións coas que podían chegar a sumar, estimaban, ata 430 millóns de euros ás que poderían engadirse fondos europeos.
O informe do Tribunal de Cuentas constata que "non se cumpriron" as previsións que a Autoridade Portuaria manexaba para as obras de punta Langosteira e que o "incumprimento da política comunitaria en materia de contratación" rebaixou a achega da UE ao proxecto
Pero as previsións "non se cumpriron", lembraba o informe. As obras, licitadas polo Goberno de José María Aznar dúas semanas antes das eleccións xerais de 2004, "non conformaban unha dársena completamente operativa" malia acumular un "sobrecusto" de 99,3 millóns de euros, un 27% sobre os 370 millóns nos que se adxudicara a unha unión temporal de empresas participada por construtoras como Dragados ou Copasa.
Facían falta máis cartos e aínda por riba ían chegar menos fondos europeos dos agardados. A razón, sempre segundo o Tribunal de Cuentas, foi o "incumprimento da política comunitaria en materia de contratación". Ese quebrantamento tivo entre as súas causas o uso do procedemento negociado sen publicidade en 24 contratos por importe de case 6 millóns. Por iso a UE achegou o 53% do gasto certificado e non o 71% previsto.
Os argumentos da Autoridade Portuaria
Como informa La Opinión de A Coruña, a Autoridade Portuaria respondeu a este novo paso do Tribunal de Cuentas evidenciando que as irregularidades detectadas son, polo momento, "presuntas" e que o organismo fiscalizador analizou contratos dun período de máis de vinte anos. Engade ademais que se trata de contratacións anteriores á chegada do actual presidente do porto, Enrique Losada, nomeado pola Xunta en 2009.
Alén da reacción manifestada ao devandito xornal a posición oficial da Autoridade Portuaria ás pesquisas do Tribunal de Contas, cuxo informe lamentaba que máis dunha década despois "aínda non se lograse o obxectivo principal do proxecto", eliminar os riscos portuarios do centro da Coruña, ficaran reflectidas nas súas alegacións.
Nas súas alegacións a Autoridade Portuaria argumentou, achegando recortes de prensa, que a existencia do porto exterior xa evitara un sinistro semellante ao do Prestige
Nelas a Autoridade Portuaria ofrecía unha "visión alternativa dos feitos" que limitaba os sobrecustos a apenas un 8% e instaba o Tribunal a ter en conta que ""tras algo máis de 7 anos de obras, sometidas a condicións meteorolóxicas propias do mar Atlántico, coa necesidade de modificar as condicións de execución" para "extremar as condicións da súa construción" e "preservar as máximas condicións de seguridade para os traballadores encargados" e mais "coa luctuosa noticia da perda de cinco vidas humanas na súa execución", o porto exterior xa está operativo.
Nesas alegacións o Porto daba por feita a controvertida venda dos terreos do porto interior, pero tamén defendía a súa propia xestión asegurando que as instalacións de punta Langosteira xa liberaran a Galicia dun sinistro semellante ao do Prestige. Para reforzar ese argumento a Autoridade Portuaria achegou ao Tribuna cinco recortes de prensa sobre a avaría dun petroleiro que se refuxiou no Porto Exterior en decembro de 2016 sen maiores consecuencias. Esas cinco novas deixan claro que con ese petroleiro non houbo accidente ningún, pero de non existir o porto exterior "puideron ser reprodución, unha vez máis", das "portadas" posteriores ao naufraxio do Prestige, algunhas das cales a Autoridade Portuaria tamén amosou ao Tribunal.