O amplo informe co que o Tribunal de Cuentas fiscalizou o porto exterior da Coruña e detectou na súa xestión diversas "irregularidades" e sobrecustos do 27% inclúe tamén, como sempre sucede neste tipo de traballos, as alegacións da institución fiscalizada, neste caso a Autoridade Portuaria Coruñesa. Con esas achegas a entidade pública procura que o organismo fiscalizador modifique aspectos sobre as súas contas cos que non concorda -algunhas delas son aceptadas-, pero tamén ofrece unha "visión alternativa" á contundente conclusión final do Tribunal, segundo a cal unha década despois do inicio das obras "aínda non se logrou o obxectivo principal do proxecto", isto é, retirar do centro da Coruña o tráfico portuario de mercadorías perigosas -fundamentalmente, as da refinaría de Repsol-. Os responsables da Autoridade non só debuxan un panorama moito máis optimista que o Tribunal, senón que esgrimen cinco recortes de prensa para asegurar que grazas á posta en marcha do porto de Punta Langosteira a costa galega xa se librou dun accidente semellante ao do Prestige.
A Autoridade Portuaria achegou ao Tribunal unha "visión alternativa" dos feitos na que afirma que subsanou un posible "accidente marítimo"
Segundo a institución dependente do Ministerio de Fomento e mais da Xunta, esa "visión alternativa" dos feitos debería partir de que "tras algo máis de 7 anos de obras, sometidas a condicións meteorolóxicas propias do mar Atlántico, coa necesidade de modificar as condicións de execución" para "extremar as condicións da súa construción" e "preservar as máximas condicións de seguridade para os traballadores encargados" e mais "coa luctuosa noticia da perda de cinco vidas humanas na súa execución", o porto exterior xa está operativo. O Tribunal, abonda, debera considerar que durante 2016 xa se moveron en Punta Langosteira "máis de 700.000 toneladas" de mercadorías, entre as que se atopan "o 100% das descargas" de coke e Clínker de Repsol, empresa coa que, gábase, xa chegou en 2013 a un acordo para o seu traslado -afectará ao 60% do tráfico de hidrocarburos que actualmente son trasladados polo oleoduto que atravesa A Coruña-.
O porto replica así ao informe que constata un sobrecusto do 27% e conclúe que unha década despois do inicio das obras "aínda non se logrou o obxectivo principal do proxecto"
Alén de dar por feito o traslado de Repsol e a "liberación" dos terreos do porto interior, que a Autoridade defende vender para sufragar Langosteira, a Autoridade Portuaria describe neste punto o episodio que, afirma, proba que o porto exterior xa evitou unha catástrofe ecolóxica. "Recentemente -explica- xa se puido comporbar a súa versatilidade ao permitir o atraque (...) dun petroleiro cargado con máis de 148.000 toneladas de produtos petrolíferos, que pasando por diante das costas galegas se avariou un dos seus motores principais en condicións de navegación complicadas". O barco, relata, "entrou nas instalacións construídas en circunstancias de mar con ondas de 5 metros sen presentar ningún problema" e "podendo manifestar de forma clara" que "dita cuestión quedou cualificada como un incidente marítimo, o que se puido converter nun accidente marítimo".
"Neste sentido", a Autoridade Portuaria coruñesa convida o Tribunal de Cuentas a "recordar" as "portadas de prensa" posteriores ao afundimento do Prestige, "coa gravidade que supuxo a nivel medioambiental" e que inclúe no documento "a título recordatorio". Estas son as imaxes achegadas
"En decembro de 2016", co devandito episodio descrito, "o que puideron ser reprodución, unha vez máis, de ditas portadas" foron "noticias reflectidas na prensa" cun ton diferente, argumenta. Para reforzar a súa tese, anexa os recortes de catro informacións en dous diarios impresos, ademais da reprodución da referencia en primeira páxina a unha delas.
A Autoridade Portuaria refírese ao petroleiro Max Jacob, que foi reparado en Punta Langosteira tras sufrir unha avaría que o obrigaba a navegar a baixa velocidade
O episodio ao que se refire a autoridade portuaria é a avaría do petroleiro Max Jacob, un buque con bandeira de Liberia de 274 metros de eslora -30 máis que o Prestige- que en decembro de 2016 transportaba 150.000 toneladas de fuel -algo menos do dobre que o Prestige- entre Rotterdam e os Estados Unidos. Á altura da costa galega o petroleiro sufriu unha avaría nunha das funcións do seu motor, que o obrigou a reducir a súa velocidade e provocaba que consumise máis combustible do habitual, como informou La Opinión. Así, aínda que o barco era maior que o Prestige, a avaría non é comparable á que sufriu o accidentado petroleiro no inverno de 2002, cuxos problemas empezaron cun forte impacto das ondas en pleno temporal e acabou partindo en dous. Tampouco son equiparables as características técnicas do buque nin a súa antigüidade, toda vez que o Prestige era un precario barco que navegaba dende 1976 e o Max Jacob foi construído no ano 2000.
Aínda que a avaría non era de gran relevancia o armador decidiu reparala antes de internarse no océano Atlántico e por iso pediu permiso para realizar o arranxo na Coruña. As súas grandes dimensións impedían que entrase no porto interior, polo que foi enviado ao exterior. Así e todo, a entrada en Punta Langosteira non foi inmediata; o gran calado do barco -16,5 metros- provocou que, malia existir na zona ondas de ata 5 metros, tivese que agardar unhas tres horas á suba da marea para, axudado por tres remolcadores, acceder ao peirao de Punta Langosteira e realizar a reparación. Unha vez rematada, continuou a súa viaxe sen problemas.