As solicitudes de voto por correo medran en Galicia por riba da media do Estado: un 17% máis que en 2019

Evolución do número de solicitudes de voto por correo en Galicia CC-BY-SA Praza.gal

Correos admitiu 70.326 solicitudes nas catro provincias galegas, un 16,85% máis que nas eleccións de novembro de 2019, celebradas nunha data comparable. No conxunto de España o aumento é do 11,5%. En relación a xullo de 2023, as solicitudes caen máis dun 50%

Máis voto por correspondencia. Correos admitiu 70.326 solicitudes nas catro provincias galegas, un 16,85% máis que nas eleccións xerais de novembro de 2019, celebradas nunha data comparable. Nos comicios de xullo de 2023 o número de solicitudes foi moi superior (146.144), algo explicable polo carácter estival e vacacional dese mes.

O aumento rexistrado en Galicia é superior á media do Estado (+11,5%), no que se recibiron 1.099.687 solicitudes. Se comparamos os datos coas eleccións de xullo de 2023 tamén a evolución é mellor en Galicia, pois a cifra descende menos (-51,9%) que no conxunto de España (-58,1%).

O número de solicitudes en relación a novembro de 2019 aumenta de forma moi significativa na Coruña (+25,1%) e tamén en Pontevedra (+19,6%). Faino algo menos en Lugo (+13,3%). E, pola contra, descende un 5,94% na provincia de Ourense

O gráfico amosa a evolución das solicitudes nas eleccións xerais celebradas en Galicia dende o ano 2011. A evolución é crecente, pero hai grandes diferenzas en función do momento do ano no que tiveron lugar os comicios. Así, a segunda cita con máis solicitudes despois de 2023 foi a de 2016, unhas eleccións que se celebraron a finais do mes de xuño.

Tamén se inclúe, como referencia, o dato dos últimos comicios realizados en Galicia, as eleccións ao Parlamento galego de febreiro de 2024. Nesa ocasión o número de solicitudes foi de 62.831

Chaman a atención as diferenzas dos datos por provincias. O número de solicitudes en relación a novembro de 2019 aumenta de forma moi significativa na Coruña (+25,12%) e tamén en Pontevedra (+19,57%). Faino algo menos en Lugo (+13,3%). E, pola contra, descende un 5,94% na provincia de Ourense.

Se se comparan os números cos datos de 2023 tamén Pontevedra (-46,78%) e A Coruña (-51,33%) resultan ser as circuncricións nas que as cifras de solicitudes descenden menos. En cambio, as caídas en Ourense (-58,71%) e Lugo (-56,98%) son maiores.

Este mesmo venres a Xunta Electoral Central anunciou a ampliación do prazo para depositar o voto por correspondencia ata o xoves 26

Este mesmo venres a Xunta Electoral Central anunciou a ampliación do prazo para depositar o voto por correspondencia ata o xoves 26, nos horarios habituais das oficinas de Correos como máximo ata as 14 horas. Anteriormente o prazo remataba o mércores 25. Quedan, polo tanto, seis días para facelo, aínda que para "evitar esperas e acumulacións indesexadas", Correos recomenda acudir "canto antes". Pode comprobarse o horario de cada oficina na web de Correos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.