As solicitudes de voto por correo duplícanse dende 2019 e aumentan un 80% en relación ao máximo de 2016

Entrega do voto por correo nun colexio electoral de Santiago nas elección de abril de 2019 © Correos

O voto por correo está a converterse nun dos temas centrais da campaña electoral dos comicios xerais do 23 de xullo. Tanto polo importantísimo incremento das solicitudes, ligado á convocatoria en pleno verán, coma polas declaracións efectuadas polo candidato do PP, Alberto Núñez Feijóo, poñendo en cuestión que todas as persoas que solicitaron exercer o seu voto por correspondencia poidan finalmente facelo.

Algo máis de 146 mil persoas solicitaron votar por correo nas catro circunscricións galegas, fronte ás 67 mil e 60 mil das dúas convocatorias de 2019, máis que duplicando os datos de hai catro anos. En relación ao máximo que se acadara en 2016 (83.884), o aumento é do 80%

Este xoves finalizou o prazo para solicitar o voto por correo e, como xa se viña advertindo dende hai días, o número de solicitudes superou amplamente os anteriores máximos históricos. Correos deu a coñecer este venres as cifras finais, aínda provisionais, que no conxunto do Estado suman máis de 2,6 millóns de solicitudes, un 163% máis que en novembro de 2019, un 95% máis que en abril de 2019 e un 80% por riba do anterior máximo que se produciu nos comicios de xuño de 2016, cando algo menos de millón e medio de persoas solicitaron votar por correo.

Delas, 1.924.976 presentáronse de forma presencial na rede de oficinas postais e 697.832 de forma telemática a través da web de Correos, mediante sinatura electrónica e empregando como identificación o DNI electrónico ou os certificados dixitais oficiais.

O incremento no conxunto do Estado é semellante: un 163% en relación a novembro de 2019 e un 80% por riba do máximo de 2016

En Galicia o aumento é tamén moi importante, semellante ás cifras que se rexistran no conxunto do Estado. Algo máis de 146 mil persoas solicitaron votar por correo nas catro circunscricións galegas, fronte ás 67 mil e 60 mil das dúas convocatorias de 2019, máis que duplicando polo tanto os datos de hai catro anos. En relación ao máximo que se acadara en 2016 (83.884), o aumento é do 80%.

A comparación con eses comicios de 2016 resulta preceptiva, sobre todo, por ter sido a única convocatoria de eleccións xerais que se produciu no verán, aínda que nos seus primeiros días, o 26 de xuño. Eses comicios marcaron o máximo histórico de solicitudes de voto por correo, case duplicando as que se produciran en convocatorias anteriores. Porén, a participación final en Galicia foi neses comicios entre tres e catro puntos inferior á das eleccións de 2011 e 2015.

Nas eleccións de xuño de 2016, malia o récord de solicitudes, a participación foi inferior á dos comicios de 2015

Por provincias Lugo é a que máis aumenta o seu número de solicitudes (+163% en relación a novembro de 2019 e 90% en relación a 2016) e Pontevedra a que menos (+125% e +62%). En calquera caso, as diferenzas entre unha e outra circunscrición galega son cativas e o incremento é moi importante en todas elas.

Con respecto ao ano 2019, Biscaia, Madrid, Sevilla, Áraba, Zaragoza, Guipúscoa, Navarra, Valladolid e Barcelona son as provincias que rexistran incrementos maiores, todos por riba do 200% a décima provincia con máis aumento sería Lugo. Baleares, Cádiz, Almería e Girona son, en cambio, as provincias onde menos aumentaron as solicitudes.

En relación a 2016, as dinámicas son semellantes, con subas por riba do 100% en Sevilla, Biscaia, Áraba, Madrid, Guipúscoa, Navarra e Valencia. Cantabria, Lleida, Cuenca, Ávila, Teruel e Girona son as provincias onde menos aumenta o voto por correo.

O prazo para remitir o voto postal finaliza o día 20. Correos ampliou os horarios (moitas oficinas pecharán ás 22 horas en lugar de ás 20 horas) e os días de apertura (algunhas farano este sábado e domingo) para facilitar o proceso

O prazo para remitir o voto postal finaliza o día 20. Quedan, polo tanto, seis días para facelo, aínda que para "evitar esperas e acumulacións indesexadas", Correos recomenda acudir "canto antes". En calquera caso, a empresa pública ampliou os horarios (moitas pecharán ás 22 horas en lugar de ás 20 horas) e os días de apertura de oficinas para facilitar o proceso, de xeito que moitas delas -principalmente nas cidades e zonas turísticas- abrirán este sábado e domingo. Pode comprobarse o horario de cada oficina na web de Correos.

Como marca a normativa, o día das eleccións os sufraxios emitidos por correo son entregados por carteiras e carteiros no colexio electoral correspondente, onde as papeletas se mesturan coas emitidas presencialmente e son recontadas no escrutinio ordinario.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.